Os Comuneiros de Darbo teñen, unha vez máis, a última palabra  sobre o futuro do seu monte

 

Nesta ocasión, os comuneiros de Darbo decidirán acerca da sinatura dun convenio co Concello de Cangas, no que se contempla a posible cesión do terreo que na actualidade está ocupado polo Campo de Fútbol de Montecarrasco. O obxectivo desta cesión é a execución dunha actuación de mellora das infraestruturas xa existentes que desde hai tempo veñen reclamando desde o Alondras C.F.

 

Desde hai xa algúns meses, a Xunta Reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Darbo, ven mantendo diversas conversas con membros da Corporación Municipal e representantes da entidade deportiva privada Alondras C.F. para plantexar un proxecto de mellora das instalacións que compoñen o actual Campo de Fútbol de Montecarrasco. A Xunta Reitora actuou, unha vez máis, e tal e como lle corresponde, como unha mera canle de comunicación para transmitir as propostas formuladas desde o Concello e o clube deportivo, á Asemblea de Comuneiros; para iso foise recabando ao longo deste tempo toda a información necesaria para facilitar que os comuneiros poidan tomar de xeito libre e independiente unha decisión ao respecto.

 

Este proceso de recollida de información, vese culminado coa celebración este vindeiro sábado 12 de decembro a partires das 17:00h no CEIP San Roque de Darbo, dunha charla informativa que correrá a cargo dos órganos promotores da actuación. Nesta charla interactuarase directamente cos comuneiros para poder resolver así todas as dúbidas que poidan ter ao respecto da proposta. Finalmente, o próximo sábado 19 de decembro a partires das 17:30h terá lugar a Asemblea Extraordinaria na que os comuneiros decidirán mediante votación cal queren que sexa o futuro do seu monte.

 

Constitúe un obxectivo prioritario para esta comunidade de montes a prestación de servizos aos veciños da parroquia, como xa se ten demostrado por exemplo coa cesión de terreos que na actualidade son ocupados por centros de ensino, pero tamén ocupa un lugar preferente a conservación e posta en valor do noso monte comunal e a defensa dos intereses comunais.