BORRADOR                                        LEI de MONTES de GALICIA

 

Índice


Exposición de motivos. 8

Título preliminar  Disposicións xerais. 14

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación. 14

Artigo 2. Concepto de monte ou terreo forestal 14

Artigo 3. Principios da Lei 15

Artigo 4. Dereitos dos propietarios dos montes. 15

Artigo 5. Función social dos montes. 15

Artigo 6. Obxectivos. 16

Artigo 7. Potestade normativa. 17

Artigo 8. Definicións. 17

Título I Competencias das administracións públicas. 19

Artigo 9. Competencias do Consello da Xunta. 19

Artigo 10. Atribucións da consellería competente en materia de montes. 20

Artigo 11. Competencias da Administración Local 20

Artigo 12. Consello Forestal de Galicia. 20

Título II Clasificación e réxime xurídico dos montes. A propiedade forestal 21

Capítulo I Disposicións xerais. 21

Artigo 13. Clasificación dos montes pola súa titularidade. 21

Capítulo II Clasificación dos montes. 21

Sección primeira Montes públicos. 21

Artigo 14. Clasificación dos montes públicos. 21

Artigo 15. Montes de dominio público. 21

Artigo 16. Montes patrimoniais. 22

Sección segunda Montes privados. 22

Artigo 17. Clasificación dos montes privados. 22

Artigo 18. Montes de particulares. 22

Artigo 19. Montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. 22

Artigo 20. Montes veciñais en man común. 22

Sección terceira Montes protectores. 23

Artigo 21. Concepto. 23

Artigo 22. Xestión de montes protectores. 23

Capítulo III Réxime xurídico dos montes públicos. 24

Sección primeira Dos montes de dominio público. 24

Artigo 23. Montes de dominio público. 24

Artigo 24. Afectación ao dominio público. 24

Artigo 25. Desafectación dos montes de dominio público. 24

Sección segunda Dos montes patrimoniais. 25

Artigo 26. Da usucapión ou prescrición adquisitiva. 25

Sección terceira Montes de Utilidade pública. Catálogo de Montes de Utilidade Pública. 25

Artigo 27. Declaración de montes de Utilidade pública. 25

Artigo 28. Perda de condición da utilidade pública. 26

Artigo 29. O Catálogo de Montes de Utilidade Pública. 27

Artigo 30. Inclusión e exclusión dos montes do Catálogo de Montes de Utilidade Pública. 27

Artigo 31. Efectos xurídicos da inclusión dos montes no Catálogo de montes de Utilidade Pública. 27

Artigo 32. Permutas de montes catalogados de utilidade pública. 28

Artigo 33. Concorrencia de declaracións demaniais. 28

Sección cuarta Xestión dos montes públicos. 29

Artigo 34. Xestión dos montes públicos. 29

Artigo 35. Plans de melloras. 29

Artigo 36. Comisión de Montes de Dominio Público. 30

Sección quinta Réxime de autorizacións, concesións e servidumes nos montes de dominio público. 30

Artigo 37. Concesións e autorizacións en montes de dominio público. 30

Artigo 38. Outorgamento de autorizacións. 31

Artigo 39. Condicións xerais para o outorgamento de concesións para uso privativo en montes catalogados  31

Artigo 40. Concesións de interese público. 31

Artigo 41. Concesións de interese privado. 32

Artigo 42. Servidumes en montes públicos non demaniais. 32

Sección sexta Recuperación posesoria. 32

Artigo 43. Potestade investigadora e recuperación de oficio. 32

Capítulo IV Dos montes privados. 33

Artigo 44. Xestión dos montes privados. 33

Artigo 45. Dos montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. 33

Artigo 46. Dos montes veciñais en man común. 34

Capítulo V Deslinde dos montes. 34

Sección primeira Do deslinde dos montes públicos. 34

Artigo 47. Potestade de deslinde. 34

Artigo 48. Inicio do procedemento. 35

Artigo 49. Procedemento. 35

Artigo 50. Aprobación. 36

Artigo 51.  Marqueo. 36

Sección segunda Do deslinde dos Montes Veciñais en Man Común. 36

Artigo 52. Das fases do deslinde. 36

Artigo 53. Do procedemento de deslinde entre montes veciñais en man común. 36

Artigo 54. Do procedemento de deslinde de montes veciñais con propiedades particulares. 37

Artigo 55. Do marqueo de montes veciñais en man común. 38

Capítulo VI Adquisición de propiedades forestais. 38

Artigo 56. Adquisición de terreos pola Administración. 38

Artigo 57. Adquisición de terreos polas comunidades de montes veciñais en man común. 39

Capítulo VII Conservación e protección de montes. 39

Artigo 58. Uso e actividade forestal 39

Artigo 59. Cambio de uso forestal 39

Artigo 60. Cambios de actividade forestal a agrícola. 40

Artigo 61. Cambios de actividade agrícola a forestal 41

Artigo 62. Supostos especiais de cambio de actividade. 41

Artigo 63. Ocupacións. 41

Artigo 64. Medidas de restauración. 41

Artigo 65. Restauración hidrolóxico-forestal 42

Artigo 66. Informes aos instrumentos de ordenación do territorio e ao planeamento urbanístico. 42

Artigo 67. Condicións que deben de cumprir as repoboacións forestais. 43

Artigo 68. Distancias das repoboacións. 43

Capítulo VIII Organización da propiedade forestal 44

Sección primeira Límites á división dos montes. 44

Artigo 69. Límites ás parcelacións, divisións ou segregacións. 44

Sección segunda Reorganización da propiedade de parcelas forestais. 44

Artigo 70. Concentración parcelaria en terreos forestais. 44

Título III Da planificación e da xestión forestal sostible. 45

Capítulo I Da planificación forestal 45

Artigo 71. Instrumentos de planificación forestal 45

Artigo 72. Plan Forestal de Galicia. 45

Artigo 73. Eficacia vinculante do Plan Forestal de Galicia. 46

Artigo 74. Plans de Ordenación dos Recursos Forestais (PORF) 46

Artigo 75.  Procedemento de elaboración e aprobación dos PORF. 46

Artigo 76. Contido dos plans. 46

Capítulo II Da ordenación e xestión de montes. 47

Artigo 77. Da ordenación dos montes. 47

Artigo 78. Das instrucións xerais para a ordenación de montes. 48

Artigo 79. Dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal: categorías. 48

Artigo 80. Elaboración dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal 49

Artigo 81. Aprobación e efectos dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal 49

Artigo 82. Modificación e revisión dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal 50

Artigo 83. Incumprimento do instrumento de ordenación ou xestión forestal 50

Título IV Recursos forestais. 51

Capítulo I  Principios. 51

Artigo 84. Dos produtos do monte. 51

Capítulo II Dos produtos non madeirables e servizos do monte. 51

Artigo 85. Pastos, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, cortizas, resinas e outros produtos forestais  51

Artigo 86. Pastoreo. 51

Artigo 87. Aproveitamentos cinexéticos. 53

Artigo 88. Servizos do monte. 53

Capítulo III Dos produtos madeirables. 54

Sección primeira Dos aproveitamentos en montes públicos ou de xestión pública. 54

Artigo 89. Alleamentos dos aproveitamentos en montes públicos patrimoniais. 54

Artigo 90. Alleamentos nos montes de xestión pública. 54

Artigo 91. Destino dos rendementos dos alleamentos de madeira en corta final 54

Sección segunda Dos aproveitamentos en montes de xestión privada. 55

Artigo 92. Dos aproveitamentos madeirables. 55

Artigo 93. Aproveitamentos en masas consolidadas de frondosas autóctonas. 56

Artigo 94. Aproveitamentos nas zonas de servidume e policía de dominio público. 56

Artigo 95. Da biomasa forestal 57

Título V Das infraestruturas forestais. 58

Artigo 96. Construción de infraestruturas públicas non forestais. 58

Artigo 97. Da incidencia da normativa urbanística en materia de infraestruturas forestais. 58

Artigo 98. Pistas forestais. 58

Título VI Da cadea monte-industria. 59

Artigo 99. A cadea monte-industria. 59

Artigo 100. Mesa da Madeira. 60

Artigo 101. Outras mesas sectoriais de produtos do monte. 60

Artigo 102. Rexistro de empresas do sector forestal 60

Artigo 103. Estatística forestal galega. 61

Artigo 104. Comercio responsable de produtos forestais. 61

Artigo 105. Certificación forestal 61

Título VII Educación, divulgación, formación e investigación. 62

Capítulo I Educación. 62

Artigo 106. Da educación. 62

Capítulo II Formación e divulgación. 62

Artigo 107. Formación. 62

Artigo 108. Programas de divulgación. 63

Capítulo III Da investigación e a transferencia. 63

Artigo 109. Investigación. 63

Artigo 110. Transferencia. 64

Título VIII Dos recursos xenéticos forestais. 64

Capítulo I Da mellora xenética e do material forestal de reprodución. 64

Artigo 111. Da conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais. 64

Artigo 112. Do material forestal de reprodución. 64

Capítulo II Dos entes provedores de material forestal de reprodución. 65

Artigo 113. Entes provedores de material forestal de reprodución. 65

Título IX Pragas, enfermidades forestais e defensa fitosanitaria. 66

Capítulo I Das pragas, enfermidades forestais e defensa fitosanitaria. 66

Artigo 114. Marco xurídico da sanidade forestal 66

Artigo 115. Declaración de pragas ou enfermidades forestais. 66

Artigo 116. Actuacións da Administración forestal 66

Artigo 117. Obrigas dos titulares de montes e dos xestores de servizos forestais. 67

Artigo 118. Seguimento e controis. 67

Título X Fomento forestal 68

Capítulo I Disposicións xerais. 68

Artigo 119. Das accións de fomento forestal 68

Artigo 120. Medidas de fomento. 68

Artigo 121. Das prioridades nas medidas de fomento. 69

Capítulo II Dos instrumentos de fomento forestal 69

Artigo 122. Sociedades de fomento forestal 69

Artigo 123. Contratos de xestión pública. 69

Capítulo III Do fondo de melloras. 71

Artigo 124. Fondo de melloras. 71

Título XI Do Sistema Rexistral 72

Artigo 125. Sistema Rexistral Forestal de Galicia. 72

Título XII Réxime sancionador 73

Capítulo I Das infraccións. 73

Artigo 126. Concepto. 73

Sección primeira Clases de infraccións administrativas. 74

Artigo 127. Infraccións en materia de montes. 74

Artigo 128. Cualificación das infracción. 77

Artigo 129. Prescrición das infraccións. 78

Capítulo II Das sancións. 78

Sección primeira Multas aplicables. 78

Artigo 130. Contía das multas. 78

Artigo 131. Criterios para a graduación das sancións. 79

Sección segunda Outras sancións. 80

Artigo 132. Obriga de reparar 80

Artigo 133. Indemnización. 80

Artigo 134. Sancións accesorias. 80

Artigo 135. Comisos. 81

Sección terceira Prescrición das sancións. 81

Artigo 136. Prescrición. 81

Capítulo III Procedemento sancionador 82

Sección primeira Tramitación. 82

Artigo 137. Tramitación e competencia. 82

Sección segunda Das denuncias dos axentes da autoridade e forestais. 82

Artigo 138. Presunción de veracidade. 82

Sección terceira Do expediente sancionador 83

Artigo 139. Suxeitos responsables. 83

Artigo 140. Medidas preventivas. 83

Artigo 141. Vinculación coa orde xurisdicional penal 84

Artigo 142. Caducidade do procedemento. 84

Artigo 143. Executividade das resolucións. 85

Sección cuarta Medios de execución forzosa. 85

Artigo 144. Multas coercitivas e execución subsidiaria. 85

Artigo 145. Constrinximento sobre o patrimonio. 85

Capítulo IV Do rexistro de infractores. 86

Artigo 146. Rexistro de infractores. 86

Disposicións adicionais. 86

Disposición adicional primeira. Defecto de licenza municipal 86

Disposición adicional segunda. Das cotas mínimas de reinvestimentos en mellora e protección do monte  86

Disposición adicional terceira. Mecenado. 87

Disposición adicional cuarta. Dos bosques como sumidoiros de carbono. 87

Disposición adicional quinta. Rexeneración de masas arbóreas preexistentes. 88

Disposicións transitorias. 88

Disposición transitoria primeira. Terreos suxeitos a algún réxime de servidume ou afección de dereito público  88

Disposición transitoria segunda. Servidumes en montes demaniais. 88

Disposición transitoria terceira. Ordenanzas e disposicións municipais. 88

Disposición transitoria cuarta. Adaptación dos Plans Xerais de Ordenación Municipal 88

Disposición transitoria quinta. Cortas en solos urbanizables. 88

Disposición transitoria sexta. Aproveitamentos en montes veciñais en man común en tanto non se aprobe o instrumento de ordenación obrigatorio. 89

Disposición transitoria sétima. Regulamento do Fondo de Mellora. 89

Disposición transitoria oitava. Réxime transitorio das solicitudes de axudas, subvencións e beneficios fiscais  89

Disposición transitoria novena. Montes con consorcios ou convenios coa Administración. 89

Disposición transitoria décima. Procedementos en tramitación e adecuación ás distancias  previstas para repoboacións. 90

Disposicións derrogatorias. 91

Disposición derrogatoria. 91

Disposicións derradeiras. 92

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. 92

Disposición derradeira segunda. Da modificación dos Anexos. 108

Disposición derradeira terceira. Habilitación normativa. 109

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor 109

ANEXO I 110

ANEXO II Distancias mínimas a respectar polas novas repoboacións forestais. 111


 


Exposición de motivos

O monte, como recolleu unha antiquísima tradición, foi a base que permitiu o sustento das sociedades antigas e posibilitou o tránsito á moderna sociedade dos nosos días, nas que os bosques desempeñan un papel fundamental, tanto desde o punto de vista económico –coa madeira como principal aproveitamento nas sociedades postindustriais– como ambiental
–depósito de carbono e verdadeiro pulmón do mundo actual– e tamén social e cultural –en canto espazo de expansión e lugar de encontro e esparexemento–.

No ámbito forestal, Galicia ocupa un lugar esencial. É, sen lugar a dúbidas, a maior potencia forestal de España, e unha das más importantes de Europa. A súa superficie forestal arborada representa o 48% da totalidade da comunidade autónoma, superando as 1.400.000 hectáreas e producindo anualmente más de 7.000.000 m3, a mesma cantidade que todo o Reino Unido, ou que Italia e Bélxica xuntas, o que significa que unha hectárea de monte galego pode acadar un crecemento anual superior aos 25 m3 de madeira, unha produción que é oito veces superior á doutros países esencialmente forestais de Europa. De aí que o incremento da masa arborada en cantidade e calidade constitúa un obxectivo básico, no só do sector forestal en particular, senón da sociedade galega do século XXI no seu conxunto, garantindo o aproveitamento continuado dos recursos forestais, especificamente da madeira, que segue sendo, nestes momentos, o segundo produto deficitario na Unión Europea –tras o enerxético–, o que pode supoñer unha vía de ordenación territorial, posibilitando un freo ao abandono sistemático das explotacións do rural de Galicia e permitindo, a través do desenvolvemento de explotacións e industrias forestais, a fixación da poboación evitando o despoboamento e a crise demográfica que atenazan o mundo rural galego.

A configuración do monte galego estivo en continuo proceso de cambio desde comezos do século pasado. Co devir histórico, a realidade dos nosos montes variou moito; desde unha relativamente escasa importancia da superficie arborada e unha gran porción do monte dedicada a aproveitamentos gandeiros e mesmo cultivos agrícolas en zonas pouco ou nada axeitadas, a un monte como o actual, onde os terreos volveron ter un uso forestal prioritario, acadando as dúas terceiras partes da superficie da comunidade autónoma, con fortes incrementos da superficie arborada e configurándose a madeira como un recurso endóxeno de primeira magnitude.

A efectos de aquilatar a importancia actual do sector forestal na economía galega, non sempre adecuadamente ponderada, é necesario indicar que a facturación conxunta da industria de transformación da madeira supera na nosa comunidade autónoma os 1.600 millóns de euros anuais, proporcionando emprego directo a máis de 22.700 traballadores, constituíndo o sector industrial que maior emprego xera na comunidade, cun 12% da poboación laboral activa, fronte ao 10% do sector da automoción e ao 9% do sector téxtil. A industria de primeira transformación produce o 60% da produción nacional de taboleiros, o 40% da madeira de aserrío e o 20% da pasta de papel, totalizando el 3,5% do P.I.B. da comunidade autónoma.

Pero a importancia do sector forestal non reside só nas cifras macroeconómicas, claros expoñentes da súa importancia, senón que, como xa indicamos, desempeña unha función básica na fixación da poboación no rural. En comarcas como as de Lugo, A Fonsagrada, Terra Cha, Bergantiños, Fisterra, A Limia ou Verín, a forestal figura entre as tres primeiras actividades industriais por emprego xerado, pois o 70% destas empresas aséntanse en poboacións de menos de 5.000 habitantes. En consecuencia, un dos obxectivos prioritarios desta nova norma é colaborar e impulsar a organización do territorio galego, equilibrando os usos do solo, permitindo un adecuado aproveitamento dos recursos e, ao mesmo tempo, colaborando ao mantemento das explotacións agrarias existentes, axilizando a súa posibilidade de crecemento e consolidación como factor básico que minimice, na medida do posible, o abandono do rural, e consiga frear o envellecemento demográfico e a despoboación, posibilitando a fixación da poboación. A presente Lei xurde nun momento no que o abandono agrario segue a tendencia ao incremento da superficie forestal. Neste contexto, e co obxectivo de consolidar e mellorar as superficies forestais, é importante acadar o equilibrio de usos, eliminando en gran parte o risco de desaparición e, con iso, a imposibilidade de realizar un adecuado aproveitamento racional e multifuncional.

O monte, ademais da importancia económica e social referenciada en Galicia, ten un función medioambiental que se acrecenta progresivamente. A relación da sociedade galega co monte evolucionou considerablemente desde o último terzo do século pasado, xerando unha nova configuración baseada na esixencia do desenvolvemento sostible e do aproveitamento racional dos recursos forestais. Así, os bosques aparecen como un elemento básico da estratexia ambiental como reservorios e depósitos de fixación de carbono, chegando a fixar hoxe máis de 42 millóns de toneladas, e converténdose en piares fundamentais para o cumprimento de compromisos adquiridos no protocolo de Kyoto.

Ademais, unha parte significativa dos montes galegos, predominantemente veciñais en man común, están incluídos na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, o que revela a importancia dos bosques galegos no mantemento da riqueza e biodiversidade da nosa flora e fauna, así como o rol tan importante que os montes desempeñan na protección do solo, da paisaxe, dos sistemas hidrolóxicos e de todos os ecosistemas que as formacións arbóreas albergan. Con este fin regúlanse na lei de montes de Galicia unha serie de actuacións tendentes a previr e reducir a degradación do monte e a fomentar a restauración do mesmo, dirixidas a paliar a sobreexplotación de determinados recursos, condicionando e preservando a masa forestal ante as actividades de índole extractiva, as urbanizacións, as áreas industriais e os trazados de grandes infraestruturas, afondando no concepto de xestión sostible e, especialmente, no manexo forestal responsable.

E o monte é, ademais, un espazo que determina a paisaxe e a identidade da nosa comunidade, ao tempo que ten un compoñente social de recreo, de lugar de encontro, lúdico e de desfrute dos cidadáns. A lei trata de compatibilizar a funcionalidade medioambiental, social e estética do monte, cuxos beneficios intanxibles son desfrutados por toda a sociedade, e uns lexítimos beneficios directos que corresponden aos seus titulares. De aí que a lei persiga, como un dos seus obxectivos fundamentais, adaptar a realidade forestal galega ás esixencias, cada vez maiores, dunha sociedade, madura e moderna como a de Galicia, que debe cohonestarse cos dereitos á percepción de rendas, froitos e utilidades dos propietarios forestais e dos silvicultores.

Dado que a gran maioría dos montes e terreos forestais galegos son de propiedade privada, entre os que cabe incluír a figura tipicamente galega dos montes veciñais en man común, esta lei diríxese ao conxunto do sector, da sociedade e, moi especialmente, a todos os propietarios particulares de montes de Galicia. Son eles quen detentan, en primeira instancia, os dereitos e obrigas que teñen que ter en conta como garantía para que os montes se perpetúen no tempo, mellorando no posible as súas condicións. Neste sentido, constitúen eixos fundamentais da lei, a loita contra o abandono do rural, posibilitando calquera uso produtivo legal do territorio, que poida manter ou incrementar a actividade no rural e invertir a súa tendencia ao depoboamento; eliminar os conflitos de usos, un dos motivos fundamentais dos incendios forestais e que constitúen unha lacra para o desenvolvemento rural. A aplicación e desenvolvemento desta norma persegue involucrar aos propietarios de montes na súa xestión sostible, facilitándolles solucións para a consecución de terreos con posibilidade dunha adecuada xestión técnica nunha loita contra o minifundio a través de sociedades limitadas de fomento forestal (SOFOR). A tal fin estrutúrase un marco xurídico que simplifica os medios necesarios para o seu cumprimento, permitindo unha maior axilidade ao conxunto do sector con novos instrumentos de ordenación e xestión forestal, simplificando así mesmo o procedemento de autorización. E todo iso coa necesaria seguridade xurídica, tanto para os propietarios como para aqueles que operen no sector, ordenando os aproveitamentos forestais con criterios técnicos, de tal xeito que permita optimizar as distintas actividades forestais sen menoscabo dos dereitos dos propietarios.

É necesario significar que esta lei, de aplicación a todo o monte ou terreo forestal da comunidade autónoma, non desenvolve en detalle o réxime xurídico dos montes veciñais en man común. Esta figura, transcendental para Galicia, cunha competencia autonómica definida estatutariamente, procede que manteña, como ata agora, unha singularidade normativa específica acorde co seu réxime xurídico.

A lei de montes de Galicia estrutúrase nun título preliminar, doce títulos, cun total de cento corenta e seis artigos, cinco disposicións adicionais, dez transitorias, unha derrogatoria e catro derradeiras, concluíndo dous anexos, nos que, respectivamente, se relacionan as especies forestais de crecemento lento a determinados efectos desta Lei e as distancias mínimas que han de cumprir as novas repoboacións forestais.

O Título preliminar ocúpase de determinar os principios e obxectivos de política forestal, da fixación de conceptos básicos a efectos de salvagardar os dereitos dos administrados, e de reforzar a transparencia na actuación das administracións públicas..

No Título primeiro a lei regula a ordenación das competencias das administracións públicas, incluíndo a institución do Consello Forestal de Galicia, deslindando os seus ámbitos de actuación, e fixando nitidamente as súas atribucións a efectos de poscribir ulteriores problemas competenciais, establecendo, de acordo coa normativa estatutaria e no ámbito das súas competencias, con pleno respecto ás estatais, a función protagónica e prevalente que neste ámbito desempeña a administración autonómica.

Seguidamente, no Título segundo articúlase, dun xeito clarificador, a clasificación dos montes en función da súa titularidade e do seu réxime xurídico, diferenciando os montes públicos dos privados, e os montes protectores. É de destacar o establecemento dun réxime xurídico detallado das distintas tipoloxías de montes, con especial preocupación pola regulación dos montes públicos, nos que se diferencian os demaniais, os patrimoniais e os catalogados. É de destacar a especial preocupación pola institución do deslinde, sobre a base dunha simplificación da súa tramitación e execución, incorporando os modernos medios dispoñibles para a súa realización. Tamén é importante neste título a regulación da propiedade forestal, facendo especial salvagarda dos dereitos dos propietarios de montes, en moitas lexislacións preteridos, cando non sistematicamente ignorados e, ás veces, eliminados. Nesta lei o propietario do monte aparece, entroncando cunha rica e xa dilatada tradición na normativa forestal española, ocupando o lugar que lle corresponde, como un do eixos fundamentais da política forestal autonómica. Por outra parte, e a efectos de crear propiedades forestais viables, redúcense as posibilidades segregatorias e de parcelación, e poténcianse as concentracións forestais de natureza pública, así como as privadas vinculadas ás sociedades limitadas de fomento forestal.

O Título terceiro da lei céntrase na planificación e ordenación forestal, distinguíndose e diferenciándose de forma nítida ambos os dous aspectos, que ocupan senllos capítulos deste título. En materia de planificación, articúlanse, baixo o criterio da simplificación e a redución, os instrumentos de planificación que se estiman necesarios a efectos de articular unha política forestal que satisfaga as necesidades da nosa comunidade, e que se cifran no plan forestal de Galicia (PFG), ao que se dota de eficacia vinculante; e os plans de ordenación de recursos forestais (PORF), dos que se regula, de forma exhaustiva, a súa tramitación e contido. Seguidamente, e en materia de ordenación, regúlanse as instrucións xerais para a ordenación dos montes, e os instrumentos de ordenación e xestión forestal, cuxo contido e estrutura axústanse ás necesidades dos propietarios, simplificándose ao máximo no caso de titulares de predios forestais de escasas dimensións, a efectos de compatibilizar unha economía da xestión coa necesidade de ordenación do monte en Galicia. A tal fin regúlanse as figuras dos proxectos de ordenación e os de nova creación, documento simple e documento conxunto de xestión. Trátase de potenciar, como dixemos, a figura do propietario, e do empresario forestal, de xeito que, as esixencias administrativas no constitúen, en ningún caso, un óbice, senón unha axuda, á produción e á explotación forestal.

O Título cuarto regula os aproveitamentos forestais, distinguindo os non madeirables, entre os que destacan, pola súa importancia e incidencia social, económica e medioambiental, o pastoreo e o cinexético; dos madeirables, nos que á súa vez se diferencian os que se efectúan en montes públicos e en montes privados. Preocupación especial se observa sobre o tema do pastoreo, cunha regulación pormenorizada e detallada que reforza o papel do propietario dos terreos, como titular dos dereitos de pastoreo, sendo un aproveitamento que constitúe un imoprtante recurso forestal cando se realiza en terreos forestais. É de destacar que nos aproveitamentos madeirables óptase, como regra xeral, por un réxime de comunicacións, seguindo a liña establecida pola Directiva de Servizos.

No Título quinto as infraestruturas forestais regúlanse tratando de cohorestar a normativa forestal coa urbanística; e, no Título sexto a lei céntrase na cadea monte-industria, o que subliña a importancia que a administración lle concede, creándose unha mesa da madeira así como o rexistro de empresas do sector forestal. E regúlase o comercio responsable de produtos forestais, así como a certificación forestal, que a Comunidade Autónoma de Galicia trata de fomentar, por entender que a sostibilidade do monte, en todos os seus ámbitos, medioambiental, social e económico, constitúen principios básicos de actuación na súa política forestal e fundamento para garantir a trazabilidade dos produtos forestais galegos.

Factor clave en toda política pública, da que a forestal, loxicamente non podía ser allea, o constitúen a educación, a divulgación e a investigación que no Título sétimo son obxecto de preocupación do lexislador, particularmente en canto á transferencia dos seus resultados ao sector industrial, procurando a xeración e sinerxías neste ámbito.

O Título oitavo trata dos recursos xenéticos forestais que son regulados nesta lei sobre a base das directrices e tratados internacionais e baixo o principio da cooperación interinstitucional.

O Título noveno trata das pragas, enfermidades forestais e da defensa fitosanitaria. Aquí a administración forestal autonómica asume unha función primordial e central, a efectos de realizar todas as actuacións de prevención e protección contra axentes nocivos, impoñendo obrigas específicas aos titulares de montes e xestores dos servizos forestais a efectos de proscribir e limitar no posible a xénese, propagación e extensión daquelas.

O Título décimo, sobre fomento forestal, inclúe na súa regulación as sociedades de fomento forestal que se configuran como entidades mercantís con forma de sociedade limitada, que agrupan dereitos de uso e aproveitamento de parcelas forestais e que se estiman como piares fundamentais para o futuro desenvolvemento forestal da comunidade autónoma. Neste título aparecen regulados os contratos de xestión pública que substitúen definitivamente a fórmulas xa obsoletas como os consorcios e convenios, baixo os principios de publicidade, transparencia e concorrencia, así como de estabilidade, fundamental en ámbitos como o forestal, nos que as actividades de explotación adoitan estenderse durante anos en ciclos prolongados.

O Título décimo primeiro, de artigo único, fai a unificación do sistema de rexistros forestais, procedendo á súa determinación e sistematización.

O último Título, o décimo segundo ocúpase do réxime sancionador, pretendendo xuntar na súa regulación, o rigor co infractor e a proporcionalidade debida entre a infracción cometida e a sanción imputada, articulando os mecanismos que garantan, tanto a eficacia da actuación administrativa, como as preceptivas garantías do administrado de salvagarda dos seus dereitos.

Seguidamente a lei regula en cinco disposicións adicionais o defecto de licenza municipal, as cotas mínimas de reinvestimentos en mellora e protección do monte, o réxime de mecenado nesta materia, os bosques como sumidoiros de carbono, e a rexeneración de masas arbóreas preexistentes.

O réxime transitorio derivado da promulgación da nova lei exténdese en dez Títulos, que abranguen os terreos suxeitos a algún réxime de servidume ou afección de dereito público, as servidumes en montes demaniais, o relativo ás ordenanzas e disposicións municipais, a adaptación dos Plans Xerais de Ordenación Municipal, o relativo ás cortas en solos urbanizables, aos aproveitamentos en montes veciñais en man común en tanto non se aprobe o instrumento de ordenación obrigatorio, o regulamento do Fondo de Mellora, o réxime transitorio das solicitudes de axuda, subvencións e beneficios fiscais, o réxime dos montes que na actualidade dispón dun convenio ou consorcio coa Administración e, por último, refírese aos procedementos en tramitación e adecuación das distancias previstas para repoboacións forestais. 

A continuación derróganse as disposicións legais de igual ou inferior rango, usos e costumes, e todas aquelas que contradín o disposto na presente norma.

Das catro disposicións derradeiras, cabe destacar a primeira, pola que se modifica a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, na que se simplifican e incardinan os distintos niveis de planeamento; redefínense as redes e faixas de xestión da biomasa, clarificando as responsabilidades directas e subsidiarias, e integrándoas nos correspondentes Plans de Distrito ou Municipais; e, tamén, modifícanse as distancias en torno a vivendas ou instalacións aos efectos da obriga de xestión preventiva da biomasa. 

As tres disposicións seguintes facultan á consellería competente en materia de montes para a modificación dos Anexos, concédese habilitación normativa ao Consello da Xunta de Galicia para modificar os importes monetarios ou o límite á segregación de montes que establece a lei, así como a entrada en vigor aos vinte días seguintes da súa publicación.

Ao final da norma xúntanse dous anexos, o primeiro relativo ás especies que se consideran de crecemento lento a determinados efectos desta Lei, e o fundamental, o dous, que regula as distancias das repoboacións forestais a parcelas forestais, terreos rústicos de especial protección agropecuaria, ou a zonas adicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos sen esta clasificación, aos distintos tipos de vías e pistas forestais principais, ao ferrocarril, ás infraestruturas de tendidos eléctricos, a canles fluviais, a vivendas e construción legalizadas, ao solo urbano, núcleos rurais e solo urbanizable delimitado, e a instalacións preexistentes nas que se desenvolvan actividades perigosas, de forma que se proporciona, por vez primeira, ao administrado un cadro detallado e simplificado que pretende acabar dunha vez coa dispersa normativa na materia e a ausencia dun marco regulador unitario e regulado nunha única disposición.

 

Título preliminar
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta Lei ten por obxecto establecer o marco normativo dos montes ou terreos forestais existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido na Constitución Española, no Estatuto de Autonomía de Galicia e na estatal Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

2. A Lei será de aplicación a todos os montes ou terreos forestais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os montes veciñais en man común rexeranse polo disposto nesta Lei, en todo o que non estea expresamente regulado pola súa lexislación específica.

Artigo 2. Concepto de monte ou terreo forestal

1. Aos efectos da presente Lei, enténdese por monte ou terreo forestal, todo terreo no que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou procedan de sementeira ou plantación, que cumpran ou podan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas ou recreativas.

Teñen tamén a consideración de monte ou terreo forestal:

a)      Os terreos ermos, rochedos e areais.

b)      As construcións e as infraestruturas destinadas a servizo do monte no que se emprazan.

c)      Os terreos de antigo uso agrícola e con polo menos dez anos continuados de abandono, e sempre que adquiran sinais inequívocos do seu carácter forestal, serán considerados terreos forestais cando formen parte de superficies continuas de polo menos cinco hectáreas, salvo que se trate de terreos que estean incluidos nun banco de terras ou instrumento semellante.

d)      Todo terreo que, sen reunir as características descritas anteriormente, se adscriba á finalidade de seren repoboado ou transformado á actividade forestal, de conformidade coa normativa aplicable.

e)      Os enclaves forestais en terreos agrícolas coa superficie mínima de dez hectáreas.

2. Non teñen a consideración de monte ou terreo forestal:

a)      O solo urbano e o solo de núcleo rural.

b)      O solo urbanizable delimitado, coas salvidades sinaladas na Disposición Transitoria Cuarta.

c)      Os terreos de dominio público, salvo os que integran o dominio público forestal.

d)      Os terreos rústicos de protección ordinaria destinados a cultivo agrícola.

e)      Os terreos rústicos de especial protección agropecuaria, agás aqueles nos que se asenten novas repoboacións de acordo co establecido na presente lei e aqueles con masas arboradas de, polo menos, cinco hectáreas.

3. En solos rústicos de especial protección non incluídos na letra e), do apartado 2 deste artigo, os aproveitamentos forestais rexeranse polo disposto na presente Lei, en todo o que non se lle aplique a súa normativa específica.

Artigo 3. Principios da Lei

Esta Lei inspírase nos seguintes principios:

a)      A xestión sostible do monte conforme a súa multifuncionalidade económica, social e ambiental.

b)      A conservación, protección e restauración dos montes.

c)      O desenvolvemento socio-económico e a fixación da poboación no medio rural.

d)      O fomento da ordenación das producións forestais e do valor engadido das súas transformacións.

e)      A participación dos sectores sociais e económicos implicados na política forestal.

Artigo 4. Dereitos dos propietarios dos montes

A xestión dos montes e terreos forestais e o seu aproveitamento é unha facultade dos seus propietarios, e desenvolverase de acordo co previsto na presente Lei e na normativa que a desenvolva.

Artigo 5. Función social dos montes

1. Os terreos forestais galegos constitúen un recurso estratéxico que deberá contribuír ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia, xerando rendas e emprego na comunidade autónoma mediante un aproveitamento sostible dos seus recursos.

2. Os montes desenvolven unha función social relevante nos termos do artigo 4 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de Montes.

3. A consellería competente en materia forestal promoverá a dispoñibilidade de montes ou terreos forestais para fins sociais, educativos e recreativos, en forma tal que se respecte sempre a potencialidade e utilización forestal dos mesmos.

Artigo 6. Obxectivos

Son obxectivos da presente Lei:

1. A regulación do labor dos propietarios forestais na execución das actuacións silvícolas e no desenvolvemento da xestión sostible dos montes galegos, facilitando a súa procura.

2. A compatibilización dos diferentes usos e aproveitamentos forestais, adoptándose ás medidas de salvagarda precisas para defender os ecosistemas forestais contra os incendios, as pragas e enfermidades e o uso indebido.

3. O desenvolvemento da investigación forestal, básica e aplicada, a fin de mellorar as técnicas e prácticas forestais, así como a calidade das producións.

4. A creación de riqueza e emprego, o desenvolvemento do medio rural, e a posta en marcha de modalidades de reorganización de propiedades forestais que permitan atinxir unha clarificación e seguridade na tenza da propiedade, así como a dimensión necesaria para levar a cabo unha xestión forestal viable, e o fomento de iniciativas de xestión forestal conxunta.

5. A promoción de agrupacións de propietarios forestais para a xestión, aproveitamento e comercialización en común dos seus recursos forestais.

6. O fomento do asociacionismo forestal.

7. A colaboración dos sectores implicados na produción, transformación e comercialización dos recursos forestais, consolidando a cadea monte-industria.

8. O fomento dunha industria da primeira transformación da madeira e doutros produtos forestais orientada cara ao mercado, que contribúa a acadar o equilibrio entre a produción forestal e a demanda, presente e futura, da industria transformadora.

9. A articulación da ordenación forestal coa ordenación do territorio.

10. A adecuación da política forestal galega aos obxectivos da acción internacional sobre protección do medio ambiente, especialmente en materia de cambio climático e biodiversidade.

11. A coordinación e colaboración das diferentes Administracións Públicas na elaboración e execución das políticas forestais.

12. O fomento do coñecemento, valoración e respecto do medio forestal e do monte galego por parte dos cidadáns, e da súa participación no proceso de elaboración de normas con incidencia forestal, nos termos establecidos no ordenamento xurídico vixente.

13. A delimitación das competencias das distintas administracións que interveñen no ámbito forestal.

Artigo 7. Potestade normativa

A potestade de ditar normas relativas á xestión e aproveitamentos forestais, incluíndo os pastos, á marxe das competencias do Estado definidas constitucionalmente, corresponde única e exclusivamente á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto no artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Artigo 8. Definicións

Aos efectos desta Lei, defínense os seguintes termos:

1.      Administración forestal: órgano da comunidade autónoma, con rango de dirección xeral, con competencias en materia de montes.

2.      Aproveitamentos forestais: os madeirables e leñosos, incluída a biomasa forestal, os de cortiza, pastos, caza, froitos, fungos, plantas aromáticas e medicinais, produtos apícolas e os demais produtos e servizos con valor de mercado característicos dos montes.

3.      Aproveitamento de pastos ou pastoreo: aproveitamento polo gando, en réxime extensivo e en terreos forestais, dos pasteiros implantados ou mellorados, así como o ramoneo da vexetación, principalmente arbustiva, presente no monte.

4.      Certificación forestal: procedemento voluntario polo que un terceiro  independente proporciona unha garantía escrita tanto de que a xestión forestal é conforme con criterios de sostibilidade como de que se realiza un seguimento fiable desde a orixe dos produtos forestais.

5.      Cultivo enerxético: toda biomasa de orixe forestal, procedente do aproveitamento principal de masas forestais, que teñan a súa orixe en actividades de cultivo, colleita e en caso necesario, procesado das materias primas recollidas e cuxo destino final sexa o enerxético. Esta biomasa procederá daquelas masas forestais que teñan expresamente coma obxecto inicial a produción enerxética.

6.      Especie forestal: especie arbórea, arbustiva, de matogueira ou herbácea que non é característica de forma exclusiva do cultivo agrícola.

7.      Due diligence: obligacións establecidas para os operantes nos mercados da madeira e produtos de madeira, no marco da Regulación (EU) nº 995/2010 do Parlamento europeo e do Consello, do 20 de outubro de 2010.

8.      Forestal: todo aquilo relativo aos montes.

9.      Forestación: repoboación, mediante sementeira ou plantación, dun terreo que era agrícola ou estaba dedicado a outros usos non forestais.

10.  Incendio forestal: o lume que se estende sen control sobre combustibles forestais situados no monte.

11.  Instrumentos de ordenación ou xestión forestal: baixo esta denominación inclúense os proxectos de ordenación de montes, plans técnicos, documentos simples de xestión, documentos conxuntos de xestión, ou outras figuras equivalentes.

12.  Modificación substancial da cuberta vexetal: a transformación da vexetación arbórea que implique a súa desaparición ou o cambio de especie arbórea; a aradura dos terreos forestais; e todas aquelas modificacións que impliquen efectos similares.

13.  Monte ordenado: o que dispón de instrumento de ordenación ou xestión forestal vixente.

14.  Parroquia de Alta Actividade Incendiaria: Aquelas parroquias incluídas en zonas declaradas como de alto risco onde polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa grande virulencia, precisen medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos polos mesmos.

15.  Pista forestal principal: aquela pista forestal de máis de 5 metros de largura que dispón de cunetas.

16.  Plan de aproveitamento: documento que describe e xustifica o obxecto do aproveitamento e especifica a organización e medios a empregar, incluídas extracción e saca.

17.  Proxecto de ordenación de montes:  documento que sintetiza a organización no tempo e no espazo da utilización sostible dos recursos forestais, madeirables e non madeirables, nun monte ou grupo de montes, para o que debe incluír unha descrición pormenorizada do terreo forestal nos seus aspectos ecolóxicos, legais, sociais e económicos e, en particular, un inventario forestal cun nivel de detalle tal que permita a toma de decisión en canto á silvicultura a aplicar en cada unha das unidades do monte e á estimación das súas rendas.

18.  Reforestación: reintrodución de especies forestais, mediante sementeira ou plantación, en terreos que estiveron poboados forestalmente ata épocas recentes, pero que quedaron rasos a causa de talas, incendios, vendavais, pragas, enfermidades ou outros motivos.

19.  Repoboación forestal: introdución de especies forestais arbóreas ou arbustivas nun terreo mediante sementeira ou plantación. Pode ser forestación ou reforestación.

20.  Restauración Hidrolóxico-Forestal: enténdese por restauración hidrolóxico-forestal o proceso resultante da execución dos plans, traballos e accións necesarios para a conservación, defensa e recuperación da estabilidade e fertilidade dos solos forestais, a regulación de escorrentas, a consolidación de abas, a contención de sedimentos e a defensa do solo contra a erosión.

21.  Tratamentos silvícolas: aquelas actuacións forestais que tratan da conservación, mellora, aproveitamento ou rexeneración natural das masas arboradas.

22.  Xestión: o conxunto de actividades de índole técnica e material relativas á conservación, mellora e aproveitamento do monte.

23.  Xestor de biomasa: entidade que, acreditada pola Administración forestal, realice accións de recollida, transporte, almacenaxe ou procesado de residuos forestais, para a súa valoración como aproveitamento enerxético, compostaxe ou outros sistemas de apreciación distintos do depósito no vertedoiro.

24.  Xestión forestal sostible: a organización, administración e uso dos montes de forma e intensidade que permita manter a súa biodiversidade, produtividade, vitalidade, potencialidade e capacidade de rexeneración, para atender, agora e no futuro, as funcións ecolóxicas, económicas e sociais relevantes no ámbito local, nacional e global, e sen producir danos a outros ecosistemas.

Título I
Competencias das administracións públicas

Artigo 9. Competencias do Consello da Xunta

Ao Consello da Xunta atribúenselle as seguintes competencias en materia forestal:

1.    A afectación ao dominio público dos montes non catalogados de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.    A desafectación do dominio público dos montes de titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galicia cando desaparezan as causas que motivaron a súa afectación.

3.    A declaración de perda da condición de utilidade pública dun monte ou parte dun monte, e a conseguinte exclusión do Catálogo, por declaración de prevalencia doutro interese público debidamente motivada, no caso de disparidade de criterios entre órganos administrativos competentes.

4.    A autorización dos cambios de uso forestal a outros usos non agrarios, naqueles terreos forestais, onde se tivera producido un incendio forestal nos últimos 30 anos.

5.    A aprobación das modificacións da cualificación urbanística de terreos afectados por incendios forestais nun período de 30 anos a contar desde que estes se produciron, no marco do artigo 50.1 da lei 43/2003, de 21 de novembro, de Montes.

Artigo 10. Atribucións da consellería competente en materia de montes

A consellería competente nas materias obxecto da presente Lei terá as atribucións que esta e a normativa que a desenvolva lle outorguen, así como as establecidas no resto do ordenamento xurídico vixente. En todo caso, será a competente para propoñer ao Consello da Xunta a regulación da regular a actividade forestal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11. Competencias da Administración Local

As entidades locais, no marco da lexislación básica do Estado e da lexislación da comunidade autónoma de Galicia, exercen as competencias seguintes:

a)      A xestión dos montes da súa titularidade non incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública.

b)      A disposición do rendemento económico dos aproveitamentos forestais de todos os montes da súa titularidade, sen prexuízo do disposto na presente Lei en relación co fondo de melloras de montes catalogados ou, no seu caso, do disposto na normativa da comunidade autónoma.

c)      A emisión de informe preceptivo no procedemento de elaboración dos instrumentos de ordenación forestal relativos aos montes da súa titularidade incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública.

d)      A xestión dos montes catalogados da súa titularidade, cando así o soliciten, de acordo co establecido no artigo 34.2.

e)      A emisión doutros informes preceptivos establecidos nesta Lei, relativos aos montes da súa titularidade. 

Artigo 12. Consello Forestal de Galicia

1. O Consello Forestal de Galicia, como órgano de carácter consultivo e de asesoramento da Administración autonómica en materia forestal, constituirá a canle de participación da sociedade galega co fin de potenciar a xestión sostible e fomentar o desenvolvemento do monte galego.

2. Neste órgano estarán presentes os representantes da propiedade, da Administración local, das organizacións empresariais, da investigación e demais organizacións, asociacións e entidades relacionadas co ámbito forestal.

Título II
Clasificación e réxime xurídico dos montes. A propiedade forestal

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 13. Clasificación dos montes pola súa titularidade

1. Os montes, por razón da súa titularidade, poden ser públicos ou privados.

2. Son montes públicos os pertencentes ao Estado, á Comunidade Autónoma de Galicia, ás Entidades Locais e a outras entidades de dereito público.

3. Son montes privados aqueles nos que o dominio pertence a persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, xa sexa individualmente ou en réxime de copropiedade.

4. Os montes veciñais en man común son montes privados, de natureza especial, que pertencen colectivamente, e sen atribución de cotas, ás respectivas comunidades veciñais propietarias.

Capítulo II
Clasificación dos montes

Sección primeira
Montes públicos

Artigo 14. Clasificación dos montes públicos

Pola súa natureza xurídica os montes públicos poden ser de dominio público ou demaniais, e patrimoniais.

Artigo 15. Montes de dominio público

Son de dominio público ou demaniais e integran o dominio público forestal:

a)      Os montes públicos declarados de utilidade pública e incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública, así como os que se inclúan nel, de acordo co artigo 27 da presente Lei.

b)      Os montes comunais, pertencentes ás entidades locais, en tanto o seu aproveitamento corresponda ao común dos veciños.

c)      Aqueles outros montes públicos que, non estando incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública, foran afectados a un uso ou servizo público.

Artigo 16. Montes patrimoniais

Son aqueles montes de titularidade pública que non son demaniais.

Sección segunda
Montes privados

Artigo 17. Clasificación dos montes privados

Pola súa natureza os montes privados poden ser de particulares, os chamados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo e os veciñais en man común.

Artigo 18. Montes de particulares

Son montes privados de particulares aqueles nos que a súa titularidade pertence a persoas físicas ou xurídicas de dereito privado.

Artigo 19. Montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo

1. Chámanse montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, os montes que, calquera que sexa a súa orixe ou seu destino, consuetudinariamente veñen pertencendo pro indiviso a varias persoas como propietarios en réxime de comunidade romana con asignación de cotas.

2. Estes montes, de acordo coa súa natureza, son susceptibles de división ou segregación, pero sempre que as parcelas de monte resultantes reúnan a extensión mínima establecida no artigo 69 da presente Lei.

Artigo 20. Montes veciñais en man común

Son montes veciñais en man común os montes privados de natureza especial que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan ás comunidades veciñais na súa calidade de grupos sociais, e non como entidades administrativas, e veñan aproveitándose consuetudinariamente en réxime de comunidade xermánica, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños, segundo as condicións establecidas para iso na súa lexislación específica.

Sección terceira
Montes protectores

Artigo 21. Concepto

1. Poderán ser declarados como montes protectores de Galicia aqueles terreos forestais públicos de natureza patrimonial ou privados que cumpran algunha das condicións que, para os montes públicos, establece o artigo 27 desta Lei.

2. A consellería competente, a instancia do seu titular, poderá declarar como protectores os montes descritos no apartado 1 do presente artigo, oída a entidade local onde se atopen.

Excepcionalmente, e previa audiencia do seu propietario, oído á entidade local onde radiquen, poderán declararse de oficio cando se cumpra algunha das condicións establecidas no número 1, apartados a), b), j) ou l) do artigo 27 desta Lei.

3. A desclasificación dun monte protector, ou parte deste, e a súa subseguinte exclusión do Rexistro de Montes Protectores de Galicia, farase pola Administración forestal, previa audiencia do seu titular.

4. O procedemento a seguir para a declaración e desclasificación desenvolverase regulamentariamente.

Artigo 22. Xestión de montes protectores

1. A xestión dos montes protectores corresponde aos seus propietarios, que deberán presentar un proxecto de ordenación forestal concordante cos criterios que motivaron a súa declaración, que debe ser aprobado pola Administración forestal.

2. No caso de declaración de oficio, a Administración forestal modificará ou elaborará o proxecto de ordenación forestal de aplicación, oído o seu titular, sempre que este non o faga nos prazos establecidos.

3. As limitacións que se establezan na xestión dos montes protectores declarados de oficio en razón das funcións que cumpren, poderán ser compensadas pola Administración forestal.

4. En ningún caso se incluirán no apartado anterior, aquelas limitacións de uso vinculadas á conservación do potencial produtivo e dos valores intrínsecos do monte protector.

Capítulo III
Réxime xurídico dos montes públicos

Sección primeira
Dos montes de dominio público

Artigo 23. Montes de dominio público

Os montes de dominio público son inalienables, imprescritibles, indivisibles e inembargables, e non están afectos a tributo algún que grave a súa titularidade.

Artigo 24. Afectación ao dominio público

1. A afectación ao dominio público dos montes non catalogados de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirase por acordo específico do Consello da Xunta de Galicia, a proposta da consellería competente en materia de montes de conformidade co establecido na normativa patrimonial da Comunidade Autónoma, previa instrución do correspondente expediente.

2. A afectación ao dominio público dos restantes montes públicos non catalogados tramitarase pola súa administración titular e requirirá, en todo caso, o informe favorable da Administración forestal.

Artigo 25. Desafectación dos montes de dominio público

1. A desafectación do dominio público dos montes de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia producirase cando desaparezan as causas que motivaron a súa afectación, requirindo informe da Administración forestal, e sendo necesario acordo expreso do consello da Xunta de Galicia., de conformidade co establecido na lexislación sobre o patrimonio de Galicia.

2. A desafectación dos restantes montes demaniais tramitarase pola súa administración titular e requirirá, en todo caso, o informe favorable da Administración forestal.

3. A desafectación dos montes catalogados requirirá, en todo caso, a súa previa perda da condición de utilidade pública e a súa exclusión do Catálogo.

Sección segunda
Dos montes patrimoniais

Artigo 26. Da usucapión ou prescrición adquisitiva

1. A usucapión ou prescrición adquisitiva dos montes patrimoniais só se dará mediante a posesión de boa fe, en concepto de dono, pública, pacífica e non interrompida durante trinta anos.

2. Entenderase interrompida a posesión, a efectos da prescrición, pola iniciación de expedientes sancionadores, pola realización de aproveitamentos forestais ou por calquera outro acto posesorio realizado pola Administración propietaria do monte.

Sección terceira
Montes de Utilidade pública. Catálogo de Montes de Utilidade Pública

Artigo 27. Declaración de montes de Utilidade pública

1. Poderán ser declarados de utilidade pública, e incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública, os montes públicos comprendidos nalgún dos seguintes supostos:

a)       Os que sexan esenciais para a protección do solo fronte aos procesos de erosión.

b)       Os situados nas cabeceiras das concas hidrográficas e aqueles outros que contribúan decisivamente á regulación do réxime hidrolóxico, evitando e reducindo aludes, riadas e inundacións e defendendo poboacións, cultivos e infraestruturas.

c)       Os que se atopen nas áreas de actuación prioritaria para os traballos de conservación de solos fronte a procesos de erosión e de corrección hidrolóxico-forestal e, en especial, as dunas continentais.

d)       Os que eviten ou reduzan os desprendementos de terras ou rochas e o aterramento de encoros e aqueles que protexan cultivos e infraestruturas contra o vento.

e)       Que se atopen nos perímetros de protección das captacións superficiais e subterráneas de auga.

f)         Os que se atopen formando parte daqueles tramos fluviais de interese ambiental ben por estar incluídos nos planes hidrolóxicos de concas, ou ben por estar incluidos na rede de Espazos Naturais Protexidos de Galicia. Así mesmo, os que sexan necesarios para acadar os obxectivos dos plans hidrolóxicos.

g)       Os que estean situados en áreas forestais declaradas de protección dentro dun plan de ordenación de recursos naturais ou dun plan de ordenación de recursos forestais de conformidade co disposto no art. 31 da lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

h)       Os que sen reunir plenamente, no seu estado actual, as características descritas nos parágrafos a), b) ou d), do presente artigo, sexan destinados á repoboación ou mellora forestal, cos fins de protección recollidos nos apartados indicados.

i)         Os que contribúan, de xeito especial, á conservación da diversidade biolóxica, a través do mantemento dos sistemas ecolóxicos, a protección da flora e da fauna e, en particular, os que constitúen ou formen parte da rede Galega de Espazos Naturais Protexidos.

j)         Os que formen masas arbóreas de especial interese na conservación do patrimonio xenético forestal ou constitúan masas de especial valor estratéxico na prevención de incendios forestais.

k)       Os que se vinculen á satisfacción de intereses xerais, e en concreto, á protección e mellora da calidade de vida da zona ou ao ocio e esparexemento dos cidadáns. Son montes nos que as características sociais ou recreativas prevalecen sobre outro tipo de aproveitamentos.

l)         Os que, estando incluídos dentro das zonas de alto risco de incendios, sufran ou sufriran, en todo ou en parte, incendios forestais, ou nos que o seu potencial forestal se vexa afectado de forma substancial pola devandita causa.

m)     Os que amosen valores forestais de especial significación.

n)       Os que, sen reunir plenamente no seu estado actual as características dos montes protectores ou con outras figuras de especial protección, sexan destinados á restauración, repoboación ou mellora forestal cos fins de protección daqueles.

Nos supostos previstos nos apartados b) c), d) e), f) e h) solicitarase informe preceptivo ao órgano competente en materia de xestión do dominio público hidráulico.

2. A declaración de utilidade pública farase de oficio ou a petición da entidade propietaria do monte ou a petición razoada doutros órganos, mediante Orde da consellería competente, a proposta da dirección xeral competente en materia forestal, previa instrución do correspondente procedemento no que, en todo caso, se solicitará informe preceptivo da Administración titular e concederase audiencia aos titulares doutros dereitos sobre o monte.

3. No caso dos montes patrimoniais da comunidade autónoma, a súa catalogación producirase por acordo específico do Consello da Xunta de Galicia. O acordo de catalogación implica a afectación consonte ao disposto no artigo 15. 

Artigo 28. Perda de condición da utilidade pública

1. Poderá declararse a perda da condición de utilidade pública e a conseguinte exclusión do Catálogo de todo ou parte dun monte, mediante orde da consellería competente en materia de montes, a proposta da dirección xeral competente en materia forestal, de oficio ou a instancia do titular, e en expediente tramitado ao efecto, oídos a Administración titular e os titulares doutros dereitos sobre o monte, cando desapareceran as causas que motivaron a súa declaración ou cando, por sentenza firme se declare que o monte non é de titularidade pública.

2. Igualmente, poderá producirse a perda da condición de utilidade pública dun monte, e a conseguinte exclusión do Catálogo, por declaración de prevalencia doutro interese público debidamente motivada, mediante orde da consellería competente en materia de montes ou, no caso de disparidade de criterios entre órganos administrativos competentes, por Acordo do Consello da Xunta.

Artigo 29. O Catálogo de Montes de Utilidade Pública

O Catálogo de Montes de Utilidade Pública é un rexistro público de carácter administrativo no que se inscriben todos os montes que con anterioridade foran declarados de Utilidade Pública e os que se declaren con posterioridade á entrada en vigor desta Lei, así como os actos de permuta, prevalencia ou calquera outro que poida afectar a súa situación.

Artigo 30. Inclusión e exclusión dos montes do Catálogo de Montes de Utilidade Pública

1. A inclusión ou exclusión dun monte, ou parte deste, do Catálogo de Montes de Utilidade Pública farase de oficio ou a instancia do titular, pola consellería competente en materia de montes, simultaneamente á obtención da condición de utilidade pública ou á súa perda.

2. As reclamacións sobre inclusións ou exclusións de montes no Catálogo que non se refiran a cuestións de propiedade terán carácter administrativo e resolveranse ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. Regulamentariamente establecerase o procedemento para a levanza do Catálogo de Montes de Utilidade Pública que lle corresponderá á Administración forestal.

Artigo 31. Efectos xurídicos da inclusión dos montes no Catálogo de montes de Utilidade Pública.

1. A titularidade que no Catálogo se asigne a un monte só pode impugnarse en xuízo declarativo ordinario da propiedade ante os tribunais civís, non permitíndose o exercicio das accións reais do artigo 41 da Lei Hipotecaria e o artigo 250.1.7 da Lei de Axuizamento Civil.

2. Nos casos nos que se promovan xuízos declarativos ordinarios de propiedade de montes catalogados, será parte demandada a comunidade autónoma, ademais de, no seu caso, a entidade titular do monte.

3. A Administración titular ou xestora inscribirá os montes catalogados, así como calquera dereito sobre eles, no Rexistro da Propiedade, mediante certificación acompañada por un plano topográfico do monte ou o levantado para o deslinde, a escala cartográfica suficiente para a súa axeitada identificación. Na certificación expedida para dita inscrición incluirase a referencia catastral do inmoble ou inmobles que constitúan o monte catalogado, de acordo coa Lei 48/2002, do 3 de decembro, do Catastro Inmobiliario.

Artigo 32. Permutas de montes catalogados de utilidade pública

1. Poderá realizarse a permuta dunha parte non substancial dun monte catalogado de utilidade pública cando se acredite que aquela supoña unha mellora da definición dos lindeiros, da súa xestión ou da súa conservación. Excepcionalmente, poderase autorizar a mencionada permuta por razóns distintas ás anteriores, sempre que non supoñan un menoscabo dos valores forestais do monte catalogado.

2. A permuta deberá ser expresamente autorizada pola consellería competente en materia de montes, a proposta da persoa titular da Administración forestal,  previa conformidade dos propietarios, e comportará a automática exclusión do Catálogo da parte permutada do monte catalogado e o simultáneo ingreso en dito catálogo dos novos terreos. No caso dos montes de titularidade da Administración xeral da comunidade autónoma, o acordo de permuta será adoptado pola Administración forestal e implicará a desafectación da parte a permutar e a correspondente afectación da parte permutada.

Artigo 33. Concorrencia de declaracións demaniais 

1. Cando un monte catalogado resultara afectado por expediente do cal poida derivarse outra declaración de demanialidade distinta da forestal, e sen prexuízo do que, no seu caso, dispoña a declaración de impacto ambiental, as Administracións competentes buscarán canles de cooperación con obxecto de determinar cal das devanditas declaracións deba prevalecer.

2. Sen prexuízo do disposto no art. 18.4 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de Montes, no suposto de discrepancia entre consellerías ou entre a Administración autonónmica e a Adminstración local , resolverá o Consello da Xunta mediante Acordo. No caso de que ambas demanialidades sexan compatibles, a consellería ou Administración correspondente que xestionara o expediente tramitará, en peza separada, expediente de concorrencia, a fin de harmonizar o dobre carácter demanial.

3. Cando se trate de montes afectados por obras ou actuacións de interese xeral do Estado, e exista discrepancia entre a Administración Xeral do Estado y a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, o expediente elevarase para a súa resolución ao Consello de Ministros. No suposto de ter solucionada a discrepancia, ou de concorrer outra Administración distinta á do Estado, resolverá o Consello da Xunta mediante Acordo.

Sección cuarta
Xestión dos montes públicos

Artigo 34. Xestión dos montes públicos

1. Os montes públicos non incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública serán xestionados polo seu titular.

2. Os montes incluídos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública serán xestionados pola Administración forestal, agás que sexa solicitada a súa xestión pola entidade titular, e autorizada esta pola Administración forestal nos termos que considere necesarios e consonte ao procedemento que se estableza regulamentariamente.

3. En calquera caso, a contratación dos aproveitamentos dos montes de Utilidade Pública  de titularidade de entidades locais realizarase por elas, conforme aos plans de aproveitamento aprobados e á lexislación destas, con subordinación nos aspectos técnico-facultativos aos correspondentes pregos fixados pola Administración forestal.

Artigo 35. Plans de melloras

1. Todos os montes catalogados deberán contar para a súa xestión cun proxecto de ordenación forestal aprobado. A redacción destes proxectos corresponderá á entidade xestora, oída a entidade titular, no seu caso.

En tanto non se doten de tales instrumentos se deberán presentar á Comisión de Montes de Dominio Público os plans anuais de melloras, para ser aprobados pola Administración forestal.

2. Con carácter xeral, os proxectos de ordenación forestal serán específicos para cada monte, se ben, previa xustificación, poderán ser redactados conxuntamente para grupos de montes que sexan propiedade da mesma entidade pública que presenten características semellantes.

3. Os plans de melloras concretarán as actuacións que, no marco do proxecto de ordenación forestal, tense que desenvolver con cargo ao fondo de melloras. Serán de cumprimento obrigatorio e, por regra xeral, terán carácter anual ou quinquenal. Consideraranse melloras os traballos de prevención e defensa do monte e de xestión forestal, tales como a redacción de proxectos de ordenación forestal, accións de prevención e defensa contra incendios forestais, deslindes, colocación de fitos, reforestacións, traballos silvícolas e fitosanitarios, obras de execución e conservación de vías e infraestruturas, implantación ou mantemento de pastos e cercados gandeiros e cumprimento das obrigas derivadas da lei, ou aquelas outras que contribúan á mellora da conservación e do uso social dos montes.

4. A dirección e execución de ditas actuacións corresponderá á entidade xestora, sen prexuízo de que a certificación das actuacións executadas permanezan baixo a supervisión da Administración forestal.

Artigo 36. Comisión de Montes de Dominio Público

1. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia existirá unha Comisión de Montes de Dominio Público Catalogados presidida pola persoa titular da Administración forestal, que contará coa participación das entidades locais titulares de montes de dominio público.

2. Son competencias desta Comisión, que serán desenvolvidas regulamentariamente, as de:

a)      Propoñer a aprobación dos instrumentos de ordenación forestal ou plans anuais de melloras dos montes catalogados á Administración forestal, mediante informe favorable das actuacións recollidas.

b)      Aprobar as contas xustificativas dos traballos e investimentos realizados anualmente con cargo á sección de montes catalogados de dominio público do Fondo de melloras.

c)      Elaborar, ao final de cada exercicio anual, unha memoria de xestión dos fondos de melloras que conterá unha relación dos ingresos efectuados e a razón destes, así como a exposición dos investimentos realizados e as súas condicións técnicas e económicas en execución do plan durante o correspondente exercicio.

d)      Realizar aqueloutras competencias que lle sexan conferidas mediante Orde da consellería competente en materia de montes.

Sección quinta
Réxime de autorizacións, concesións e servidumes nos montes de dominio público

Artigo 37. Concesións e autorizacións en montes de dominio público

1. Nos procedementos de concesión e autorización de servizos que vaian realizarse en montes demaniais, respectaranse os principios de publicidade, obxectividade, imparcialidade e transparencia. Aplicarase ademais o principio de concorrencia competitiva, nos seguintes supostos:

a)      cando se trate dun servizos que se promova pola administración xestora do monte conforme aos instrumentos de ordenación forestal aprobados,

b)      cando o exercicio do servizo exclúa o exercicio doutras actividades por terceiros.

2. Os criterios en que se baseará a concesión e autorización para a realización de servizos estarán directamente vinculados á protección do medio.

3. As devanditas autorizacións e concesións terán carácter temporal, non podendo ser obxecto de renovación automática, e estarán limitadas de acordo coas súas características, sen que en ningún caso sexan susceptibles de orixinar vantaxes a favor dun anterior titular ou de persoas vencelladas con el.

Artigo 38. Outorgamento de autorizacións 

1. A Administración xestora dos montes demaniais someterá a autorización aquelas actividades que, consonte coa normativa autonómica, a requiran pola súa intensidade, perigosidade ou rendibilidade.

2. Nos montes inscritos no Catálogo de Utilidade Pública, con carácter previo ao outorgamento da autorización, será preceptivo obter informe favorable da  Administración forestal, que en todo caso terá carácter vinculante.

Artigo 39. Condicións xerais para o outorgamento de concesións para uso privativo en montes catalogados

1. Poderanse outorgar concesións para uso privativo en montes catalogados en todos aqueles casos nos que, garantíndose a conservación das características que xustificaron a súa catalogación e o mantemento das funcións propias do monte, se cumpran as seguintes condicións:

a)      Dificultade extraordinaria da súa localización nun lugar distinto que o monte catalogado sobre o que se interesa o seu outorgamento.

b)      Xeración dun impacto ambiental mínimo, independentemente da súa suxeición á normativa de avaliación de impacto ambiental cando proceda, segundo a lexislación vixente, que deberá consignarse no título concesional.

c)      Conformidade da entidade propietaria co uso pretendido polo solicitante da concesión, sen prexuízo do disposto para as concesións de interese público.

d)      Compatibilidade co mantemento do uso forestal do monte e coa utilidade pública que xustifica a súa catalogación.

2. No Catálogo de Utilidade Pública tomarase razón das concesións demaniais que puidesen outorgarse sobre os montes de utilidade pública, sen prexuízo da posibilidade da súa inscrición no Rexistro da Propiedade conforme ao disposto na presente Lei, na lexislación forestal estatal e na lexislación hipotecaria.

Artigo 40. Concesións de interese público

1. A Administración forestal outorgará a concesión do uso do dominio público forestal nos montes catalogados, por razón de interese público expresamente declarado, que deberá manterse durante todo o tempo de duración da concesión, e previa tramitación do correspondente procedemento, no que deberá constar acreditado o cumprimento das condicións establecidas no artigo anterior. O seu incumprimento ou conculcación determinará a súa revogación.

2. No caso de desconformidade ou discrepancia entre a entidade titular do monte, o solicitante da concesión, ou a Administración forestal ou, no suposto dunha dobre afección demanial, estarase, aos efectos da súa compatibilidade ou prevalencia, ao disposto na presente Lei e na lexislación básica estatal, resolvendo en todo caso, o Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 41. Concesións de interese privado

1. A Administración forestal poderá outorgar concesións de interese particular do dominio público forestal con carácter excepcional e cumpríndose, en todo caso, as condicións xerais establecidas pola Lei.

2. Regulamentariamente establecerase o procedemento administrativo a seguir para o outorgamento das concesións de interese particular, en cuxo expediente deberá constar acreditado o cumprimento das condicións xerais que se establecen pola lei, así como os casos en que o devandito procedemento deba tramitarse en réxime de concorrencia.

3. A concesión do uso privativo por interese particular dos montes catalogados,  conlevará o pago periódico dun canon, nos termos e coas condicións que se establezan regulamentariamente. No caso dos montes de titularidade da Xunta de Galicia, o canon ingresarase integramente no fondo de mellora.

Artigo 42. Servidumes en montes públicos non demaniais

1. As servidumes en montes públicos non demaniais rexeranse polo réxime xurídico aplicable á Administración titular e, subsidiariamente, pola do dereito privado que lles sexa de aplicación.

2. Os incendios producidos nos montes públicos non demaniais poderán determinar a suspensión temporal do exercicio das servidumes existentes, cando así se consideren para a rexeneración forestal. A suspensión declararase mediante resolución expresa da entidade titular do monte comunicada aos interesados ou  a través do instrumento de ordenación forestal correspondente.

Sección sexta
Recuperación posesoria

Artigo 43. Potestade investigadora e recuperación de oficio

1. Os titulares demaniais, así como a Administración xestora nos montes catalogados, investigarán a situación de terreos que se presuman pertencentes ao dominio público forestal, podendo solicitar todos os datos e informes que se consideren necesarios.

2. Os titulares dos montes demaniais e, no seu caso, a Administración xestora nos montes catalogados, poderán exercer a potestade de recuperación posesoria dos posuídos indebidamente por terceiros, que non estará sometida a prazo, e respecto á que non se admitirán accións posesorias nin procedementos especiais.

Capítulo IV
Dos montes privados

Artigo 44. Xestión dos montes privados

1. Os titulares dos montes privados poderán xestionalos por si ou contratar a súa xestión, que poderá ter por obxecto calquera tipo de aproveitamento forestal, a persoas físicas ou xurídicas de dereito privado ou público.

2. A xestión será sostible, axustándose, no seu caso, ao correspondente instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración.

Artigo 45. Dos montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo 

1. Estes montes rexeranse polo costume do lugar e subsidiariamente pola Lei de Dereito Civil de Galicia e polo Código Civil, sen prexuízo do establecido na presente Lei, no que se refire aos montes privados e ás disposicións que a desenvolvan.

2. Cando estes montes pertenzan a máis de dez propietarios, para a súa xestión, poderase constituír unha xunta xestora que administrará os intereses de todos os copropietarios.

3. Para a constitución da xunta xestora a administración forestal convocará a todos os copropietarios, garantindo a máxima difusión e publicidade da citada convocatoria, sendo suficiente o acordo da totalidade dos asistentes a mesma para que a dita constitución se considere válida.

4. A xunta xestora estará composta por un número impar de membros, entre un mínimo de tres e un máximo de sete. Un deles actuará como presidente, outro como secretario e outro como tesoureiro, sendo elixidos de entre os membros da xunta xestora por maioría simple.

5. A xunta xestora terá unha vixencia de catro anos, establecéndose as maiorías simples para a toma de acordos; en caso de empate, o voto de calidade o terá o presidente.

6. A xunta xestora poderá autorizar os actos de administración ordinaria e extraordinaria, xestión e desfrute do monte e de todos os seus produtos, o alleamento de toda clase de aproveitamentos forestais, enerxéticos e mineiros, así como calquera outro acto para os que estean habilitados os propietarios de acordo coa lexislación forestal. Ademais poderán realizar contratos coa Administración, salvagardando sempre os dereitos de todos os propietarios.

7. Cando estes montes pertenzan a menos de dez propietarios ou no caso de non chegar a acordo por unanimidade para acadar unha xunta xestora, a maioría simple dos asistentes poderá constituírse en asemblea, que nomeará co mesmo quorum, un presidente e un secretario. O presidente poderá convocar asembleas para a toma de acordos por maioría simple dos asistentes, excepto que estatutariamente se determine outro réxime de maiorías.

8. Os beneficios que se xeren correspondentes as partes da propiedade non esclarecidas, deberán investirse na mellora do monte. No caso de non poder identificar a propiedade non esclarecida, deberá investirse na dita mellora polo menos o 15% do beneficio total obtido polos copropietarios.

9. Estes montes, mentres se manteñan na indivisión, gozarán dos mesmos beneficios que esta lei recolle para os montes pertencentes ás agrupacións de particulares.

Artigo 46. Dos montes veciñais en man común

O réxime xurídico dos montes veciñais en man común, rexerase polo disposto na súa normativa específica, na presente Lei, na lexislación de dereito civil de Galicia, e no costume.

Capítulo V
Deslinde dos montes

Sección primeira
Do deslinde dos montes públicos

Artigo 47. Potestade de deslinde

1. Os titulares dos montes públicos gozarán da potestade de deslinde administrativo dos seus montes, salvo o disposto no apartado 2 deste artigo.

2. O deslinde dos montes inscritos no Catálogo de Montes de Utilidade Pública e, en todo caso, o dos montes de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia realizarase pola Administración forestal, conforme co procedemento que se establece nos artigos que seguen.

3. O deslinde dos montes non catalogados que non sexan titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia deslindaranse conforme ao procedemento que determinen as respectivas Administracións públicas titulares.

A petición das ditas administracións, e ás súas expensas, a Administración forestal poderá deslindar os montes non catalogados pertencentes a elas, conforme aos mesmos requisitos e formalidades que se detallen nos artigos seguintes.

Artigo 48. Inicio do procedemento

1. O deslinde poderá promoverse:

a)      de oficio, pola Administración forestal

b)     a instancia dos propietarios lindantes o titulares de dereitos reais sobre as parcelas lindantes.

2. Por Orde da consellería competente en materia de montes fixarase a participación económica da Administración forestal e dos propietarios privados, que unicamente satisfarán o seu custo cando o deslinde se inicie a instancia de parte.

Artigo 49. Procedemento

1. O procedemento de deslinde iniciarase por Resolución da Dirección Xeral competente en materia de montes coa aprobación da Memoria previamente redactada, que deberá consignar a situación do monte, unha xustificación da necesidade de realizar o deslinde, e o orzamento do mesmo. A continuación, notificarase individualmente a todos os propietarios de predios lindantes segundo o Rexistro da Propiedade ou o catastro, e publicarase un anuncio de conformidade co artigo 59.6 a) da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no Diario Oficial de Galicia, na web da consellería competente en materia de montes, e nos taboleiros de anuncios do concello ou concellos afectados, abrindo un prazo de 30 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación, para aportar a documentación acreditativa da propiedade. A estes efectos só se considerará acreditativa da propiedade a titularidade reflectida nos asentos do correspondente Rexistro da propiedade, e no seu defecto, no catastro e, no seu caso, a acreditativa de situacións posesorias por calquera medio de proba, nos termos que regulamentariamente se determinen, e que a Administración estime conveniente. No anuncio indicarase ademais, data, hora e lugar de inicio do apeo; e nomeamento do instrutor do expediente, que deberá ser un funcionario con titulación universitaria de grao con atribucións en materia forestal.

2. A iniciación do expediente de deslinde poderá implicar a suspensión do outorgamento de autorizacións de uso, concesións e servidumes, que será levantada coa aprobación do deslinde, no caso no que non resultase alterada a superficie ou condicións do predio sobre o que estaba concedida.

3. Os traballos de apeo serán realizados baixo a dirección do instrutor designado pola Administración forestal que, en caso necesario, previo requirimento, poderá contar co asesoramento e asistencia dun integrante do servizo xurídico administrativo da Xefatura Territorial competente por razón do territorio, levantándose actas en calquera soporte documental ou dixital, e colocándose fitos e sinais provisionais.

4. Unha vez concluída a fase de apeo polo instrutor, darase traslado a todos os interesados que compareceron no procedemento, dándolles un prazo de 20 días naturais no que poderán examinar o expediente e presentar, no seu caso, alegacións.

5. Finalizado o prazo anterior, o instrutor elevará a proposta de resolución ao titular da consellería competente en materia de montes.

6. Calquera procedemento de deslinde que realice a Administración forestal, desenvolverase consonte con este procedemento.

Artigo 50. Aprobación

1. A resolución aprobatoria do deslinde publicarase no Diario Oficial de Galicia e, unha vez firme en vía administrativa, será título suficiente para a inmatriculación do monte ou para a práctica dos pertinentes asentos no Rexistro da Propiedade.

2. O deslinde aprobado e firme supón a delimitación do monte e declara con carácter definitivo o seu estado posesorio, a reserva do que puidera resultar dun xuízo declarativo de propiedade.

Artigo 51.  Marqueo

Firme en vía administrativa o acordo aprobatorio de deslinde, poderanse colocar marcos en puntos sobresaíntes de coordenadas xeográficas levantados no devandito deslinde.

Sección segunda
Do deslinde dos Montes Veciñais en Man Común

Artigo 52. Das fases do deslinde

O deslinde, total ou parcial, poderá realizarse en fases. Por unha banda, actuarase sobre as partes do perímetro estremeiro con outros montes veciñais en man común e, por outra, ocuparase das partes do perímetro estremeiro con propiedades particulares, analizando os títulos presentados e as situacións posesorias acreditadas.

Artigo 53. Do procedemento de deslinde entre montes veciñais en man común

1. Os perímetros estremeiros con outros montes veciñais en man común deberán ser obxecto de deslindamento provisional polas comunidades propietarias. Logo de ratificado o deslindamento provisional polas asembleas xerais de cada unha das comunidades de montes afectadas, darase traslado ao Xurado provincial dos acordos alcanzados, e da seguinte  documentación ou calquera outra que se poida establecer por Orde da consellería competente en materia de montes: acta do deslinde, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz ou de 1ª Instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte de cada unha das comunidades implicadas.

2. Unha vez realizado o deslindamento, o Xurado Provincial de Montes Veciñais ditará resolución aprobatoria do mesmo que será publicada no Diario Oficial de Galicia e debidamente notificada ás comunidades interesadas.

3. Os desacordos entre comunidades de montes no procedemento de deslindamento provisional poderá dar lugar, logo do compromiso das partes, a unha arbitraxe definitiva da consellería competente en materia forestal consonte á normativa sobre arbitraxe, composta por un mínimo de tres membros designados polo Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común.

4. Os desacordos que non se sometan a arbitraxe decidiranse na vía xurisdicional civil.

Artigo 54. Do procedemento de deslinde de montes veciñais con propiedades particulares.

1. A comunidade propietaria presentará á Administración forestal, previo acordo da súa Asemblea Xeral, unha proposta coa liña de deslinde entre o monte veciñal e as propiedades privadas particulares que se pretende adoptar; o servizo competente en  materia de montes da correspondente xefatura territorial informará respecto a existencia ou non de menoscabo da integridade do monte veciñal.

No caso de informe favorable, iniciarase o procedemento coa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería con competencias en materia de montes, así como coa publicación de edictos no taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume da parroquia, indicando o lugar ou lugares onde se atopa, plano topográfico e demais documentación do monte, concedendo o prazo dun mes para presentar ante a comunidade propietaria as alegacións e títulos que acrediten a propiedade ou posesión de predios lindantes.

2. A comunidade propietaria examinará e discutirá a documentación presentada e, sempre que non se produza menoscabo da integridade do monte veciñal en man común, remitirase á Administración forestal unha proposta con plano topográfico, xunto con toda a documentación e alegacións presentadas. Examinada a documentación e a proposta de deslinde provisional, a Administración forestal emitirá informe.

3. No caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola Asemblea xeral, darase traslado ao Xurado provincial dos acordos alcanzados e, cando menos, a seguinte documentación: acta do deslinde, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz ou de 1ª Instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade, que ditará resolución aprobatoria do deslindamento, notificándoa ás persoas interesadas. A devandita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4. Nos casos de informe negativo á proposta inicial de deslinde, de informe desfavorable ao deslindamento provisional, de non aprobación pola asemblea xeral ou de non existir conciliación perante o Xulgado de Paz ou de 1ª Instancia correspondente, o deslinde resolverase na vía xurisdicional civil.

5. Os desacordos nos deslindes provisionais entre comunidades de montes veciñais en man común e particulares poderán dar lugar, logo do compromiso de aceptación polas partes, a unha arbitraxe definitivo da consellería competente en materia de montes consonte á normativa sobre arbitraxe. A comisión de arbitraxe estará composta por un mínimo de tres membros designados polo Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común.

Artigo 55. Do marqueo de montes veciñais en man común

1. Firme en vía administrativa a resolución aprobatoria de deslinde, poderanse colocar marcos en puntos sobresaíntes de coordenadas xeográficas levantados no devandito deslinde.

2. Se no procedemento de marqueo se suscitaran cuestións relativas á propiedade, suspenderase o procedemento ata que a cuestión sexa resolta na vía xurisdicional civil ou exista un novo pronunciamento do Xurado provincial .

Capítulo VI
Adquisición de propiedades forestais

Artigo 56. Adquisición de terreos pola Administración

1. No caso de fincas ou montes enclavados nun monte público ou lindantes con el, o dereito de adquisición preferente corresponderá á Administración titular do citado monte público. No caso de montes lindantes con outros pertencentes a distintas Administracións públicas terá prioridade no exercicio do dereito de adquisición preferente o monte que teña un maior linde común co monte en cuestión.

2. Para posibilitar o exercicio do dereito de adquisición preferente, o transmitente deberá comunicar os datos, prezos e características da proxectada transmisión á administración titular dese dereito. Esta disporá dun prazo de tres meses, a partir da data de comunicación, para exercitar o dereito, co correspondente pago ou consignación do importe comunicado.

3. Os notarios e rexistradores da propiedade non autorizarán nin inscribirán, respectivamente, as correspondentes escrituras sen que se lles acredite previamente a práctica da devandita comunicación de forma fidedigna.

4. Si se leva a efecto a transmisión sen a comunicación previa ou sen seguir as condicións reflectidas nela, a Administración titular do dereito de adquisición preferente poderá exercitalo no prazo dun ano contado desde a inscrición da transmisión no Rexistro da Propiedade ou, no seu defecto, dende que a Administración tivera coñecemento das condicións reais da devandita transmisión.

5. O dereito de adquisición preferente ao que se refire este artigo é preferente a calquera outro establecido no ordenamento xurídico vixente.

Artigo 57. Adquisición de terreos polas comunidades de montes veciñais en man común

1. As comunidades de montes veciñais en man común terán dereito de adquisición preferente tanto das superficies lindantes, cuxa integración permita unha diminución ou mellor definición do perímetro do monte veciñal, como dos seus enclavados. Consumada a adquisición, se comunicará ao Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, que integrará a superficie adquirida ao monte veciñal co plenos efectos xurídicos, modificando o perímetro e extensión do devandito monte, e o comunicará ao correspondente Rexistro da Propiedade, que tomará razón da mesma.   

2. O precitado dereito de adquisición preferente dos montes veciñais en man común, rexerase polo disposto nos apartados 3, 4 e 5 do artigo precedente.  

Capítulo VII
Conservación e protección de montes

Artigo 58. Uso e actividade forestal

1. Aos efectos desta Lei enténdese por uso forestal calquera utilización de carácter continuado do monte que sexa compatible coa súa condición.

2. Para os efectos desta Lei, enténdese por actividade forestal toda acción material relativa á conservación, mellora e aproveitamento dos montes, tales como os aproveitamentos da madeira, biomasa, pastos, caza, cogomelos, aromáticas, froitos, etc.

3. As modificacións entre os usos forestais e agrícolas, serán considerados, para os efectos da presente Lei, como cambios de actividade.

Artigo 59. Cambio de uso forestal

1. Enténdese por cambio do uso forestal, toda actuación material ou acto administrativo que faga perder ao monte o seu carácter de tal, deixando de ser monte ou terreo forestal aos efectos da presente Lei. 

2. Agás no caso de cambios de uso forestal derivados da ordenación urbanística ou do territorio, o cambio de uso forestal só poderá autorizarse mediante resolución da dirección xeral competente en materia forestal, por razóns de interese xeral ou por razóns de interese particular, previa audiencia ao titular do monte.

3. En terreos afectados por incendios forestais, non poderase producir un cambio de uso en 30 anos. Con carácter singular, poderanse acordar excepcións sempre que, con anterioridade ao incendio forestal, o cambio de uso estivera previsto:

a)      Nun instrumento do planeamento previamente aprobado.

b)      Nun instrumento do planeamento pendente de aprobación se xa houbera sido obxecto de avaliación ambiental favorable ou, de non seren esta esixible, se xa houbera sido sometido ao trámite de información pública.

c)      Nunha directriz de política agroforestal que contemple o uso agrario ou gandeiro extensivo de montes non  arborados con especies autóctonas, incultos ou en estado de abandono.

Artigo 60. Cambios de actividade forestal a agrícola

1. Os cambios de actividade forestal a agrícola co gallo de mellorar a viabilidade das explotacións agrarias ateranse aos seguintes supostos:

a)      Poderanse realizar en superficies de ata cinco hectáreas, poboadas por especies non incluídas no Anexo I, ou especies do Anexo I con idades medias inferiores a dez anos, previa comunicación á Administración forestal. No caso de constituír enclavados, terán unha superficie mínima dunha hectárea.

b)      En superficies maiores de cinco hectáreas, será necesaria autorización da Administración forestal previa xustificación da actividade agrícola por parte do promotor.

c)      En superficies poboadas por especies do Anexo I con idades medias superiores a dez anos, precisarase de autorización da Administración forestal, previa xustificación da actividade agrícola por parte do promotor.

d)      En caso de superficies poboadas por matogueiras ou especies do xénero Acacia, poderanse realizar, previa comunicación á Administración forestal, en superficies de ata 15 hectáreas. Para superficies maiores, será necesaria autorización da Administración forestal.

2. Naquelas superficies arboradas lindantes coas superficies nas que se produza un cambio de actividade forestal a agrícola non serán de aplicación as distancias establecidas no Anexo II desta Lei ata o momento da reforestación da masa arborada tralo aproveitamento,.

Artigo 61. Cambios de actividade agrícola a forestal

Só poderan forestarse os terreos agrícolas que non formen parte dun banco de terras agrarias ou instrumento semellante,  previa comunicación á Administración forestal, cando cumpran algún dos seguintes supostos:

a)      Que linden con terreos forestais, cando se utilicen frondosas caducifolias.

b)      Que constitúan enclaves agrícolas de ata cinco hectáreas en superficie arborada, utilizando as especies das superficies limítrofes ou frondosas caducifolias.

c)      Que se destinen a plantacións forestais para froito de nogueiras, cerdeiras, castiñeiros ou especies semellantes, establecidas a un marco específico para tal aproveitamento.

Artigo 62. Supostos especiais de cambio de actividade

1. Os cambios de actividade dun monte veciñal en man común están condicionados á modificación e posterior aprobación do seu proxecto de ordenación forestal.

2. Cando os cambios de actividade afecten a espazos naturais protexidos ou a espazos da rede Natura 2000 deberán contar coa autorización da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de conservación da natureza.

3. En zonas incluídas nun proceso de concentración parcelaria, os cambios de actividade deberanse adaptar ao plan de ordenación de cultivos ou forestal, tal e como prevé a normativa vixente de concentración parcelaria. 

4. As forestacións incluídas no artigo 61.a), cando se realicen en solo rústico de especial protección agropecuaria, requirirán autorización da Administración forestal, previo informe preceptivo e vinculante da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia agropecuaria.

Artigo 63. Ocupacións

Prohíbese a ocupación de terreos forestais en montes públicos, montes veciñais en man común e montes protectores mediante instalacións, construcións ou obras feitas sen autorización do seu respectivo titular ou o seu xestor, no seu caso.

Artigo 64. Medidas de restauración

A Administración forestal poderá, en caso necesario, establecer medidas de obrigado cumprimento encamiñadas a restaurar os montes afectados por incendios forestais, vendavais, pragas, enfermidades ou outros eventos, así como nos casos contemplados no artigo 65.2, apartados c) e d). En caso de incumprimento, a consellería competente en materia de montes poderá executar subsidiariamente as devanditas medidas.

Artigo 65. Restauración hidrolóxico-forestal

1. A restauración hidrolóxico-forestal terá como fins prioritarios a recuperación da funcionalidade dos ecosistemas forestais, a loita contra a erosión, a mellora da calidade dos recursos hídricos, a estabilidade dos terreos e a protección de infraestruturas de interese xeral.

2. A Administración forestal poderá declarar zonas prioritarias de actuación en materia de control da erosión e restauración hidrolóxico-forestal atendendo preferentemente aos montes protectores, así como aos terreos forestais que se atopen nalgún dos seguintes supostos:

a)      Terreos afectados por incendios que xeren un risco para as áreas habitadas, os recursos produtivos, con especial atención aos recursos hídricos, e ás infraestruturas asociadas á súa xestión.

b)      Terreos que xeren ou se atopen en risco por desprendementos, deslizamentos ou movementos do terreo.

c)      Terreos que se atopen en risco de sufrir graves episodios de erosión e escorrenta pola degradación ou sobreexplotación dos seus solos.

d)      Outras terreos afectados por fenómenos ou causas meteorolóxicas, antrópicas, bióticas ou outros que afecten gravemente á cuberta vexetal ou ao chan.

No caso de que a declaración inclúa terreos no dominio público hidráulico, solicitarse informe preceptivo e vinculante ao órgano competente en materia de xestión deste dominio público.

3. Os plans, proxectos, obras e traballos de corrección ou restauración hidrolóxico-forestal que sexan precisos para a recuperación das zonas prioritarias de actuación, calquera que sexa a titularidade dos terreos ou o uso ao que se destinen, poderán ser declarados de utilidade publica cando concorran razóns de urxencia que así o xustifiquen, a efectos de expropiación forzosa ou de ocupación temporal, e poderán ser obxecto de actuacións inmediatas por parte da Administración forestal, só no caso de existir situacións de emerxencia que así o xustifiquen.

Artigo 66. Informes aos instrumentos de ordenación do territorio e ao planeamento urbanístico

Os instrumentos de ordenación do territorio, as normas subsidiarias e complementarias de planeamento urbanístico, os plans xerais de ordenación municipal, os plans de sectorización e os plans especiais non previstos nos plans xerais, así como a modificación destes instrumentos, cando afecten a un monte ou terreo forestal, requirirán o informe sectorial da Administración forestal. Dito informe terá caracter vinculante cando se trate de montes catalogados ou protectores.

Artigo 67. Condicións que deben de cumprir as repoboacións forestais

1. Quedan prohibidas as repoboacións forestais en solo urbano, de núcleo rural, e no solo urbanizable delimitado.

2. Queda prohibida a sementeira ou plantación, incluso de pes illados, en todo terreo forestal, agrícola e nas zonas de influencia forestal definidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, con exemplares do xénero Acacia e calquera outro sen aproveitamento comercial relevante que se determine mediante Orde da consellería competente en materia de montes.

3. As especies utilizables nos cultivos enerxéticos en territorio forestal determinaranse por Orden da consellería competente en materia de montes.

4. Quedan prohibidas as reforestacións e as novas plantacións intercaladas co xénero Eucaliptus naquelas superficies poboadas por especies do Anexo I, incluso con posterioridade ó seu aproveitamento ou a súa afectación por un incendio forestal.

5. As novas plantacións que se realicen co xénero Eucaliptus superiores ás 5 hectáreas precisarán de autorización da Administración forestal, non sendo de aplicación ás masas preeexistentes de Eucaliptus nos supostos de reforestación desa superficie.

6. En todo caso, estarán suxeitas á declaración de impacto ambiental as repoboacións forestais nos supostos previstos no anexo I do Decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, e no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental de Galicia.

7. Así mesmo, no caso das repoboacións forestais recollidas no anexo II do Decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, a consellería competente en materia de avaliacións de impacto, logo de solicitude do interesado, a necesidade de someterse ou non á dita avaliación.

Artigo 68. Distancias das repoboacións

1. As novas repoboacións forestais que teñan lugar a partires da entrada en vigor da presente Lei, deberán de gardar as distancias sinaladas no Anexo II da presente Lei a outros terreos, construcións, instalacións e infraestruturas.

2. As distancias mediranse dende o tronco do pé máis próximo á propiedade veciña, ata o límite coa outra propiedade. No caso de tendidos eléctricos, as distancias mediranse ata a proxección dos condutores eléctricos.

Capítulo VIII
Organización da propiedade forestal

Sección primeira
Límites á división dos montes

Artigo 69. Límites ás parcelacións, divisións ou segregacións

Non se poderán realizar nin autorizar, inter vivos ou mortis causa, parcelacións, divisións ou segregacións definitivas voluntarias de terreos cualificados como monte ou terreo forestal ao amparo do establecido na presente Lei, cando o resultado sexan parcelas de superficie inferior a quince hectáreas.

Sección segunda
Reorganización da propiedade de parcelas forestais.

Artigo 70. Concentración parcelaria en terreos forestais

1. As novas concentracións parcelarias que afecten a terreos maioritariamente forestais rexeranse en todo o non previsto na presente Lei, pola normativa galega en materia de concentración parcelaria.

2. Estas concentracións parcelarias estarán preferentemente vinculadas a figuras de agrupación da xestión forestal conxunta con personalidade xurídica, contando o equipo instrutor do procedemento con presencia dun profesional con titulación universitaria de grao con atribucións en materia forestal.

3. A efectos de obter axudas públicas, esixirase que o proceso de concentración cumpra os seguintes requisitos:

a)    Vencellarse a unha agrupación con personalidade xurídica para a xestión conxunta dos seus terreos, que se acreditará mediante a integración dos titulares nas correspondentes sociedades de fomento forestal ou similares.

b)   Que a propiedade de polo menos o 70% da superficie a concentrar forme parte da agrupación de xestión conxunta.

c)    Respectar o arborado preexistente, no marco dun instrumento de ordenación forestal.

d)   Dispoñer dunha superficie mínima no ámbito a concentrar de, polo menos, 15 ha.

4. As axudas públicas para os procedementos de concentración que cumpran os requisitos sinalados no apartado anterior, poderán consistir en:

a)    Axudas aos gastos do proceso de reorganización da propiedade.

b)   Axudas aos gastos de escrituración e inmatriculación e inscrición rexistral.

c)    Axudas para a redacción do instrumento de ordenación forestal.

d)   Axudas para a redacción dos proxectos de infraestruturas comúns.

e)    Axudas para a construción das infraestruturas comúns.

f)     Calquera outras que se determinen por Orden da consellería competente en materia de montes.

5. Todos os proxectos de infraestruturas en terreos forestais concentrados realizaranse unicamente considerando as necesidades conxuntas de xestión da totalidade da superficie concentrada.

O acordo de reorganización da propiedade do perímetro a concentrar será de obrigado cumprimento cando conte alomenos coa conformidade dos propietarios do 70% da superficie a concentrar.

Título III
Da planificación e da xestión forestal sostible

Capítulo I
Da planificación forestal

Artigo 71. Instrumentos de planificación forestal

Son instrumentos de planificación forestal na Comunidade Autónoma de Galicia o Plan Forestal de Galicia e os Plans de Ordenación dos Recursos Forestais.

Artigo 72. Plan Forestal de Galicia

1. O Plan Forestal de Galicia é o instrumento básico para o deseño e execución da política forestal galega, no que se avalía a situación do monte galego e no que se establecen as directrices e programas de actuación da política forestal de Galicia, así como os mecanismos de seguimento e avaliación necesarios para o seu cumprimento.

2. O Plan Forestal de Galicia é o instrumento básico de planificación forestal e terá a consideración de Programa Coordinado de Actuación ao abeiro do disposto nos artigos 16 e seguintes, da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

3. A aprobación e, no seu caso, a modificación, do Plan Forestal de Galicia corresponderá, ao Consello de Xunta mediante Decreto, a proposta da consellería competente en materia forestal, oído o Consello Forestal de Galicia e axustarase ao procedemento previsto no artigo 21 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Artigo 73. Eficacia vinculante do Plan Forestal de Galicia

O Plan Forestal de Galicia terá carácter vinculante en materia forestal e determinará o marco no que se elaborarán os Plans de Ordenación dos Recursos Forestais, e definirá as liñas de actuacións das distintas administración públicas no ámbito da presente Lei.

Artigo 74. Plans de Ordenación dos Recursos Forestais (PORF)

1. A Administración forestal elaborará os Plans de Ordenación dos Recursos Forestais (PORF) como instrumentos de planificación forestal, que afectarán preferentemente a cada distrito forestal, como territorios de condicións xeográficas, socioeconómicas, ecolóxicas, culturais ou paisaxísticas homoxéneas e que terán carácter obrigatorio e directamente executivo nas materias reguladas nesta Lei, nos termos establecidos en cada plan.

2. O contido destes plans deberá coordinarse cos correspondentes plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito establecidos na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Artigo 75.  Procedemento de elaboración e aprobación dos PORF

1. Os PORF serán aprobados polo Consello da Xunta, a proposta da consellería competente en materia de montes, oído o Consello Forestal de Galicia e trala audiencia aos concellos que abranguen os PORF por un prazo de vinte días, e o tramite de información pública que durará un mes.

2. A súa elaboración será dirixida por profesionais con titulación de grao universitario en materia de montes.

Artigo 76. Contido dos plans

1. Os PORF, como mínimo, especificarán:

a)      Delimitación do ámbito territorial e caracterización do medio físico e biolóxico.

b)      Características socioeconómicas da zona como aspectos demográficos, dispoñibilidade de man de obra especializada, taxas de paro e industrias forestais, incluídas as dedicadas ao aproveitamento enerxético da biomasa forestal.

c)      Descrición e análise dos montes e os paisaxes existentes nese territorio, os seus usos e aproveitamentos actuais, en particular os usos tradicionais, así como as figuras de protección existentes, incluíndo as vías pecuarias.

d)      Aspectos xurídico-administrativos tales como titularidades, montes catalogados, proxectos de ordenación e instrumentos de ordenación e de xestión vixentes, montes veciñais en man común,  mancomunidades e agrupacións de propietarios.

e)      Establecemento das directrices para a ordenación e aproveitamento dos montes, garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e se manteña a capacidade produtiva dos montes.

f)        Zonificación por usos e vocación do territorio, establecendo para cada zona os obxectivos, compatibilidades e prioridades, e sinalando os ámbitos de solo rústico con valor forestal aos efectos da súa categorización como de Especial Protección Forestal nos instrumentos Urbanísticos e de Ordenación do Territorio.

g)      Planificación das accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos fixados no plan.

h)      Criterios básicos para o control, seguimento, avaliación e prazos para a revisión do plan.

2. A efectos de aproveitamentos forestais en espazos de rede Natura, cando non existan plans de conservación aprobados, serán válidas as especificacións dos PORF, sempre que dispoñan de informe favorable da Administración competente en materia de conservación da natureza. 

3. Previa a aprobación dun PORF poderán elaborarse unhas directrices silvícolas por distrito forestal, aos efectos de permitir a adhesión de propietarios forestais de parcelas inferiores a 25 hectáreas, de acordo co establecido no artigo 77.5, que se aprobarán mediante Orde da consellería competente en materia de montes.

 4.Os ámbitos de solo rústico delimitados nos PORF como de valor forestal, deberán categorizarse nos instrumentos Urbanísticos e de Ordenación do Territorio como de Especial Protección Forestal.

Capítulo II
Da ordenación e xestión de montes

Artigo 77. Da ordenación dos montes

1. A ordenación de montes ten como finalidade a conservación, mellora e protección dos recursos forestais, o seu rendemento sostido e a máxima obtención global de utilidades. Estes fins deben contribuír ao desenvolvemento rural, á xeración de rendas, á fixación da poboación, á calidade paisaxística e ao mantemento da biodiversidade.

2. A ordenación de montes supón a organización no tempo e no espazo, tecnicamente xustificada, dos recursos forestais, de todos os aproveitamentos do monte e das especificacións técnicas para a súa xestión.

3. A consellería competente en materia de montes fomentará técnica e economicamente a ordenación dos montes da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos respectivos instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

4. Os montes públicos, os veciñais en man común e os de xestión pública deberán dotarse dun instrumento de ordenación, así como todos os privados superiores a 25 hectáreas en coto redondo. O prazo para dotarse do correspondente instrumento de ordenación non poderá superar o establecido na lexislación básica.

5. As propiedades particulares de superficie forestal inferior a 25 hectáreas poderán dotarse dun instrumento de xestión forestal, específico para as súas propiedades, dun instrumento de xestión forestal conxunto para distintos propietarios ou ben, ao través da súa adhesión expresa aos modelos de xestión silvícola segundo especies ou formacións forestais incluídos nos PORF.

Artigo 78. Das instrucións xerais para a ordenación de montes

1. A Administración forestal elaborará as instrucións xerais de ordenación de montes de Galicia, que se desenvolverán regulamentariamente, oído o Consello Forestal de Galicia.

2. As instrucións xerais conterán os principios reitores, criterios e requisitos que deberán cumprir todos os instrumentos de ordenación e xestión nos montes situados na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco da xestión forestal sostible.

3. A estrutura, contidos mínimos dos instrumentos de ordenación e xestión forestal, axustaranse ás instrucións xerais de ordenación de montes de Galicia, que poderán establecer distintas categorías de proxectos de ordenación así como os criterios para a elaboración dos modelos silvícolas de xestión.

Artigo 79. Dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal: categorías

1. Os instrumentos de ordenación e xestión forestal terán en conta, ademais das previsións contidas no artigo 24 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, as indicacións dos PORF que regulan o territorio no que se atope o monte, seguindo os criterios establecidos nas instrucións xerais de ordenación dos montes de Galicia e no planeamento de defensa fronte aos incendios forestais.

2. Os instrumentos de ordenación e xestión forestal elaborados para os montes do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán corresponderse con algunha das seguintes categorías:

a)      Proxecto de ordenación: instrumento de ordenación forestal que sintetiza a organización, nun marco temporal dun mínimo de 10 anos e no espazo territorial delimitado polo proxecto, do aproveitamento sostible dos recursos forestais, madeirables e non madeirables, nun monte ou grupo de montes, co obxectivo de obter unha organización estable dos distintos usos e servizos do monte.

b)      Documento simple de xestión: instrumento de xestión forestal que planifica, nun horizonte temporal mínimo de 5 anos, as melloras e aproveitamentos dunha parcela ou conxunto de parcelas dun mesmo propietario cunha superficie tal que, individualmente, ningunha supere as 25 hectáreas que, aplicando criterios silvícolas, garante unha xestión forestal sostible.

c)      Documento conxunto de xestión: instrumento de xestión forestal, de iniciativa privada para un conxunto de propietarios, que debe incluír uns referentes de boas prácticas e uns modelos silvícolas dos principais tipos de masa, ambos de obrigado cumprimento, para os terreos forestais adscritos no mesmo.  O marco temporal mínimo será 5 anos e o seu ámbito territorial non poderá exceder dun distrito forestal.

Artigo 80. Elaboración dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal

1. Os instrumentos de ordenación ou xestión forestal se elaborarán a instancia do propietario ou titular de dereitos sobre o monte, ou da entidade que teña a responsabilidade da súa xestión.

 2. Os instrumentos de ordenación ou xestión forestal redactaranse por profesionais cunha titulación universitaria de grao en materia forestal, seguindo as Instrucións Xerais de Ordenación de Montes aprobadas pola Administración forestal.

Artigo 81. Aprobación e efectos dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal

1. A aprobación dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal corresponde á Administración forestal e levará consigo a inclusión de oficio no Rexistro Galego de Montes Ordenados.

2. Se transcorridos seis meses desde a solicitude de aprobación do instrumento de ordenación ou xestión forestal, non se resolvese pola Administración competente, entenderase desestimada a solicitude.

3. Aprobado o instrumento de ordenación ou xestión forestal, e cando obtivese os preceptivos informes favorables dos organismos competentes dependentes da Administración autonómica de Galicia que procedan no seu caso, as actuacións previstas no devandito instrumento consideraranse autorizadas polos mesmos, e a súa execución só requirirán de comunicación aos precitados organismos.

4. Todo titular de monte ou terreo forestal que solicite axudas e subvencións da Administración autonómica deberá dispor, polo menos no momento da solicitude, dun instrumento de ordenación ou xestión aprobado e vixente, no marco do establecido na disposición transitoria terceira da Lei 43/2003, de montes.

5. Será condición indispensable, a efectos dos posibles beneficios fiscais aos predios forestais, dispor dun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado e vixente.

Artigo 82. Modificación e revisión dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal

A alteración, ben mediante a modificación de aspectos puntuais ou ben pola revisión de aspectos substanciais, dos instrumentos de ordenación e xestión forestal, adaptarase as condicións e prazos que se establezan nas instrucións xerais para a ordenación de montes.

Artigo 83. Incumprimento do instrumento de ordenación ou xestión forestal

O incumprimento grave ou inxustificadamente reiterado das prescricións previstas nun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración forestal, dará lugar a súa exclusión do Rexistro Galego de Montes Ordenados, perdendo os beneficios inherentes, sen prexuízo da apertura do correspondente expediente sancionador.

Entenderase por incumprimento grave cando afecte ao normal desenvolvemento do monte sen causa técnica xustificada nin comunicada á Administración forestal, para a súa aprobación, ou o aproveitamento abusivo ou a sobreexplotación que degrade ou produza perdidas de solo ou poña en perigo a viabilidade do monte, incluíndo a non rexeneración tralo aproveitamento.

Entenderase por incumprimento inxustificadamente reiterado cando dito incumprimento se repita nun prazo de dous anos de forma non motivada.

Título IV
Recursos forestais

Capítulo I
 Principios

Artigo 84. Dos produtos do monte

1. O propietario do monte é o titular dos recursos forestais que nel se producen incluíndo, entre outros, a madeira, biomasa, os pastos, cogomelos, froitos, cortizas, resinas, plantas aromáticas e medicinais, e ten dereito ao seu aproveitamento, que se realizará con suxeición ás prescricións da presente Lei e as disposicións que a desenvolvan.

2. Os aproveitamentos forestais dos montes faranse sempre harmonizando a utilización racional dos mesmos cunha axeitada conservación e mellora do medio forestal, e procurando o desenvolvemento do rural e a fixación da poboación.

3. Os aproveitamentos madeirables previstos nun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración forestal non necesitan de autorización para a súa execución, bastando unha comunicación previa, consonte ao artigo 81.3.

4. A Administración forestal poderá efectuar as inspeccións, controis  e recoñecementos que estime convenientes, tanto durante a realización do aproveitamento, como unha vez finalizado o mesmo.

Capítulo II
Dos produtos non madeirables e servizos do monte

Artigo 85. Pastos, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, cortizas, resinas e outros produtos forestais

Os propietarios de montes teñen dereito ao acoutamento das súas propiedades orientado á viabilidade e ao mellor aproveitamento de pastos, cogomelos, castañas, plantas aromáticas ou medicinais, cortizas, resinas e outros produtos que puideran constituír unha fonte de rendas para o propietario, nas condicións que se determinen mediante Orde da consellería competente en materia de montes.

Artigo 86. Pastoreo

1. O dereito de pastoreo no monte corresponde ao seu propietario que poderá autorizalo, prohibilo ou regulalo, podendo solicitar a inscrición destes extremos no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo. En todo caso, o pastoreo efectivo no monte, requirirá dispor da documentación acreditativa da autorización expresa  do propietario dos terreos. No caso dos montes veciñais en man común, a autorización por acordo expreso da Asemblea Xeral da comunidade propietaria.

2. O aproveitamento de pastos polo gando en terreos forestais é un aproveitamento forestal segundo o establecido nesta Lei e, a súa practica, levarase a cabo consonte ao establecido no instrumento de ordenación ou xestión ou, no seu defecto, de conformidade cos condicionantes incluídos no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo. O aproveitamento de pastos realizarase de xeito compatible e respectuoso coa conservación do potencial produtivo do monte e as actuacións de rexeneración do arborado.

3. As zonas de pasto en terreos forestais de aproveitamento efectivo polo gando terán a consideración de explotación gandeira a efectos de sanidade animal e se identificarán cadansúa cun código REGA único, onde estarán incluídos todos os propietarios dos animais con autorización de aproveitamento de pastos. O gando deberá estar identificado consonte a súa normativa específica de aplicación.

4. O gando que deambule nas zonas forestais ou no seu contorno sen identificación nos casos nos que exista esta obriga legal sen dono coñecido, terán a condición de mostrencos.  A xestión e administración dos animais mostrencos será competencia dos concellos onde deambulen, podendo dispor de xeito inmediato dos animais ou, no seu caso, o sacrificio dos mesmos, na forma que regulamentariamente se estableza.

5. No caso do gando identificado que deambule nas zonas forestais sen autorización acreditada para o pastoreo, ou tendo autorización cando o pastoreo se realice nas zonas incluídas no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo con prohibición expresa, ou cando careza do marcaxe expresamente indicado na regulación da zona de pastoreo, a xestión deste gando será competencia dos concellos onde deambule, podendo dar lugar a súa retirada. Poderán devolverse ao seu dono repercutíndolle os custos, nun prazo máximo de 7 días naturais, sen prexuízo da incoación dos pertinentes expedientes sancionadores.

6. Nos casos previstos nos apartados anteriores 4 e 5, os propietarios dos terreos forestais afectados poderán retirar polos seus propios medios dito gando, e poñelo ao dispor do concello, aos efectos previstos nos anteditos apartados.

7. A consellería competente en materia de montes establecerá canles de colaboración cos concellos para a realización dos labores establecidas nos apartados anteriores.

8. No caso de montes con contratos de xestión pública e nos montes titularidade da Xunta de Galicia xestionados pola Administración forestal, a retirada do gando será competencia da Administración forestal nas mesmas condicións establecidas nos apartados 4 e 5 para a Administración local.

9. Nos montes catalogados o aproveitamento con carácter privativo dos pastos esixirá concesión da Administración titular, que deberá incluír unha contraprestación en especie, preferentemente en forma de melloras no propio monte, ou monetaria, suposto no que será destinada ao fondo de melloras do monte nos mesmos termos co resto dos aproveitamentos. As condicións que se establezan na dita concesión consignaranse no instrumento de ordenación forestal do monte e, o seu incumprimento, poderá supoñer a revogación da concesión.

10. Non poderán concederse axudas públicas para calquera tipo de actividade de aproveitamento gandeiro, incluíndo aquelas vencelladas coa xestión, captura e agrupamento dos animais nas superficies incluídas no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo cando estea prohibido o pastoreo.

11.  Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais, de conformidade co disposto na normativa de prevención e defensa contra incendios forestais.  

12. No Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo inscribiranse de oficio como zonas prohibidas, as superficies queimadas naquelas parroquias definidas como de Alta Actividade Incendiaria incluídas nas zonas declaradas como de Alto Risco de Galicia, durante o período establecido no apartado 11.

Artigo 87. Aproveitamentos cinexéticos

1. Os aproveitamentos cinexéticos en terreos forestais axustaranse ao establecido na lexislación específica en materia de caza no ámbito territorial da Comunidade autónoma de Galicia.

2. A Administración forestal emitirá un informe preceptivo do plan de ordenación cinexética que afecte a terreos forestais con instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración forestal.

Artigo 88. Servizos do monte

1. A Administración forestal e os propietarios poderán fomentar o uso e servizo social e educativo dos montes e regularán o seu desfrute baixo o principio do respecto ao medio natural.

2. A celebración de actos, incluíndo os deportivos a motor, que leven consigo unha afluencia de público indeterminada, estará suxeita ao disposto no correspondente instrumento de ordenación ou xestión cando teñan carácter tradicional e periódico. En ausencia do devandito instrumento ou cando teñan carácter ocasional, solicitarase a autorización da Administración forestal polo promotor do acto, que deberá acreditar a autorización expresa dos propietarios de todos os terreos afectados. O promotor será o responsable de toda incidencia, dano ou prexuízo que poida producirse.

O prazo para outorgar estas autorizacións será de tres meses, transcorridos os cales sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

Nos montes incluídos na Rede de Espazos Naturais Protexidos de Galicia, as autorizacións serán competencia, nos mesmos termos, do órgano competente en materia de conservación da natureza.

3. Deberanse manter os montes limpos de residuos, quedando prohibido o verquido non autorizado ou o abandono de residuos, materiais ou produtos de calquera natureza en montes ou terreos forestais. Toda persoa será responsable da recollida e retirada dos que orixine.

Capítulo III
Dos produtos madeirables

Sección primeira
Dos aproveitamentos en montes públicos ou de xestión pública

Artigo 89. Alleamentos dos aproveitamentos en montes públicos patrimoniais

1. Os alleamentos das producións forestais dos montes patrimoniais das Administracións públicas terán o réxime seguinte:

a)        Nos montes de titularidade da Comunidade Autónoma, realizaranse de acordo ao establecido na súa normativa patrimonial.

b)       Nos montes de titularidade dunha entidade local rexeranse pola súa lexislación específica.

2. Os ingresos por aproveitamentos nos montes patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia destinaranse, integramente, ao Fondo de Mellora específico destes montes.

Artigo 90. Alleamentos nos montes de xestión pública

Nos montes de xestión pública, entendendo por tales aqueles cun contrato de xestión pública ao que se refire esta Lei, o alleamento realizarase por poxa, procedemento negociado ou alleamento directo, nos termos que se determinen mediante Orde da consellería competente en materia de montes.

Artigo 91. Destino dos rendementos dos alleamentos de madeira en corta final

Nos montes aos que se refire a presente sección, os alleamentos de madeira en corta final poderán financiar a reforestación da superficie de corta. A este fin, poderase realizar dentro do mesmo procedemento administrativo, o alleamento da madeira, o acondicionamento do terreo e a reforestación.

Sección segunda
Dos aproveitamentos en montes de xestión privada

Artigo 92. Dos aproveitamentos madeirables

1. Os propietarios de montes ou terreos forestais privados que desexen realizar neles aproveitamentos madeirables ou leñosos, terán que solicitar á preceptiva autorización do órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio, facendo constar na instancia o lugar ou lugares da finca no que se pretende localizar o aproveitamento de madeiras ou de leñas e a contía do mesmo.

2. Quedan exceptuados da obriga sinalada no apartado anterior do presente artigo os aproveitamentos para uso doméstico, nos termos que se determinen mediante Orde da consellería competente en materia de montes.

3. Os donos de fincas forestais poboadas das especies que non estean incluídas no Anexo I da presente Lei, que non formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección, poderán executar cortas a feito, claras ou entresacas, presentando a pertinente solicitude ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio, cunha antelación mínima de quince días ao comezo do aproveitamento. Transcorrido o prazo sen contestación, entenderase concedida a autorización solicitada.

4. No suposto de que os montes ou terreos forestais estivesen poboados con especies do Anexo I, ou formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección, a resolución relativa á autorización de corta deberá ditarse no prazo de cuarenta e cinco días que se contarán desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. No caso de ter entrada no mes de agosto, o prazo será de 60 dias.

Recibida a solicitude de autorización, o órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio requirirá os pertinentes informes das Administracións sectoriais correspondentes. Transcorridos vinte días desde que o órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio solicite os devanditos informes, entenderase que son positivos de non haber contestación expresa, continuando coa tramitación da autorización solicitada.

5. Nos montes ordenados, cando a corta se faga de acordo co instrumento de ordenación ou xestión aprobado, non se precisará autorización, bastando a comunicación á Administración forestal con quince días de antelación.

6. As persoas físicas ou xurídicas que, en lugar do seu titular, realicen a xestión ou o aproveitamento dos montes ou terreos forestais, poderán solicitar as autorizacións, ou facer as comunicacións sinaladas no presente artigo, cando estean debidamente acreditados.

7. Os clareos, as cortas de mellora ou de policía, e os demais tratamentos silvícolas sen aproveitamento comercial, non requirirán comunicación nin autorización da Administración competente.

8. O prazo máximo para a realización dun aproveitamento será de doce meses contados dende a data de notificación da autorización ou da data na que se considere outorgada esta por silencio administrativo.

9. Cando se demore a execución dun aproveitamento por causas non imputables ao seu titular ou á empresa que o leve a cabo, o prazo para a realización dos aproveitamentos forestais ao que se refire o apartado anterior poderase prorrogar, previa solicitude xustificada, por un único prazo que en ningún caso poderá superar o da concesión inicial.

10. En relación aos aproveitamentos en zonas afectadas por unha expropiación, será suficiente que o órgano expropiante envíe unha comunicación ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio, debendo sinalizarse a zona expropiada polo órgano expropiante ou polo afectado, a instancia deste órgano.

11. Nas cortas de arborado de obrigada execución de acordo co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, será suficiente unha comunicación ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio.

12. A Administración forestal procurará a simplificación dos procedementos administrativos na medida que o permitan as novas tecnoloxías e a Administración electrónica.

Artigo 93. Aproveitamentos en masas consolidadas de frondosas autóctonas

1. A Administración forestal inventariará aquelas masas de frondosas caducifolias autóctonas, cunha superficie en coto redondo de polo menos 25 hectáreas e cunha idade media de polo menos vinte anos.

2. Co obxecto de asegurar a súa sostibilidade precisarán, para o seu aproveitamento, dispor dun proxecto de xestión forestal conxunto aprobado pola Administración.  

3. A Administración forestal promoverá a agrupación dos propietarios forestais das masas obxecto do presente artigo, co fin de facilitar a instrumentación da súa axeitada xestión.

Artigo 94. Aproveitamentos nas zonas de servidume e policía de dominio público

1. Calquera aproveitamento forestal que se produza na zona de servidume do dominio público non forestal, non requirirá autorización da forestal, sen prexuízo das autorizacións preceptivas por outra normativa que lles sexa de aplicación.

2. Nos terreos forestais incluídos na zona de policía do dominio público, excluídos os referidos no apartado anterior, cando unicamente sexa necesaria a autorización de organismos ou entidades dependentes da Administración autonómica, a solicitude de autorización estará ao seguinte:

a)      Se os terreos forestais contan cun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración forestal, estarase ao disposto no artigo 81.3 de presente Lei.

b)      Cando carezan do devandito instrumento de ordenación ou xestión aprobado, estarase ao disposto no artigo 92.4 da presente Lei.

3. Para aqueles terreos forestais incluídos na zona de policía do dominio público, excluídos os referidos no apartado primeiro do presente artigo, cuxo dominio público estea adscrito a Administracións non dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración forestal autonómica promoverá acordos para acadar procedementos de colaboración tendentes a conseguir o mesmo procedemento e resultados descritos no apartado anterior.

Artigo 95. Da biomasa forestal

1. A realización dos aproveitamentos madeirables implicará a extracción ou trituración da biomasa forestal residual, salvo naqueles casos que, por motivos ambientais, orografía ou condicións de pluviometría supoñan risco de erosión, ou aqueloutras que se determinen mediante Orde da consellería competente en materia de montes.

2. A Administración forestal, en aplicación de políticas dirixidas á redución paulatina no uso de combustibles fósiles con fins enerxéticos, regulará os aproveitamentos da biomasa, cando proceda de cultivos enerxéticos forestais, de restos de aproveitamentos forestais, e doutras operacións silvícolas nas masas forestais, para utilizarse como combustible principal.

3. O aproveitamento de biomasa forestal procedente de superficies declaradas como cultivo enerxético forestal requirirá a mera comunicación á Administración Forestal con quince días de antelación.

4. O control e seguimento do aproveitamento da biomasa exercerase co fin de comprobar e garantir a fiabilidade dos sistemas de trazabilidade implantados polos xestores de biomasa.

5. O aproveitamento da biomasa realizarase consonte a criterios de sostibilidade.

6. A Xunta de Galicia, promoverá o uso de caldeiras de biomasa, en procesos industriais e domésticos.

Título V
Das infraestruturas forestais

Artigo 96. Construción de infraestruturas públicas non forestais

1. Os proxectos de construción de infraestruturas alleas á xestión dos montes articularanse de xeito que, sempre que sexa posible, non afecten ou teñan a menor incidencia nos montes de Utilidade Pública, protectores, veciñais en man común, e montes con instrumentos de ordenación e xestión forestal aprobados pola Administración.

2. A Administración que elabore un instrumento de planificación que inclúa infraestruturas que teñan que emprazarse en montes ou terreos forestais, deberán solicitar informe preceptivo da Administración forestal, previamente á súa aprobación.

Artigo 97. Da incidencia da normativa urbanística en materia de infraestruturas forestais

Aos efectos do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia:

a)      As vías de saca temporais para actividade de extracción de madeira, independentemente da súa lonxitude, e os accesos para a prevención e defensa contra o lume, non terán a consideración de viais ou camiños públicos.

b)      Os cargadeiros temporais de madeira en rolo non serán considerados depósitos de produtos inflamables nin de materiais, aos efectos do artigo 28 da Lei 3/2007, de incendios forestais de Galicia, e do artigo 33.1 d) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

c)      A utilización de maquinaria forestal para realizar un aproveitamento ou labor en terreo forestal non será constitutiva, en ningún caso, do suposto de estacionamento.

Artigo 98. Pistas forestais

1. Todo camiño de tránsito rodado de titularidade privada vinculado á xestión forestal e situado en solo rústico de protección forestal terá a consideración de pista forestal, e quedará adscrito á actividade agroforestal e, en ningún caso, terán a consideración de acceso rodado público aos efectos previstos na lexislación urbanística.

Os titulares dos mesmos poderán regular ou restrinxir o tránsito polas mesmas, procedendo a súa sinalización, sen prexuízo do disposto na lexislación en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, sendo o usuario responsable dos danos ou prexuízos que se podan ocasionar, tanto a si mesmo coma a terceiros, na súa utilización.

2. Toda obra de reforma, modificación, transformación ou renovación das pistas forestais principais non poderá producir nin limitar a perda da prioridade da súa actividade agroforestal, agás autorización expresa da Administración forestal.

3. As características e esixencias construtivas das pistas forestais principais serán establecidas pola Administración forestal mediante Orde da consellería competente en materia de montes, e responderán aos requirimentos do transporte dos produtos forestais e do acceso aos montes da maquinaria forestal.

4. As vías de saca de madeira de carácter temporal non terán a consideración de pistas forestais.

5. A construción de pistas, camiños ou calquera outra infraestrutura permanente cando non estea prevista no correspondente instrumento de ordenación ou xestión forestal, requirirá autorización da Administración forestal. A autorización corresponderalle ao órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio.

Título VI
Da cadea monte-industria

Artigo 99. A cadea monte-industria

1. Enténdese por cadea monte-industria o conxunto do sector forestal que integra a propiedade forestal, a silvicultura, a investigación forestal, a provisión de materia forestal de reprodución, a prestación de servizos forestais, a execución de aproveitamentos, a comercialización e a primeira transformación, na que se inclúe as actividades de serra, chapa, taboleiros, pasta de celulosa e cortiza, así como as restantes que transformen produtos forestais procedentes dos montes galegos, exceptuando as industrias dedicadas á transformación de produtos agroalimentarios.

2. A Administración Forestal prestará especial apoio ao fortalecemento da cadea monte-industria, mediante:

a)      O fomento das relacións entre o sector da produción forestal e o industrial dedicado á transformación dos produtos forestais.

b)      A promoción de convenios de colaboración entre centros de investigación forestais, públicos ou privados, e as empresas do sector, que permitan a transferencia axeitada de tecnoloxía e a modernización e mellora dos procesos de transformación e de comercialización.

3. A Administración forestal articulará mecanismos co fin de acadar a integración das producións forestais de natureza alimentaria no seguinte elo produtivo da cadea agroalimentaria.

Artigo 100. Mesa da Madeira

1. Mediante orde da consellería competente en materia forestal crearase a Mesa da Madeira como un órgano colexiado de representación sectorial que estará integrado pola Administración autonómica e polos axentes da cadea monte-industria.

2. Son funcións da Mesa da Madeira:

a)      Promover as relacións entre os sectores de produción, comercialización e transformación da madeira.

b)      Realizar unha análise e seguimento periódicos dos mercados da madeira, da produción e das necesidades da industria forestal.

c)      Propoñer liñas de fomento e mellora no sector da madeira.

d)      Promover e divulgar o uso da madeira como material renovable, respectuoso co medio ambiente e dar a coñecer a súa contribución á loita contra o cambio climático.

e)      Calquera outras que se determinen na súa normativa organizativa.

Artigo 101. Outras mesas sectoriais de produtos do monte

A Administración forestal poderá impulsar e crear as mesas sectoriais que estime pertinentes para o fomento, promoción e mellora doutras producións forestais.

Artigo 102. Rexistro de empresas do sector forestal

1. Créase o Rexistro de empresas do sector forestal no que se inscribirán as cooperativas, empresas e industrias forestais, tanto das que realizan traballos forestais nos montes galegos como das industrias forestais con sede social na Comunidade Autónoma, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa, pellets e cortiza.

2. A consellería competente en materia de montes será a responsable da levanza do Rexistro de empresas do sector forestal.

3. As cooperativas, empresas e industrias forestais facilitarán anualmente á Administración forestal, a efectos estatísticos, os datos relativos da súa actividade e, en particular, a produción, transformación e comercialización dos seus produtos forestais. Informarase do recollido no devandito rexistro á Administración Xeral do Estado.

4. Regulamentariamente determinarase a organización, contido e funcionamento do Rexistro a que fai referencia este artigo, así como as condicións que deban cumprir as empresas e industrias para poder ser inscritas, e a coordinación con outros rexistros de carácter estatístico ou industrial.

Artigo 103. Estatística forestal galega

1. Os produtores forestais e as súas organizacións deberán subministrar anualmente datos dos diferentes aproveitamentos forestais á Administración a efectos estatísticos.

2. As empresas de servizos, as de aproveitamentos e as industrias de primeira transformación forestal, incluíndo as industrias de pasta de papel e de taboleiros, subministrarán anualmente á consellería competente en materia de montes, a efectos estatísticos, a información relativa á súa actividade, en particular a relacionada co consumo de produtos forestais,e coa produción, transformación e comercialización dos produtos forestais e co emprego.

3. A consellería competente en materia de montes elaborará e publicará periodicamente os datos estatísticos do sector forestal necesarios para avaliar a evolución dos sectores de produción, servizos e transformación, tanto públicos como privados.

Artigo 104. Comercio responsable de produtos forestais

1. A Administración forestal adoptará as medidas oportunas para evitar a comercialización da madeira e produtos derivados procedentes de cortas ilegais, non autorizadas, ou non respectuosas cos principios de xestión forestal sostible.

2. Aos operadores inscritos en sistemas de certificación forestal, noutros sistemas onde inclúan a verificación de conformidade dun terceiro independente respecto a lexislación aplicable, ou no Rexistro de Empresas do Sector Forestal, entenderase que dispón dun  sistema de “due diligence” para a minimización de risco de entrada nos mercados de madeira e produtos de madeira procedentes de cortas ilegais.

3. A Administración forestal manterá un sistema de control e seguimento da orixe dos  aproveitamentos madeireiros que se realicen en Galicia, mediante a información subministrada polas comunicacións e autorizacións dispostas nos artigos 93 e 94 desta Lei. Asemade, mediante o Rexistro de empresas do sector forestal, a Administración forestal poderá realizar os controis oficiais pertinentes ás empresas de aproveitamento e comercialización de madeira e produtos da madeira, tomando accións correctivas cando sexa necesario.

Artigo 105. Certificación forestal

1. A consellería competente en materia de montes promoverá a difusión dos sistemas de certificación forestal e procurará que todos eles cumpran as condicións de transparencia, utilización eficiente dos recursos económicos, voluntariedade, ausencia de discriminación e libre competencia.

2. La Administración forestal velará por que os sistemas de certificación forestal contemplen axeitadamente a estrutura da propiedade dos montes e as peculiaridades da cadea monte-industria en Galicia.

Título VII
Educación, divulgación, formación e investigación

Capítulo I
Educación

Artigo 106. Da educación

Co fin de promover unha axeitada cultura forestal na educación primaria e secundaria, a consellería competente en materia de montes, en cooperación coa consellería competente nas ensinanzas de tales etapas educativas, impulsará o coñecemento da realidade do monte adecuado ás diferentes idades, así como dos beneficios que a sociedade recibe dos diferentes recursos e aproveitamentos forestais.

Capítulo II
Formación e divulgación

Artigo 107. Formación

A Xunta de Galicia, co fin de contribuír ao desenvolvemento e promoción dos aspectos socio-laborais do sector forestal e ao fomento do emprego, con especial atención ás poboacións rurais e ás mulleres, en colaboración con outras Administracións públicas e cos axentes sociais representativos, actuará nos seguintes ámbitos:

  1. Impulsará a formación das persoas propietarias e silvicultores, con especial atención aos propietarios particulares e ás comunidades de montes veciñais, de acordo cos  criterios de xestión forestal sostible. Nos labores de formación fomentarase a participación das universidades, organizacións, entidades e asociacións profesionais do sector.
  2. Desenvolverá de forma continuada, actividades tendentes a incrementar a formación técnica dos profesionais no sector forestal, colaborando no fomento da formación profesional e no desenvolvemento de ensinanzas de grao medio e superior de formación profesional inicial, coa máxima participación dos centros de formación profesional e universidades nas que se imparten titulacións forestais.
  3. Articulará programas de reciclaxe, perfeccionamento e actualización dos coñecementos das persoas que traballan no sector forestal, prestando especial atención á prevención de riscos laborais e saúde laboral.

Artigo 108. Programas de divulgación

1. A consellería competente en materia de montes, en colaboración con outras Administracións públicas e cos axentes sociais representativos, promoverá o establecemento de programas de divulgación orientados a concienciar ao conxunto da sociedade da importancia do monte galego como fonte de recursos naturais renovables, e do sector forestal de Galicia como piar básico do desenvolvemento rural.

2. Aos efectos previdos no presente artigo, a consellería competente en materia de montes poderá formalizar convenios de colaboración con universidades, centros de investigación, colexios profesionais, empresas e asociacións do sector forestal, outras Administracións públicas e demais entidades vinculadas ao fomento forestal.

Capítulo III
Da investigación e a transferencia

Artigo 109. Investigación

A Administración forestal, no eido da investigación forestal, realizará as seguintes actuacións:

a)      O desenvolvemento, a través do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, das actividades de investigación forestal en programas de coñecemento do medio forestal, da mellora xenética e silvícola, e da protección forestal, así como calquera outras que poidan contribuír á mellora e desenvolvemento do sector.

b)      A coordinación con outras administracións públicas e institucións na identificación das necesidades do sector forestal de Galicia, a efectos da súa inclusión nos Plans nacionais e autonómicos de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica.

c)      A colaboración na promoción da investigación forestal co sistema universitario de Galicia, e con outras universidades e centros de investigación, públicos e privados.

d)      A colaboración con outras institucións, públicas ou privadas, no eido da investigación forestal.

Artigo 110. Transferencia

1. A información, materiais e resultados dos programas e proxectos de investigación, executados con financiamento público, deberán ser presentados e transferidos aos axentes públicos e privados do sector forestal.

2. A Administración forestal establecerá un sistema de transferencia ao sector forestal que desenvolverá regulamentariamente.

3. A Administración forestal promoverá o uso das ferramentas e novas tecnoloxías co fin de acadar a máxima difusión posible dunha forma accesible e áxil.

Título VIII
Dos recursos xenéticos forestais

Capítulo I
Da mellora xenética e do material forestal de reprodución

Artigo 111. Da conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais

1. A Administración forestal, adoptará as medidas pertinentes para conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais, co fin de:

a)      Conservar o acervo xenético forestal,

b)     Subministrar material forestal de reprodución mellorado,

c)      Obter material forestal resistente a pragas e doenzas forestais, e

d)     Mellorar a produción de madeira en cantidade e calidade.

2. A Administración forestal colaborará con outras administracións públicas na elaboración e desenvolvemento dos programas de ámbito estatal ou europeo que promovan a mellora xenética e a conservación dos recursos xenéticos forestais e na determinación das rexións de procedencia dos materiais forestais de reprodución.

Artigo 112. Do material forestal de reprodución

1. A Administración forestal autorizará os materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución identificados, seleccionados, cualificados e controlados que se obteñan en Galicia, os cales se inscribirán no Rexistro de materiais forestais de reprodución, ao que fai referencia o artigo 125 desta Lei.

2. Os materiais forestais rexistrados como Materiais de Base de Galicia terán a consideración de interese xeral, e a Administración forestal poderá acceder aos mesmos, calquera que sexa a titularidade dos terreos onde se atopen, segundo o procedemento que regulamentariamente se estableza.

2. A Administración forestal, co fin de incrementar o subministro de material mellorado de reprodución, creará unha rede de parcelas de alto valor xenético que se situarán,  de xeito preferente, nos terreos forestais de titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O material forestal empregado nas repoboacións forestais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá ter como orixe a rexión de procedencia na que se inclúa a superficie a repoboar e, subsidiariamente, poderá facerse con material doutras rexións previa autorización da Administración forestal, que poderá solicitar ensaios de idoneidade e seguridade do devandito material forestal.

Capítulo II
Dos entes provedores de material forestal de reprodución

Artigo 113. Entes provedores de material forestal de reprodución

1. A consellería competente en materia de montes promoverá o desenvolvemento dos entes provedores de material forestal de reprodución.

2. A consellería competente en materia de montes inscribirá aos entes provedores de material forestal, con domicilio en Galicia ou fóra de Galicia, pero con instalacións fixas na comunidade autónoma, no Rexistro de empresas do sector forestal recollido na presente Lei.

3. A Administración forestal articulará un sistema de control para que os materiais de reprodución procedentes de unidades de admisión individuais ou de lotes, sexan claramente identificables durante todo o proceso, estando obrigados, a tal efecto, os entes provedores do devandito material forestal a facilitar toda a información necesaria anualmente e a prestar a súa colaboración aos representantes da consellería competente en materia forestal.

4. As actividades de comercialización feitas polos provedores de material forestal esixirán a expedición de documentos nos que se consigne, polo menos, a especie, número de certificado patrón, número de unidades vendidas, identificación das persoas receptoras do material, así como aqueloutra información esixida pola lexislación aplicable.

Cando o destino do material sexa alleo á comunidade autónoma, deberase comunicar á Administración forestal os datos de dita comercialización. 

5. Os requisitos para a implantación, inscrición e manexo dos Campos de plantas nai de Galicia desenvolverase regulamentariamente.

Título IX
Pragas, enfermidades forestais e defensa fitosanitaria

Capítulo I
Das pragas, enfermidades forestais e defensa fitosanitaria

Artigo 114. Marco xurídico da sanidade forestal

1. No que atinxe á prevención e loita contra pragas e enfermidades forestais, ao Rexistro de Produtos Fitosanitarios a utilizar nos montes, á introdución e circulación de plantas e produtos forestais de importación, así como en calquera outro aspecto da sanidade forestal, estarase ao establecido na lexislación en materia de sanidade vexetal.

2. A autoridade sanitaria en materia forestal radicará na consellería competente en materia de montes.

Artigo 115. Declaración de pragas ou enfermidades forestais

1. A Consellería competente en materia de montes poderá declarar a existencia dunha praga ou enfermidade forestal, así como ditar as medidas fitosanitarias precisas de tratamento obrigatorio para a súa loita e establecer a delimitación da zona afectada sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos ao abeiro do establecido na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de Sanidade Vexetal ou norma que a substitúa.

2. A declaración dunha praga ou enfermidade forestal, que terá carácter de interese público, implica a obrigatoriedade do seu tratamento polos titulares ou xestores dos montes afectados.

3. Para a execución de traballos de prevención e de loita contra enfermidades e pragas a consellería competente en materia de montes poderá formalizar convenios de colaboración con persoas físicas ou xurídicas, con outras Administracións públicas, con titulares ou xestores de montes e con calquera outras organizacións representativas do sector forestal.

4. A consellería competente en materia de montes poderá prestar asesoramento técnico ás organizacións representativas do sector forestal para a loita contra pragas e enfermidades forestais.

Artigo 116. Actuacións da Administración forestal

1. A Administración forestal, no marco das súas competencias, velará pola protección dos montes contra enfermidades e pragas forestais, promovendo as medidas de protección e tratamento, tanto sanitarias como silvícolas, necesarias para alcanzar tales fines.

2. Corresponde á Administración forestal, no marco das súas competencias:

a)      A localización, seguimento e inspección do estado sanitario das masas forestais e o estudo dos axentes nocivos, pragas e enfermidades forestais en Galicia.

b)      A regulación, promoción e, no seu caso, execución, das medidas de prevención, erradicación e control dos axentes nocivos que se consideren oportunas.

c)      A execución subsidiaria, respecto aos titulares ou xestores dos montes afectados, do tratamento das pragas ou enfermidades forestais.

Artigo 117. Obrigas dos titulares de montes e dos xestores de servizos forestais

1. As persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, titulares ou xestores de montes, terán a obriga de:

a)      Vixiar e manter en bo estado fitosanitario as masas forestais da súa titularidade ou xestión.

b)      Extraer aquelas plantas o produtos forestais que, pola súa sintomatoloxía, poidan  constituír un risco de praga ou enfermidade.

c)      Comunicar ao órgano que corresponda da consellería competente en materia de montes toda aparición atípica de organismos nocivos ou de síntomas de enfermidade nas súas masas forestais.

d)      Eliminar ou extraer do monte, cando tecnicamente sexa posible, os restos dos tratamentos silvícolas ou aproveitamentos forestais, que supoñan un risco pola posible aparición de pragas ou enfermidades forestais.

e)      Executar ou facilitar a realización das medidas fitosanitarias que a consellería competente en materia de montes determine como consecuencia da declaración de existencia oficial dunha praga ou enfermidade forestal.

2. No caso de incumprimento do disposto no apartado anterior, a consellería competente en materia de montes poderá notificar de oficio ou a instancia de parte, ás persoas responsables a súa obriga, advertíndolles da posibilidade de execución subsidiaria a súa costa no caso de incumprimento, e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda.

3. As persoas titulares de centros de produción e comercialización de material forestal de reprodución así como os centros de transformación e almacenaxe de produtos de madeira, deberán cumprir coa lexislación en materia de sanidade vexetal vixente ao obxecto de evitar a entrada e transmisión de axentes patóxenos nocivos.

Artigo 118. Seguimento e controis

1. A administración forestal impulsará e manterá actualizada unha rede de detección e seguimento das pragas, enfermidades e outros axentes nocivos que actúen sobre os ecosistemas forestais que permita avaliar o estado sanitario das masas forestais da Comunidade Autónoma.

2. Co fin de evitar a propagación de pragas ou enfermidades, a consellería competente en materia de montes someterá a control fitosanitario aos centros de produción e comercialización de material forestal de reprodución, así como aquelas instalacións destinadas á produción ou comercialización de produtos forestais e, de ser necesario, procederá á inmobilización e á destrución dos produtos existentes en ditas instalacións, nos termos establecidos no marco xurídico vixente.

Título X
Fomento forestal

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 119. Das accións de fomento forestal

A Administración forestal desenvolverá accións de fomento do sector forestal co fin de promover o desenvolvemento sostible dos montes galegos, a conservación dos recursos xenéticos, o asociacionismo, a constitución de agrupacións de propietarios forestais, a mellora da xestión dos montes veciñais en man común, a contribución dos montes na fixación da poboación no rural e na conservación da biodiversidade,  mellora da xestión, da ordenación e da produtividade forestal, así como a comercialización dos produtos monte e do seu papel como sumidoiros de carbono.

Artigo 120. Medidas de fomento

As medidas de fomento poderán consistir en:

1.       Investimentos directos, a fondo perdido ou reintegrables.

2.       Subvencións, entendéndose como tales a percepción de axudas públicas en concepto de gasto compartido de investimento ou mantemento.

3.       Créditos bonificados.

4.       Calquera outra que determine a consellería competente en materia de montes.

Artigo 121. Das prioridades nas medidas de fomento

1. As medidas de fomento que adopte a Administración forestal priorizaranse conforme aos seguintes criterios:

a)      A conservación e mellora do demanio forestal.

b)      A propiedade privada forestal, a súa reordenación e xestión conxunta.

c)      A xestión forestal sostible.

d)      O reinvestimento forestal dos rendementos do monte.

2. Aos efectos da aplicación dos criterios enunciados no parágrafo anterior, serán obxecto prioritario de fomento:

a)      Os montes inscritos no Catálogo de Utilidade Pública.

b)      Os montes protectores.

c)      Os montes veciñais en man común.

d)      As sociedades de fomento forestal.

e)      Calquera outra forma de agrupación da propiedade ou da xestión forestal recoñecida pola Administración forestal.

Capítulo II
Dos instrumentos de fomento forestal

Artigo 122. Sociedades de fomento forestal

Serán consideradas, para efectos desta Lei como sociedades de fomento forestal aquelas agrupacións que asocian a propietarios forestais ou, de ser o caso, a persoas titulares de dereitos de uso de parcelas susceptibles de aproveitamento forestal, que ceden os devanditos dereitos á sociedade para a súa xestión forestal conxunta. O obxecto, finalidade, requisitos e réxime xurídico destas sociedades rexeranse pola normativa vixente que lles sexa de aplicación ou, no seu caso, pola que a substitúa. 

Artigo 123. Contratos de xestión pública

1. A Administración forestal poderá concertar contratos temporais para a xestión forestal sostible, nos termos que se determinen regulamentariamente, e que poderán ser subscritos con:

a)      Propietarios públicos ou privados de montes protectores.

b)      Comunidades veciñais en man común que carezan de recursos económicos e financeiros suficientes e cuxa sostibilidade económica, social e ambiental non estea garantida.

c)      Propietarios de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo que carezan de recursos económicos e financeiros suficientes e cuxa sostibilidade económica, social e ambiental non estea garantida.

d)      Propietarios particulares ou as súas agrupacións, en terreos forestais ocupados por masas de alto valor xenético

e)      Propietarios particulares ou as súas agrupacións, en terreos forestais ocupados por formacións significativas de frondosas caducifolias de máis de 25 hectáreas en couto redondo.

f)        Agrupacións de propietarios particulares naqueles casos nos que as especiais dificultades para a posta en valor e as condicións do monte así o aconsellen.

2. A xestión forestal sostible realizarase a través dun proxecto de ordenación forestal, que estará inscrito no Rexistro Galego de Montes Ordenados.

3. Os propietarios que subscriban contratos temporais para a xestión pública dos seus terreos deberán aboar unha taxa anual en concepto de servizos de xestión.

4. O importe das taxas anuais do apartado precedente, e o dos investimentos nas obras e servizos realizados con cargo aos contratos de xestión pública, terán natureza de anticipos reintegrables, e deberán ser resarcidos con cargo aos ingresos obtidos polos aproveitamentos forestais, polos derivados de actos de disposición voluntaria, os ingresos por expropiación ou por calquera outro ingreso de natureza extraordinaria, trala aplicación da cota porcentual correspondente. 

5. A xestión ou execución das actuacións forestais poderá ser realizada pola Administración, ben directamente ou por medio dos seus entes instrumentais, ben por terceiras persoas físicas ou xurídicas que desempeñen actividade no sector forestal mediante calquera negocio xurídico admitido en dereito.

6. As contas dos contratos de xestión pública actualizaranse anualmente consonte aos xuros que regulamentariamente se establezan.

Capítulo III
Do fondo de melloras

Artigo 124. Fondo de melloras

1. Crearase un fondo de melloras para a realización dos traballos forestais, que se dividirá en tres seccións,

a)      Sección de montes catalogados de dominio público.

b)      Sección de montes patrimoniais pertencentes á Comunidade Autónoma.

c)      Sección de montes que presentan un contrato temporal de xestión pública.

2. O fondo terá carácter finalista, destinándose á xestión forestal dos montes ou grupos de montes consonte ao proxecto de ordenación forestal aprobado.

3. Os ingresos obtidos polo alleamento dos aproveitamentos forestais tras un incendio nun monte pertencente a calquera das seccións creadas, destinaranse integramente á restauración e mellora deste, conforme ao instrumento de ordenación forestal aprobado, agás que existan excedentes logo da restauración; neste caso, estarase no disposto nos apartados 5, 6 e 7 do presente artigo.

4. Ingresarase no fondo de melloras a totalidade dos pagamentos en concepto de danos e prexuízos establecidos por resolución firme en procedementos sancionadores incoados por infraccións cometidas en montes pertencentes a calquera das súas seccións.

5. As entidades locais titulares dos montes catalogados aplicarán á sección correspondente do fondo de melloras, unha contía do 40% do importe polo que se adxudicasen os aproveitamentos forestais, ou dos rendementos obtidos por autorizacións, concesións, servidumes ou outras actividades que se desenvolvesen no monte, dita contía poderá ser acrecentada voluntariamente polas devanditas entidades.

6. No caso dos montes catalogados ou patrimoniais dos que sexa titular a Xunta de Galicia, ingresará ao fondo de melloras o 100% dos aproveitamentos e rendementos aos que se refire o apartado 5 do presente artigo.

7. Para aqueles montes que presenten un contrato temporal de xestión pública serán depositadas as cotas porcentuais fixadas nos contratos subscritos, provenientes dos ingresos obtidos polos aproveitamentos e dos derivados de actos de disposición voluntaria, os ingresos procedentes de expropiacións, ou calquera outro ingreso de natureza extraordinaria, ata satisfacer as cantidades investidas pola Administración forestal no monte en concepto de anticipos reintegrables.

8. No fondo de melloras deberanse realizar os asentos contables de forma diferenciada segundo a sección correspondente. A Xunta de Galicia ostentará as facultades de inspección, control e coordinación do fondo mediante a fiscalización das contas aprobadas dos traballos e investimentos realizados anualmente co fondo de melloras.

9. A regulación e funcionamento do Fondo de melloras se desenvolverá regulamentariamente.

Título XI
Do Sistema Rexistral

Artigo 125. Sistema Rexistral Forestal de Galicia

1. Créase o Sistema Rexistral Forestal de Galicia, como rexistro administrativo adscrito á consellería competente en materia forestal, no que se inscribirán, como seccións diferenciadas, o conxunto de datos pertencentes aos seguintes rexistros:

a)      Catálogo de Montes de Utilidade Pública: no que se inscriben os montes declarados de utilidade pública que estean situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma.

b)      Rexistro de Montes Veciñais en Man Común: no que constará unha relación actualizada dos montes veciñais en man común, así como todos os aspectos contemplados na súa normativa específica.

c)      Elenco de montes de xestión pública: no que deberán figurar os montes ou as superficies forestais cuxa xestión sexa responsabilidade da Administración Forestal, ao través dun contrato temporal de xestión pública.

d)      Rexistro de montes protectores: no que se inscribirán os declarados como protectores de acordo coa presente Lei.

e)      Rexistro de montes ordenados: no que se inscribirán os montes e superficies forestais situados na Comunidade Autónoma que teñan un instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola consellería competente en materia forestal.

f)        Rexistro de materiais forestais de reprodución: no que se inscribirán os Materiais de Base para a Produción de Materiais Forestais de Reprodución de Galicia e os Campos de plantas nai, e aqueles outros que contemple, ou poida contemplar, a normativa de aplicación.

g)      Rexistro de empresas do sector forestal: no que se inscribirán as cooperativas, sociedades, empresas e industrias forestais que desenvolvan a súa actividade forestal na comunidade autónoma de Galicia.

h)      Rexistro de cultivos enerxéticos forestais: no que se inscribirán as parcelas nas que se realicen cultivos enerxéticos forestais de acordo coa normativa vixente.

i)        Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo: no que se inscribirán os terreos forestais nos que os seus titulares regulen ou prohiban o aproveitamento de pastos.

j)        Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal: no que se inscribirán as sociedades de fomento forestal recoñecidas pola normativa que as desenvolve.

k)      Rexistro de Montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo: no que se inscribirán os montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo que teñan constituída a xunta reitora ou, no seu defecto, unha asemblea constituída.

l)        Calquera outros que se determine regulamentariamente.

2. A consellería competente en materia forestal regulará o funcionamento do Sistema Rexistral Forestal de Galicia, así como os contidos dos diferentes rexistros específicos.

Título XII
Réxime sancionador

Capítulo I
Das infraccións

Artigo 126. Concepto  

1. Constitúen infraccións administrativas en materia de montes, ademais das tipificadas no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, as accións ou omisións tipificadas como infraccións nesta lei, sen prexuízo do establecido noutras normas sectoriais, como son, entre outras, a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; a Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal; a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria de Galicia.

2. Os incumprimentos do disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento serán sancionables de conformidade co previsto no título VII da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, sen prexuízo da aplicabilidade das peculiaridades que se contemplan neste Título XII.

Sección primeira
Clases de infraccións administrativas

Artigo 127. Infraccións en materia de montes

Ademais das infraccións tipificada no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, constitúen infraccións en materia de montes as seguintes:

1. O incumprimento das obrigas de dotación do fondo de mellora esixidas no artigo 35.3 da presente Lei.

2. O uso ou prestación de servizos nos montes de dominio público vulnerando as condicións establecidas na preceptiva concesión ou autorización outorgada para o efecto.

3. Vulneración da obriga de suspensión temporal das servidumes nos casos previstos nesta lei cando a dita suspensión fora determinada mediante resolución ou mediante a aprobación do instrumento de ordenación e xestión forestal correspondente.

4. A realización de cambios de actividade forestal a agrícola ou de agrícola a forestal ser obter a preceptiva autorización para aqueles casos en que o esixa a presente lei ou incumprindo as condicións previstas na autorización outorgada para o efecto”.

5. A realización de cambios de actividade forestal a agrícola sen efectuar a preceptiva comunicación para aqueles casos en que o esixa a presente lei.

6. A realización de cambios de actividade agrícola a forestal sen efectuar a preceptiva comunicación.

7. A realización de cambios de actividade nun monte veciñal en man común sen ter efectuada a modificación do seu proxecto de ordenación forestal e ter obtido a preceptiva aprobación ao respecto da Administración forestal.

8. O incumprimento das medidas de restauración dos montes que estableza a administración forestal con base no artigo 64 desta lei.

9. A realización de repoboacións forestais nos solos ou coas especies que estean expresamente prohibidas nesta lei.

10. A realización de reforestacións ou novas plantacións intercaladas co xénero Eucaliptus naquelas superficies poboadas por especies do Anexo I, incluso con posterioridade ao seu aproveitamento ou a súa afectación por un incendio forestal ou a realización de novas plantacións co xénero Eucaliptus sen obter a preceptiva autorización nos casos contemplados nesta lei.

11. O emprego nos cultivos enerxéticos efectuados en territorio forestal de especies non utilizables consonte co sinalado nesta lei.

12. A realización de novas repoboacións forestais sen gardar as distancias mínimas establecidas no Anexo II a outros terreos, construcións, instalacións e infraestruturas.

13. A non adaptación das repoboacións realizadas desde xaneiro do 2008 ás distancias sinaladas no anexo II, no marco do establecido da disposición transitoria novena.

14. A realización, xa  sexa intervivos ou mortis causa, de parcelacións, divisións ou segregacións definitivas voluntarias de terreos cualificados como monte ou terreo forestal, cando o resultado sexan parcelas de superficie inferior a quince hectáreas.

15. O incumprimento da obriga de dotarse dun instrumento de ordenación e xestión forestal por parte do propietario ou titular de dereitos sobre o monte, ou entidade que teña a responsabilidade da súa xestión no prazo que resulte de obrigado cumprimento.

16. A realización de actuacións que supoñan un incumprimento das prescricións previstas por un instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola administración forestal.

17. A realización de actuacións contempladas nun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola administración forestal, cando non foran comunicadas previamente á administración forestal. 

18. A realización de aproveitamentos forestais contemplados no artigo 84 desta lei cando non se dispoña dun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola administración, sen obter previamente a preceptiva autorización da administración forestal para a súa execución nos casos en que esta sexa preceptiva.

19. A práctica do pastoreo incumprindo o establecido para o efecto no instrumento de ordenación e xestión forestal aprobado pola Administración, ou, no seu defecto, os condicionantes inscritos no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo.

20. A práctica do pastoreo onde se atope prohibido

21. O aproveitamento privativo dos pastos nos montes catalogados sen dispoñer dunha concesión outorgada pola administración titular destes ou incumprindo as condicións establecidas na concesión que lle fora outorgada para o efecto”.

22. A celebración de actos no monte, incluídos os deportivos a motor, que leven consigo unha afluencia de público indeterminada sen dispoñer de instrumento de ordenación ou xestión forestal ou a preceptiva autorización nos termos sinalados no artigo 88 desta lei.

23. O vertedura non autorizado ou abandono de residuos, materiais ou produtos de calquera natureza en montes ou terreos forestais.

24. A realización de aproveitamentos madeireiros en montes de xestión privada sen cumprir o requisito da comunicación previa preceptiva nos casos contemplados nesta lei ou incumprindo os prazos para a súa execución.

25. A realización de aproveitamentos en masas consolidadas de frondosas autóctonas en superficies maiores de 25 hectáreas, sen dispoñer dun proxecto de xestión forestal conxunto aprobado pola administración.

26. A realización de aproveitamentos madeireiros sen extracción ou trituración da biomasa forestal residual, agás nos casos contemplados nesta lei.

27. A falta de solicitude de informe preceptivo contemplado no artigo 96.2 desta lei.

28. A ocupación de terreos forestais en montes públicos, montes veciñais en man común e montes protectores mediante instalacións, construcións ou obras feitas sen autorización do seu titular.

29. A execución de obras de reforma, modificación, transformación ou renovación de pistas forestais principais que limiten ou supoñan unha perda da prioridade da súa actividade agroforestal sen autorización expresa da Administración forestal.

30. Non facilitar anualmente á Administración as cooperativas, entes provedores de material forestal de reprodución, empresas e industrias forestais inscritas no Rexistro de empresas do sector forestal os datos relativos á súa actividade contemplados nesta lei.

31. O emprego sen autorización da administración forestal de materiais de base para a produción de materiais forestais de produción identificados, seleccionados, cualificados e controlados que se obteñan en Galicia.

32. A falta de inscrición no Rexistro de materiais forestais de reprodución dos materiais de base para a produción de materiais forestais de produción identificados, seleccionados, cualificados e controlados que se obteñan en Galicia.

33. O emprego nas repoboacións forestais de material forestal sen a obtención da autorización da Administración forestal nos casos en que esta sexa preceptiva segundo o disposto nesta lei.

34. A realización de actividades de comercialización por parte dos provedores de material forestal sen a expedición de documentos nos que se consignen od datos previstos nesta lei.

35. A falta de comunicación á administración forestal dos datos relativos á comercialización do material forestal cando o destino deste sexa alleo á comunidade autónoma por parte das persoas que o comercializan.

36. A non extracción polos titulares ou xestores do montes daquelas plantas ou produtos forestais que, pola súa sintomatoloxía, poidan constituír un risco de praga ou enfermidade cando se teñan declarado medidas profilácticas.

37. A non eliminación ou extracción do monte, cando tecnicamente sexa posible, dos restos silvícolas ou aproveitamentos forestais, que supoñan un risco pola posible aparición de pragas ou enfermidades forestais.

38. A falta de inscrición nos Rexistros contemplados no artigo 125 desta lei na forma e prazos que se sinalará pola normativa de desenvolvemento.

39. Calquera actuación nos montes públicos deslindados que lles cause a estes grandes estragos.

40. O incumprimento das cotas mínimas de reinvestimento en mellora e protección do monte (nos montes públicos patrimoniais, montes protectores e montes veciñais en man común). 

41. O incumprimento, total ou parcial, doutras obrigacións ou prohibicións establecidas nesta lei.

Artigo 128. Cualificación das infracción

As infraccións en materia de montes tipificadas no artigo anterior e no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, cualificaranse como leves, graves ou moi graves consonte cos criterios previstos no artigo 68 da devandita lei, coas seguintes especialidades:

1. Infraccións leves:

a)      A infracción tipificada nos apartados 5, 6 e 23 do artigo 127 desta lei.

b)     A infracción tipificada no apartado 15 do artigo 127 desta lei, agás que estea tipificada neste lei como grave.

c)      A infracción tipificada no apartado 21 do artigo 127 desta lei cando a actividade non se realice en zonas de alto risco de incendio.

d)     A infracción tipificada no apartado 22 do artigo 127 desta lei cando non sexa cualificada como grave ou moi grave nesta lei.

e)      A infracción tipificada no apartado 39 do artigo 127 desta lei

2. Infraccións graves:

a)      A infracción tipificada nos apartados 1, 4, 7, 13 e 19, do artigo 127 desta lei.

b)     A infracción tipificada no apartado 15 do artigo 127 desta lei cando o incumprimento sexa grave ou inxustificadamente reiterado.

c)      A infracción tipificada no apartado 20 do artigo 127 desta lei.

d)     A infracción tipificada no apartado 21 do artigo 127 desta lei cando a actividade se realice en zonas de alto risco de incendio.

e)      A infracción tipificada no apartado 22 do artigo 127 desta lei cando a actividade non se realice en zonas de alto risco de incendio.

f)       A infracción tipificada no apartado 28 do artigo 127 desta lei.

3. Infraccións moi graves:

a)      A infracción tipificada no apartado 22 do artigo 127 desta lei cando quede acreditado que o verquido ou o abandono dos residuos, materiais ou produtos favoreceron ou deran lugar á aparición ou propagación de incendios forestais ou periurbanos.

b)     A infracción tipificada no apartado 38 do artigo 127 desta lei.

Artigo 129. Prescrición das infraccións

1.As infraccións previstas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos:

a)      As infraccións leves ao ano.

b)     As infraccións graves aos tres anos

c)      As infraccións moi graves aos cinco anos

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día no que a infracción se cometera ou desde que se tivera coñecemento da súa comisión.

Interrompe a prescrición da infracción a incoación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, continuándose o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivera paralizado máis dun ano por causa non imputable ao presunto responsable.

3. No caso de infraccións continuadas, o inicio do prazo de prescrición comezará a contarse desde que cesara a comisión da mesma.

4. En caso de concorrencia de infraccións leves, graves e moi graves, ou cando algunha destas infraccións sexa medio necesario para cometer outra o prazo de prescrición é o establecido para a infracción máis grave das cometidas.

Capítulo II
Das sancións

Sección primeira
Multas aplicables

Artigo 130. Contía das multas

A contía das multas a aplicar é a prevista na Lei 43/2003, do 21 de novembro, para cada tipo de infracción leve, grave ou moi grave.

Artigo 131. Criterios para a graduación das sancións

1. Para a concreta determinación da sanción a impoñer, entre as asignadas a cada tipo de infracción, tomarase en consideración, ademais dos criterios establecidos na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, os que seguen, que deberán ser debidamente motivados na resolución do procedemento:

Teranse en conta as seguintes circunstancias para a graduación das sancións:

a)      A intencionalidade.

b)      A situación de risco xerado para as persoas ou os bens.

c)      O ánimo de lucro.

d)      Os prexuízos causados e a irreversibilidade dos mesmos.

e)      A transcendencia social, medioambiental ou paisaxística.

f)        A agrupación ou organización para cometer a infracción.

g)      Que a infracción sexa cometida en zona queimada ou declarada como de especial risco de lumes.

h)      A reiteración entendida como a concorrencia de varias irregularidades que se sancionen no mesmo procedemento.

i)        A reincidencia na comisión dunha infracción da mesma natureza no último ano. O prazo comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución na vía administrativa.

j)        Que a infracción teña lugar nun monte público deslindado.

k)      O recoñecemento e a emenda das infraccións ou restauración do dano causado antes de que se resolva o correspondente procedemento sancionador.

2. Non se aplicarán como criterios para a gradación das sancións as circunstancias contempladas no apartado anterior deste artigo cando estean contidos na descrición da conduta infractora ou formen parte do propio ilícito administrativo.

3. A resolución administrativa que recaia deberá concretar os criterios de gradación da sanción tidos en conta, de entre os sinalados no apartado 1. deste artigo. Cando non se considere relevante para estes efectos ningunha das circunstancias enumeradas nos devandito apartado, a sanción imporase no seu grao mínimo. 

4. Cando a comisión dunha infracción derive necesariamente da comisión doutra ou outras, imporase unicamente a sanción correspondente á infracción máis grave cometida.

5. A contía da sanción poderase minorar motivadamente, en atención ás circunstancias específicas do caso, cando a sanción resulte excesivamente onerosa ou cando o infractor procedese a corrixir a situación creada pola comisión da infracción. Este efecto minorador da culpabilidade poderá implicar que o órgano sancionador aplique unha sanción correspondente a categorías infractoras de inferior gravidade que a infracción cometida”

Sección segunda
Outras sancións

Artigo 132. Obriga de reparar

1. Sen prexuízo da multa que en cada caso proceda, o suxeito infractor deberá reparar o dano causado, debendo restaurar o medio forestal ao estado previo á comisión da infracción, sempre que sexa posible.

2. O órgano competente para impoñer a sanción tamén o será para esixir a restauración ou reposición. A resolución sancionadora determinará a forma, prazo e condicións en que debe efectuarse a reparación, con base nun criterio técnico motivado.

Artigo 133. Indemnización

1. Poderá requirirse ao infractor o abono dunha indemnización nos seguintes casos:

a) Cando non poda reparar a totalidade ou parte dos danos e perdas causadas. A indemnización ascenderá á contía en que estean valorados estes.

Neste caso ingresaranse no fondo de melloras, contemplado no artigo 124 desta lei, os pagos que o infractor teña que efectuar en concepto de indemnización por danos e perdas, imposta mediante resolución firme en vía administrativa, sempre que a infracción se cometese sobre montes catalogados de dominio público, montes patrimoniais pertencentes á Comunidade Autónoma ou montes que estean suxeitos a un contrato temporal de xestión pública.

b) Cando o beneficio económico do infractor sexa superior á máxima sanción prevista. Esta indemnización será como máximo do dobre da contía do dito beneficio e deberá fixarse de forma motivada na resolución que poña fin ao procedemento.

Artigo 134. Sancións accesorias

O órgano competente para resolver o procedemento sancionador poderá impoñer de forma motivada as seguintes sancións accesorias:

1.      A paralización ou suspensión temporal ou definitiva da actividade forestal.

2.      A inhabilitación para realizar actividades no eido forestal.

3.      A revogación ou suspensión das autorizacións ou concesións administrativas nos casos en que se producira un incumprimento das condicións impostas naquelas.

4.      A privación do dereito a subvencións ou a outros beneficios outorgados polas administracións públicas, polos seus organismos autónomos e polas entidades de dereito público relacionadas coa actividade forestal durante o prazo de dous anos a partir da firmeza da resolución en vía administrativa.

Artigo 135. Comisos

1. Toda infracción administrativa grave ou moi grave, nas materias reguladas pola presente Lei, levará consigo o comiso dos aproveitamentos obtidos, así como dos animais vivos e dos medios utilizados para cometer a infracción.

2. Regulamentariamente establecerase o procedemento e o destino dos bens comisados.

Sección terceira
Prescrición das sancións

Artigo 136. Prescrición

1. As sancións previstas nesta Lei prescribirán:

a)      As impostas por infraccións leves ao ano.

b)      As impostas por infraccións graves aos dous anos.

c)      As impostas por infraccións moi graves aos tres anos.

2. A obriga de restaurar o medio forestal ao estado anterior á comisión da infracción non prescribe.

3. O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza en vía administrativa a resolución pola que se impón a sanción.

Interromperá a prescrición da sanción a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución.

Capítulo III
Procedemento sancionador

Sección primeira
Tramitación

Artigo 137. Tramitación e competencia

1. A tramitación dos expedientes sancionadores axustarase ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e á súa normativa de desenvolvemento; a Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes e ás prescricións contidas nesta Lei.

2. A incoación dos correspondentes expedientes sancionadores corresponde á persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de montes que sexa competente por razón do territorio.

A persoa titular da xefatura territorial que corresponda encomendaralle a instrución dos expedientes sancionadores ao servizo  competente da dita xefatura.

3. Os órganos competentes para a imposición de sancións polas infraccións cometidas en materia de montes, reguladas nesta lei, serán os seguintes:

a) A persoa titular do xefatura territorial da consellería competente en materia montes para a imposición de  sancións pola comisión de infraccións leves.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de montes para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellería competente en materia de montes para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.

Sección segunda
Das denuncias dos axentes da autoridade e forestais

Artigo 138. Presunción de veracidade

1. Os axentes forestais no exercicio das súas funcións son axentes da autoridade e velarán polo cumprimento desta lei.

2. Nos procedementos sancionadores que se instrúan con ocasión de infraccións tipificadas nesta Lei, as denuncias formuladas polos axentes da autoridade que presenciasen os feitos, acompañadas dos elementos probatorios dispoñibles, e logo de ratificación no caso de ser negados polo infractor, constituirán base suficiente, agás proba en contrario, para adoptar a resolución que proceda.

Sección terceira
Do expediente sancionador

Artigo 139. Suxeitos responsables

1. Aos efectos desta Lei terán a consideración de responsables das infraccións previstas nela, segundo caso:

a)      Os propietarios ou posuidores a título de donos dos predios onde se cometan os feitos constitutivos de infracción.

b)      Os que leven a cabo a xestión dos terreos forestais onde se cometan os feitos constitutivos da infracción.

c)      Os autores materiais dos feitos ou, se é o caso, as empresas ou entidades das que dependan.

d)      Os técnicos ou profesionais que contribúan dolosamente á comisión dunha infracción.

e)      Os titulares de autorizacións, de licencias ou de títulos habilitantes para realizar unha actividade.

2. Cando concorran necesariamente varias persoas na comisión dunha infracción, as sancións imporanse con carácter solidario, a non ser que a actuación de cada unha delas dea lugar a unha infracción separada, impoñéndose neste caso sancións independentes.

3. Cando non sexa posible determinar o grao de participación das distintas persoas que interviñesen na comisión da infracción, a responsabilidade será solidaria, sen prexuízo do dereito a repetir fronte aos demais participantes por quen fixera fronte ás responsabilidades.

Artigo 140. Medidas preventivas

1. Antes da iniciación do procedemento o órgano competente para iniciar o procedemento, ou, se é o caso, os axentes da autoridade pública, poderán adoptar as medidas de carácter preventivo que xulguen necesarias, incluídos os comisos e incautacións de produtos, elementos naturais ou exemplares de tenencia ilícita ou instrumentos ou medios materiais ou animais utilizados para a súa obtención, así como a paralización de calquera actividade, sempre que o dano o xustifique, para evitar a continuidade do dano ocasionado pola actividade presuntamente infractora.

2. As medidas provisionais do parágrafo anterior deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas polo órgano competente para iniciar o procedemento no acordo de iniciación deste, que deberá efectuarse dentro dos 15 días seguintes á súa adopción, o cal poderá ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de montes no prazo dun mes desde a súa adopción. En todo caso, as ditas medidas quedarán sen efecto se non se inicia o procedemento no citado prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso acerca destas.

3. Unha vez iniciado o procedemento sancionador, o instrutor ou órgano competente para resolvelo, poderán adoptar, de oficio ou a instancia de parte, mediante acordo motivado, as medidas preventivas que xulgue oportunas para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer, se existen elementos de xuízo suficientes.

Artigo 141. Vinculación coa orde xurisdicional penal

1. En calquera momento do procedemento sancionador en que a administración instrutora ou competente para resolver estime que os feitos tamén puideran ser constitutivos de ilícito penal, o poñerán en coñecemento do órgano xurisdicional competente, dándolle traslado da denuncia e das demais actuacións practicadas e solicitándolle comunicación sobre as actuacións practicadas.

Solicitarase, así mesmo a dita comunicación cando se teña coñecemento de que se está a desenvolver un procedemento penal sobre os mesmos feitos que son obxecto dun procedemento administrativo.

2. Se se estima que existe identidade de suxeito, feito e fundamento entre a infracción administrativa e a infracción penal que puidera corresponder, o órgano competente para a resolución do procedemento sancionador acordará a súa suspensión ata que se teña coñecemento da resolución xudicial que recaia.

3. Unha vez que o órgano competente para resolver teña coñecemento da resolución xudicial penal acordará, ben a non esixencia de responsabilidade administrativa, ou ben a continuación do procedemento sancionador. Durante o tempo en que o procedemento sancionador estivera en suspenso pola incoación dun proceso penal, entenderase interrompido, tanto o prazo de prescrición da infracción, como o de caducidade do propio procedemento.

Artigo 142. Caducidade do procedemento

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de nove meses, contados desde a data de inicio do procedemento administrativo sancionador, que corresponde coa data do acordo de incoación. Despois de transcorrer este prazo sen que se notificase a resolución, producirase a caducidade deste co arquivo das actuacións, sen prexuízo da obriga de ditar a correspondente resolución.

2. No caso de que o procedemento se suspenda ou paralice por causas imputables ao interesado, interromperase o cómputo do prazo para resolver.

3. De conformidade co disposto pola lexislación básica do procedemento administrativo, o órgano competente para resolver, de oficio ou a instancia da persoa instrutora, pode acordar mediante resolución motivada unha ampliación do prazo de aplicación que non exceda da metade do prazo inicialmente establecido. A dita resolución debe ser notificada á persoa interesada antes do vencemento do prazo de caducidade contemplado nesta lei.

4. A caducidade do procedemento non produce por si mesma a prescrición da infracción. Non obstante o anterior os procedementos caducados non interromperán o prazo de prescrición.

Artigo 143. Executividade das resolucións

1. As resolucións sancionadores serán executivas cando poñan fin á vía administrativa.

2 Contra as resolucións sancionadoras poderán interpoñerse os recursos previstos na lexislación vixente.

Sección cuarta
Medios de execución forzosa

Artigo 144. Multas coercitivas e execución subsidiaria

1. Se os infractores non procederan á reparación ou indemnización, de acordo co establecido nesta lei, e logo de transcorrido prazo sinalado no requirimento correspondente, a Administración instrutora poderá acordar a imposición de multas coercitivas ou a execución subsidiaria.

2. A multas coercitivas serán reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado, e a contía de cada unha das ditas multas non superará o 50 % da multa fixada pola infracción cometida.

3. A execución subsidiaria da reparación ordenada será a costa do infractor.

Artigo 145. Constrinximento sobre o patrimonio

1. No caso de que o sancionado mediante resolución firme en vía administrativa non procedese ao pago da sanción ou da indemnización imposta no período voluntario conferido para o efecto poderán esixírselle pola vía de constrinximento.

2. No suposto contemplado no parágrafo anterior seguirase o procedemento previsto nas normas reguladoras do procedemento recadatorio en vía executiva.

Capítulo IV
Do rexistro de infractores

Artigo 146. Rexistro de infractores

1. Crearase un rexistro de infractores en materia de montes dependente da consellería competente no que se inscribirán de oficio, todos aqueles infractores que fosen sancionados por resolución firme.

2. Darase conta ao Rexistro de infractores das resolucións sancionadoras firmes e dos infractores.

Disposicións adicionais

Disposición adicional primeira. Defecto de licenza municipal

As cortas e os abatementos das árbores que constitúan masa arbórea, espazo boscoso, arboredo, ou parque, haxa ou non planeamento aprobado, non requirirán licenza municipal si se realizan en solo rústico con autorización da Administración forestal.

Disposición adicional segunda. Das cotas mínimas de reinvestimentos en mellora e protección do monte

1. Nos montes públicos patrimoniais, nos montes protectores e nos  montes veciñais en man común, as cotas mínimas de reinvestimentos en mellora e protección forestal do monte,  serán as seguintes:

a)      Do 40% de todos os ingresos xerados. En todo caso, os estatutos da comunidade veciñal de montes poderán fixar unha cota anual de reinvestimentos superior.

b)      Do 100% dos ingresos xerados a partires dos productos resultantes de incendios forestais, pragas ou temporais, agás que se xustifique documentalmente ante a Administración forestal que non é necesario o devandito nivel de reinvestimento nun prazo mínimo de 10 anos.

2. Para o cálculo dos ingresos obtidos, haberá que contabilizar non só aqueles que proveñen dos aproveitamentos e servizos forestais, senón tamén os derivados de actos de disposición voluntaria, os procedentes de expropiacións forzosas ou calquera outro ingreso de natureza extraordinaria.

3. En todos os casos, estas cotas de reinvestimento, deberán investirse nos traballos programados no instrumento de ordenación forestal obrigatorio aprobado pola Administración forestal.

4. A cota de reinvestimentos poderá preverse e xustificarse con carácter plurianual en función da irregularidade dos ingresos e dos gastos por medio dun plan de investimentos.

No caso de montes veciñais en man común, o plan de investimentos plurianual será proposto pola asemblea xeral, e deberá ser aprobado pola Administración forestal sempre que se cumpra o disposto no instrumento de ordenación forestal e se xustifique anualmente a execución parcial que corresponda.

5. Nos supostos de expropiación, en montes veciñais en man común, o importe íntegro do prezo xusto deberá reinvestirse en traballos forestais no monte, sempre que os mesmos subsistan, ou na adquisición de montes lindantes ou que estean moi preto dos expropiados, que serán cualificados polos respectivos Xurados Provinciais de Montes Veciñais en Man Común, como montes veciñais en man común. Só se, desaparecido o monte por efectos da expropiación, non se puidera facer efectiva a adquisición antes sinalada, poderá repartirse o importe do prezo xusto entre os comuneiros.

6. No caso dos montes veciñais en man común, no primeiro semestre de cada ano natural, a comunidade de montes xustificará ante a consellería competente en materia forestal, a realización da totalidade ou da parte prevista no plan de investimentos para o ano anterior dos investimentos previstos. A non presentación das contas anuais impediralle ser beneficiaria de axudas públicas en tanto non se rendan aquelas ou se axusten ao establecido neste artigo, sen prexuízo da incoación das sancións administrativas correspondentes.

7. Sempre e cando os investimentos aprobados no plan especial sexan suficientes para cumprir as previsións contempladas nos instrumentos de ordenación ou xestión forestal e estean satisfeitos cun investimento inferior ao corenta por cento das cantidades xeradas polos ingresos, e cumpran todos os requisitos legais, poderase reducir esta cota mínima, previa aprobación da Administración forestal, logo da presentación das contas xustificadas a que se refire o parágrafo anterior.

Disposición adicional terceira. Mecenado

A efectos do previsto no apartado 1 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 2 de decembro, do réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, consideraranse incluídos entre os fins de interese xeral os orientados á xestión forestal sostible.

Disposición adicional cuarta. Dos bosques como sumidoiros de carbono

Pola consellería competente en materia de montes articularase, consonte as previsións da Lei estatal 2/2011, de 4 de marzo, de economía sostible, ou da normativa que, no seu caso, a substitúa, as medidas que se estimen necesarias para a xeración e conservación das masas forestais e da produción e comercialización de produtos forestais procedentes de explotacións galegas con certificación forestal, así coma dos produtos derivados con certificación no seu proceso produtivo no ámbito galego, aos efectos de aumentar a capacidade de almacenamento de CO2 nos sumidoiros galegos.

Disposición adicional quinta. Rexeneración de masas arbóreas preexistentes

A renovación do arborado logo dun aproveitamento forestal ou a das masas afectadas por incendios, pragas ou outros desastres naturais, que deberá cumprir en todo caso as distancias establecidas na presente Lei, non terá a consideración de repoboación aos efectos da lexislación ambiental cando se manteña o xénero da especie arbórea principal.

Disposicións transitorias

Disposición transitoria primeira. Terreos suxeitos a algún réxime de servidume ou afección de dereito público

Os terreos suxeitos a algún réxime de servidume ou afección de dereito público que no momento de entrada en vigor de esta Lei teñan un uso forestal, ou estean ocupados por plantacións ou especies forestais, conservarán dito uso, con suxeición ás previsións desta Lei.

Disposición transitoria segunda. Servidumes en montes demaniais

As Administracións xestoras dos montes que integren o dominio público forestal revisarán as servidumes e outros gravames que afecten a estes montes para garantir a súa compatibilidade co seu caracter demanial no prazo sinalado na lexislación básica.

Disposición transitoria terceira. Ordenanzas e disposicións municipais

As ordenanzas e disposicións promulgadas polas entidades locais que non se axusten ao disposto nesta Lei quedarán sen efecto e disporán dun prazo de un ano para a súa modificación e adaptación.

Disposición transitoria cuarta. Adaptación dos Plans Xerais de Ordenación Municipal

Nos ámbitos do solo clasificado como non urbanizable ou rústico nos plans xerais de ordenación municipal aprobados definitivamente con anterioridade á entrada en vigor desta lei, que se delimiten nos PORF como de valor forestal, seralles de aplicación o réxime establecido na LOUG para o Solo Rústico de Especial Protección Forestal.

Disposición transitoria quinta. Cortas en solos urbanizables

O aproveitamento das masas forestais existentes á entrada en vigor desta Lei en solos urbanizables delimitados estarán sometidas ás disposicións da presente lei ata o desenvolvemento urbanístico dos citados solos, momento no que deixará de ser de aplicación. En todo caso, non se poderán outorgar axudas públicas a novas repoboacións forestais..

Disposición transitoria sexta. Aproveitamentos en montes veciñais en man común en tanto non se aprobe o instrumento de ordenación obrigatorio

1. Os montes veciñais en man común deberán dispor dun proxecto de ordenación forestal obrigatorio e vixente, como máximo, no prazo de seis anos dende a publicación das Instrucións de ordenación de Galicia. En todo caso, o cumprimento desta obriga non poderá superar o prazo sinalado na lei básica. Pasado este prazo sen aprobación, non se autorizarán aproveitamentos madereiros nos devanditos montes.

2. En tanto os montes veciñais en man común non se doten do proxecto de ordenación forestal obrigatorio que preceptúa a normativa vixente, as solicitudes de autorización de corta deberán incluír un plan de cortas, asinado por profesionais titulados de grao universitario en materia forestal, onde se xustificará a necesidade ou oportunidade do aproveitamento, así como a súa localización planimétrica, a superficie obxecto do aproveitamento, o número de pés, o volume por especie afectada e a taxación correspondente. Este plan deberá ser aprobado pola asemblea xeral da comunidade de montes.

3. O pastoreo nos montes veciñais en man común, en tanto non dispoñan de instrumento de ordenación forestal aprobado requirirá autorización expresa da asemblea xeral da comunidade, na que debe figurar, como mínimo, a localización e extensión da zona dedicada ao pastoreo, así como a carga gandeira admisible.

Disposición transitoria sétima. Regulamento do Fondo de Mellora

En tanto non exista un novo regulamento para a aplicación do fondo de mellora dos montes catalogados, será de aplicación o regulamento vixente.

Disposición transitoria oitava. Réxime transitorio das solicitudes de axudas, subvencións e beneficios fiscais

Os titulares dos montes que teñan a obriga de dotarse dun instrumento de ordenación forestal, non poderán percibir as axudas, subvencións ou beneficios fiscais regulados pola normativa vixente en materia forestal se, chegada a data máxima na que se deben dotar de tales instrumentos, incumpriran a súa obriga ao respecto.

Disposición transitoria novena. Montes con consorcios ou convenios coa Administración

1. Os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes á entrada en vigor desta Lei, serán obxecto de:

a)      Cancelación de oficio nun prazo máximo de dous anos contados a partir da entrada en vigor desta Lei, nos casos seguintes: 

·        Montes que non presenten saldo debedor á data de entrada en vigor da presente Lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado

·        Montes catalogados de dominio público, que pasen a xestionarse de acordo co establecido no artigo 34 e seguintes desta lei.

·        Montes que non conseguiran os fins para os que se subscribira o convenio ou consorcio por causas relacionadas co estado legal, administrativo ou económico do monte.

b)      Transformación, nun prazo máximo de tres anos contados a partir da entrada en vigor desta Lei, nun contrato de xestión pública. No caso de non formalizarse o novo contrato no prazo establecido, declararase de oficio caducados, debendo o propietario aboar o saldo debedor á comunidade autónoma. De non producirse dito abono, procederase a súa anotación preventiva, en concepto de carga real, das cantidades adebedadas á comunidade autónoma de Galicia, no correspondente Rexistro da Propiedade, e non poderán ter de axudas ou beneficios de ningún tipo en tanto non regularicen a súa situación nos termos previstos na presente Lei. 

2. Previamente á cancelación do convenio ou consorcio, a Administración forestal aprobará un instrumento de ordenación forestal, consonte ao artigo 80, que garanta a continuidade da xestión forestal sostible .

3. A conversión a un novo contrato de xestión pública considerará, como primeira partida do anticipo reintegrable de novo contrato, a diferenza entre a suma das partidas de gastos sufragados pola Administración forestal e os ingresos do consorcio ou convenio,  aplicando a partir dese momento o réxime previsto para a contabilización.

4. A efectos contables, as débedas dos consorcios realizados pola Administración forestal serán condonadas polo importe a que ascendía a dita conta no momento da clasificación do monte como veciñal en man común.

5. As cancelacións referidas no apartado primeiro da presente disposición transitoria, publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería competente en materia de montes.

Disposición transitoria décima. Procedementos en tramitación e adecuación ás distancias  previstas para repoboacións.

1. Aos procedementos iniciados ao abeiro da normativa existente con anterioridade á entrada en vigor desta lei serálles aplicable a normativa vixente no momento da súa iniciación, excepto o disposto no apartado seguinte ou nos casos en que o previsto nesta Lei sexa máis favorable para o interesado.

2. O rexime sancionador previsto nesta lei ou, de ser o caso, na modificación introducida na normativa de incendios forestais, será aplicable aos procedementos en curso sempre que o réxime xurídico sexa máis favorable ca o previsto na lexislación anterior.

3. As repoboación realizadas desde xaneiro do 2008 incumprindo as distancias establecidas na normativa anterior, teñen un prazo máximo de dous anos desde a entrada en vigor desta Lei para adecuarse ás novas distancias. As repoboacións anteriores a esta data terán que adaptarse ás novas distancias cando se restaure a masa, unha vez realizado o aproveitamento.

Disposicións derrogatorias

Disposición derrogatoria

 

1. Quedan derrogadas todas as disposicións legais de igual ou inferior rango, usos e costumes, que contradigan o preceptuado na presente Lei e particularmente quedan derrogados:

a)      a disposición adicional segunda da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de Dereito Civil de Galicia.

b)      Os artigos 1.d), 12, Capítulo IV do Título III (artigos 25, 26, 27 e 28), artigo 41 e puntos 5) e 6) do artigo 50.2, da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios de Galicia.

c)      Decreto 81/1989, do 11 de maio, sobre medidas de ordenación das novas plantacións co xénero Eucaliptus.

d)      Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais en montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e)      Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia, e canto se opoña ao establecido na presente Lei.

f)        Decreto 43/2008, do 28 de febreiro, polo que se determina o ámbito de aplicación dos Plans de Ordenacións dos Recursos Forestais para Galicia.

2. Todas as normas regulamentarias ditadas ao abeiro dos textos derrogados aos que se refire o apartado anterior, continuarán vixentes, en tanto non se opoñan ao previsto na presente Lei, ata a entrada en vigor das normas que a desenvolvan.

Disposicións derradeiras

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia queda modificada como segue:

Un. A letra g) do artigo 6 queda redactada do seguinte modo:

“g) Ordenar a xestión da biomasa vexetal nos termos dos artigos 20bis,  21bis e 22 e consonte os criterios que se establecerán regulamentariamente por orde da consellaría competente en materia forestal”.

Dous. As letras a), d) e e) do artigo 7 quedan redactadas do seguinte modo:

“a) Elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, consonte ao previsto nesta lei e na lexislación galega de montes, e integralos nos plans de emerxencia municipais, de acordo co previsto na lexislación galega de emerxencias.

d) A ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, en consonancia cos artigos 199.2 e 9.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e de xeito máis concreto a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 21, 22 e 23 desta lei, contando para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59 desta lei conforme o establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

e) Xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e nas faixas laterais das redes viarias da súa titularidade nos termos desta lei”.

Tres. O parágrafo 2 do artigo 9 queda redactado do seguinte modo:

“2. A consellería con competencias en materia forestal establecerá as datas correspondentes á época de perigo alto”.

Catro. O artigo 11 queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 11. Zonas de alto risco de incendio.

1. Para os efectos desta lei, e con base nos criterios da información histórica e dos datos estatísticos sobre a ocorrencia de incendios forestais, vulnerabilidade poboacional, ameazas aos ecosistemas forestais e protección  do solo fronte á erosión, determinaranse as zonas de alto risco de incendio forestal existentes no territorio.

2. As zonas de alto risco de incendio forestal son as superficies onde se recoñece como prioritaria a aplicación de medidas máis rigorosas de defensa contra os incendios forestais ante o elevado risco de incendio, pola especial frecuencia ou virulencia dos incendios forestais ou pola importancia dos valores ameazados.

3. Estas zonas serán identificadas e delimitadas a nivel de parroquia e concello no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito regulados nos artigos 14 e 15 desta lei.

4. A planificación das actuacións preventivas e de defensa que se elabore para estas zonas de alto risco de incendio se integrará nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

5. As zonas de alto risco de incendio serán declaradas por orde da consellaría con competencia en materia forestal”.

Cinco. O parágrafo 6 do artigo 13 queda redactado do seguinte xeito:

“6. Os plans previstos neste artigo deberán ser redactados por profesionais con titulación universitaria de grao con atribucións en materia forestal”.

Seis. Os parágrafos 2 e 5 do artigo 14 quedan redactados do seguinte xeito:

“2. A elaboración do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia correspóndelle á consellería competente en materia forestal.

 A aprobación deste Plan correspóndelle ao Consello da Xunta a proposta da devandita consellería, oído o Consello Forestal de Galicia.

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia integrarase no Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolvendo o nivel 0 de emerxencia por incendios forestais”.

“5. As modificacións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia serán integradas no Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais da Comunidade Autónoma de Galicia”.

Sete. Os parágrafos 2 e 7 do artigo 15 quedan redactados do seguinte xeito:

“2. A elaboración dos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito correspóndelle á dirección xeral correspondente da consellería competente en materia forestal, sendo aprobados pola persoa titular da dita consellería”.

“7. A consellaría competente en materia forestal, poderá crear e aplicar programas especiais de intervención no ámbito dos plans de prevención e defensa contra incendios forestais de distrito para áreas forestais contiguas a infraestruturas de elevado valor estratéxico e para áreas forestais estratéxicas de elevado valor, de acordo co establecido nos plans de ordenación de recursos forestais”.

Oito. O parágrafo 2 do artigo 16 queda redactado do seguinte xeito:

“2. A estrutura dos plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais será establecida por orde da consellaría con competencias en materia forestal, de acordo coas directrices que estableza a normativa aplicable en materia de emerxencias. En todo caso incluirá a rede das pistas, vias, camiños, estradas e dos montes de titularidade municipal e a definición das redes de faixas secundarias, así como a análise da propiedade destas redes de faixas”.

Nove. O apartado 2 do artigo 18 queda redactado do seguinte xeito:

“2. As redes de defensa contra os incendios forestais do distrito integran os seguintes compoñentes:

a) Redes de faixas de xestión de biomasa

b) Rede viaria forestal.

c) Rede de puntos de auga.

d) Rede de vixilancia e detección de incendios forestais.

e) Outras infraestruturas de apoio á extinción”.

Dez. O artigo 19 queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 19. Normalización das redes de defensa contra os incendios forestais dos distrito:

As normas técnicas e funcionais relativas á clasificación, construción, mantemento e sinalización de vías integrantes da rede viaria forestal, puntos de auga e demais infraestruturas forestais integrantes das redes de defensa contra os incendios forestais dos distritos serán desenvolvidas regulamentariamente por orde da consellería competente en materia forestal”.

Once. O artigo 20 queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 20. Redes de faixas de xestión de biomasa.

1. A xestión da biomasa existente nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal é realizada a través de faixas, situadas en lugares estratéxicos, onde se procede á modificación ou á remoción total ou parcial da mesma buscando a rotura da continuidade horizontal e vertical do combustible forestal presente.

2. As faixas de xestión de biomasa divídense en redes primarias, secundarias e terciarias.

3. As redes primarias de faixas de xestión de biomasa son infraestruturas liñais de prevención e defensa, e se localízan ao longo:

a) Da rede de autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais.

b) Das infraestruturas ferroviarias.

c) Das liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica e de gas natural.

4. As redes secundarias de faixas de xestión de biomasa teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais e as intraestruturas e os equipamentos sociais, as zonas edificadas, os parques e polígonos industrias.

5. As redes terciarias de faixas de xestión de biomasa localízanse nos terreos forestais e zonas de influencia forestal e están vinculadas ás seguintes infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais: camiños, vias, pistas forestais, devasas, faixas auxiliares de pista e áreas cortalumes

6. As especificacións técnicas en materia de defensa do monte contra os incendios forestais relativas a equipamentos forestais ambientais e de uso social situados en terreos forestais serán definidas mediante orde conxunta das consellarías competentes en materia forestal e de conservación da natureza.

7. Sen prexuízo do disposto nos artigos seguintes, as especificacións técnicas relativas á construción e mantemento das redes de faixas de xestión de biomasa desenvolveraas a consellaría competente en materia forestal.

8. As accións e os proxectos de repoboación deberán respectar as faixas de xestión de biomasa previstas neste artigo”.

Doce. O artigo 20 bis queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 20 bis. Redes primarias de faixas de xestión de biomasa.

1. Nos espazos definidos como redes primarias de faixas de xestión de biomasa será obrigatorio para as persoas responsables nos termos establecidos no artigo 21. ter desta lei:

 a) Ao longo da rede de autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais, deberase xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei, nosnos terreos incluídos na zona de dominio público. Ademais, nos devanditos terreos non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei.

b) Ao longo da rede ferroviaria, deberase xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados nesta lei, nos terreos incluídos na zona de dominio público.. Nesta faixa non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei.

c) Nas liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, sen prexuízo do necesario respecto das especificacións da regulamentación electrotécnica sobre distancia mínima entre os condutores, as árbores e outra vexetación deberase xestionar a biomasa nunha faixa de 5 metros desde a proxección dos condutores eléctricos”. Además, nunha faixa de 5 metros desde a estremeira da infraestrutura non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei.

d) Nas liñas de transporte do gas natural deberase xestionar a biomasa nunha faixa de un metro e medio a cada lado da dita liña.

Trece. O artigo 21 queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 21. Redes secundarias de faixas de xestión de biomasa.

1. Nos espazos previamente definidos como redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais será obrigatorio para as persoas responsables no artigo 22 desta lei  xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 metros arredor de calquera núcleo poboacional, edificación, urbanización, depósito de lixo, cámpings, obras, parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros do monte, de acordo cos criterios para a xestión de biomasa estipulados nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento. Ademais nos 30 metros desde a estrema da propiedade,  non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira desta lei.

2. A xestión da biomasa e a retirada de especies da disposición adicional terceira na faixas de protección a que se refire este artigo , nas edificacións e instalacións construidas sen licencia municipal ou incumprindo os termos da mesma, dará dereito a unha indemnización polos danos e perdas que poida ocasionar, así como ao lucro cesante a cargo das persoas propietarias dos terreos edificados e a favor do propietario das especies afectadas.

A xestión da biomasa será realizada pola persoa propietaria dos terreos edificados, para o cal disporá dunha servidume de paso forzosa para acceder á faixa establecida. Este acceso farase durante o tempo estritamente necesario para o labor de xestión da biomasa, e polo punto menos prexudicial ou incómodo para os terreos gravados e, de ser compatible, polo máis conveniente para o beneficiario.

A retirada de especies arbóreas  será realizada polo propietario delas”.

Catorce. Engádese un novo artigo 21.bis, que se redacta do seguinte xeito:

“Artigo 21 bis. Redes terciarias de faixas de xestión de biomasa.

1. Nos espazos previamente definidos como redes terciarias de faixas de xestión de biomasa nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais do distrito, que en todo caso se actualizarán incluíndo as infraestruturas preventivas contempladas nos proxectos de ordenación ou xestión forestal no ámbito do correspondente distrito, será obrigatorio para as persoas responsables nos termos establecidos no artigo 21 ter desta lei :

a) Xestionar a biomasa vexetal na totalidade das parcelas que sexan colindantes con áreas forestais e naturais definidas de valor especial, a unha distancia inferior a 25 metros do seu perímetro, consonte o previsto nos criterios para a xestión de biomasa definidos nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

b) Nas vías e camiños forestais, a xestión da biomasa vexetal farase, no estrato arbustivo e subarbustivo, nos dous metros desde a aresta exterior da vía ou camiño.

c) No resto de infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais (devasas, faixas auxiliares de pista, desbroces, áreas cortalumes), a xestión da biomasa vexetal farase de acordo co planeamento de prevención e defensa contra os incendios forestais dos distritos e deberán recollerse nos instrumentos de ordenación ou xestión forestal”.

Quince. Engádese un novo artigo 21.ter, que se redacta do seguinte xeito:

“Artigo 21 ter. Persoas responsables.

Para os efectos do establecido nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis, entenderase por persoas responsables as propietarias, arrendatarias, usufrutuarias ou persoas titulares de calquera outro dereito real ou persoal sobre os terreos forestais e os terreos situados nas zonas de influencia forestal para os supostos dos artigos 21 e 21 bis, así como as administracións, entidades ou sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión, ou cedida esta en virtude dalgunha das formas previstas legalmente, das vías de comunicación e liñas de transporte de enerxía eléctrica para os supostos referidos no artigo 20 bis e na letra b) do artigo 21bis, se é o caso”.

Dezaseis. O artigo 22 queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 22. Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas.

1. As persoas físicas ou xurídicas responsables segundo o disposto no artigo 21 ter procederán á execución da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa antes do 30 de xuño de cada ano e consonte os criterios establecidos por orde da consellería competente en materia forestal.

2. No suposto de incumprimento do disposto no número anterior, os entes locais, no caso do artigo 21 e nas faixas laterais das redes viarias da súa titularidade, así como a consellería competente en materia forestal nos restantes casos, poderán notificar, de oficio ou a instancia de parte, ás persoas responsables a súa obriga de xestión da biomasa vexetal, advertíndolles da posibilidade de execución subsidiaria no caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda e da aplicación de multas coercitivas se é o caso.

3. Se no prazo máximo de quince días naturais os citados titulares non acometen a xestión da biomasa, as citadas administracións públicas, consonte as atribucións competenciais definidas con anterioridade, poderán proceder á execución subsidiaria dos traballos de xestión de biomasa, repercutíndolles os custos ás persoas responsables segundo o disposto no artigo 21 ter.

4. No caso de execución subsidiaria, as persoas responsables segundo o disposto no artigo 21 ter están obrigadas a facilitarlles os necesarios accesos ás entidades responsables dos traballos de xestión da biomasa.

5. Malia o anterior, a consellería competente en materia forestal poderá proceder á execución directa de traballos preventivos nas redes de faixas de xestión de biomasa establecidas nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis, sen necesidade de requirimento previo, cando se declarase un incendio forestal que supoña un risco inminente para as persoas ou os bens”.

Dezasete. O artigo 23 queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 23. Novas edificacións en zonas forestais e de influencia forestal e medidas de prevención de incendios forestais nas urbanizacións.

1. Os instrumentos de planeamento urbanístico deberán ter en conta a avaliación de risco de incendio forestal, no que respecta á zonificación do territorio e ás zonas de alto risco de incendio que constan nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito.

2. As edificacións para uso residencial, comercial, industrial ou de servizos, e as instalacións destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como as vivendas vinculadas a estas situadas en zonas forestais, e máis as urbanizacións, edificacións e instalacións resultantes da execución de plans de ordenación urbanística situadas nas zonas de influencia forestal que non teñan continuidade inmediata coa trama urbana, terán que cumprir coas seguintes medidas de prevención:

a) Asegurar a existencia, dunha faixa perimetral de protección de 30 metros de ancho dentro da mesma propiedade, ao redor da edificación ou instalación, libre de vexetación seca e coa masa arbórea aclarada, consonte aos criterios que se establecerán mediante orde da consellería competente en materia forestal.

b) Nas zonas de alto risco de incendio, será necesario adoptar medidas especiais de autoprotección pasiva da edificación ou instalación fronte a posibles fontes de ignición procedente de incendios forestais.

c) Dispoñer de xeito perimetral dunha rede de hidrantes homologados para a extinción de incendios, ou no seu defecto de tomas de auga, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

d) Presentar ante a administración municipal un proxecto técnico de prevención e defensa contra incendios forestais que garanta o cumprimento do que establece esta lei e a normativa que a desenvolva, así como o cumprimento do plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais, se é o caso.

3. En ningún caso, as medidas que se establezcan de acordo cos parágrafos anteriores, poderán afectar ou prexudicar a terceiros.

4. No caso de incumprimento da xestión da biomasa vexetal, corresponderalle ao concello a súa realización, acudindo á execución subsidiaria de acordo co establecido no artigo 22 desta lei, sen prexuízo da instrución do correspondente expediente sancionador”.

Dezaoito. O artigo 24 queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 24. Silvicultura preventiva

1. A silvicultura preventiva recolle o conxunto de accións no ámbito da defensa dos montes contra incendios forestais e engloba as medidas aplicadas ás masas forestais, matogueiras e outras formacións espontáneas, ao nivel da composición específica e do seu arranxo estrutural, cos obxectivos de diminuír o perigo de incendio forestal e de garantir a máxima resistencia do territorio á propagación do lume.

2. Os instrumentos de ordenación  ou xestión forestal deben explicitar as medidas de silvicultura e da rede de infraestruturas de terreos forestais que garantan a descontinuidade horizontal e vertical da biomasa forestal, no ámbito das orientacións do planeamento de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito

3. Regulamentariamente desenvolveranse os criterios para a ordenación preventiva do territorio forestal e a súa aplicación nos instrumentos de ordenación ou xestión forestal”.

Dezanove. Engádese un novo artigo 24 bis que ten a seguinte redacción:

“Artigo 24 bis. Depósitos de subprodutos forestais

1. Durante os meses de xullo, agosto e setembro, só será permitido o amoreamento en cargadeiro de subprodutos resultantes de corte ou extracción forestal tales como a biomasa forestal residual, estelas, cortiza, resina e todo tipo de restos agrícolas, sempre que sexa salvagardada unha área sen vexetación cun mínimo de 10 metros arredor.

2. Os depósitos temporais de rolla quedan expresamente excluídos da aplicación deste artigo”.

Vinte. Modifícanse o parágrafo 1, as letras a) e b) do parágrafo 2 e o parágrafo 5 do artigo 31:

“1. Durante a época de perigo alto de incendios forestais, definida no artigo 9 desta lei, queda condicionado o acceso, a circulación e a permanencia de persoas e bens nos terreos forestais incluídos:

a) Nas zonas de alto risco de incendio referidas no artigo 11.

b) Nas áreas baixo xestión da Xunta de Galicia, sinalizadas a tal fin.

c) Nas áreas onde exista sinalización correspondente á limitación de actividades”.

“2. O acceso, a circulación e a permanencia de persoas e bens nos terreos e condicións establecidas no punto anterior, quedan condicionados nos seguintes termos:

a) Cando se verifique que o índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) sexa moi alto ou extremo, non estará permitido acceder, circular e permanecer no interior das áreas referidas no número anterior, así como nos camiños forestais, camiños rurais e outras vías que as atravesan.

b) Cando se verifique que o IRDI sexa alto, non estará permitido, no interior das áreas referidas no número anterior, proceder á execución de traballos que supoñan a utilización de maquinaria sen os dispositivos previstos no artigo 39”.

“5. Nas áreas as que se refire a letra b) da alínea 1 deste artigo o acceso queda condicionado ademais ao sinalado pola consellaría competente en materia de conservación da natureza cando afecte a espazos naturais protexidos”.

Vinte e un. Modifícanse as letras c) e f) do parágrafo 1 e as letras d) e e) do parágrafo 2 do artigo 32.

“1. Constitúen excepcións ás medidas referidas nas alíneas a) e b) do número 2 e no número 3 do artigo 31:

c) O acceso e permanencia nas áreas recreativas cando estean debidamente equipadas, nos termos da lexislación aplicable.

f) O acceso, a circulación e a permanencia no interior das referidas áreas de autoridades e persoal dependente das administracións con competencias en materia forestal, de axentes das forzas e corpos de seguridade das distintas administracións e de autoridades, forzas armadas e persoal de protección civil e emerxencias”.

“2. O disposto no artigo 31 non se aplica, en ningún caso:

d) Aos predios rústicos para aproveitamento cinexético, cando non estean incluídos nos terreos forestais das zonas de alto risco de incendio.

e) Á execución de obras de interese público, con tal recoñecemento, baixo a responsabilidade do adxudicatario das mesmas”.

Vinte e dous. Modifícase o artigo 34, que queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 34. Comunicacións e autorizacións de queimas de restos agrícolas e forestais.

1. A queima de restos agrícolas amoreados en terreos agrícolas e naqueles terreos situados nas zonas de influencia forestal será comunicada previamente con carácter obrigatorio á consellaría competente en materia forestal nos termos que se fixen regulamentariamente. Queda prohibida a queima de restos agrícolas e de actividades de xardinería, en terreos forestais.

2. A queima de restos forestais amoreados en terreos agrícolas, forestais ou naqueles situados nas zonas de influencia forestal deberá contar con autorización preceptiva da consellería competente en materia forestal nos termos que se fixen regulamentariamente. En todo caso, para a concesión da autorización de queima de restos forestais teranse en conta os riscos e a superficie que se soliicita queimar”.

Vinte e tres. Modifícase o parágrafo 4 do artigo 35 e engádese un novo parágrafo 6 no dito artigo, que quedan redactados do seguinte xeito:

“4. A realización de queimas controladas só estará permitida fóra da época de perigo alto e cando o IRDI sexa baixo  ou moderado”.

“6. Así mesmo, no caso de que as queimas controladas se desenvolvan en terreos cualificados como espazos naturais protexidos segundo a normativa sectorial de aplicación, será necesario o informe previo da consellaría competente en materia de conservación da natureza”.

Vinte e catro. Modifícase a letra a) do parágrafo 1 e os parágrafos 2 e 3 do artigo 36 que quedan redactados do seguinte xeito:

“1. Nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, durante a época de perigo alto, queda prohibido:

a) Realizar fogueiras para recreo ou ocio e para a preparación de alimentos, así como utilizar equipamentos de queima e de combustión destinados á iluminación ou á elaboración de alimentos”.

“2. Nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal, fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o IRDI de niveis moi alto e extremo, manteranse as restricións referidas no número anterior”.

“3. Exceptúase do disposto na alínea a) do número 1 e no número anterior a preparación de alimentos en espazos non incluídos en zonas de alto risco de incendio sempre que sexa realizada nas áreas expresamente previstas para o efecto, como son as áreas recreativas e outras cando estean debidamente identificadas e conten con infraestruturas axeitadas para tal fin. Excepcionalmente a Consellería con competencias en materia forestal poderá autorizar áreas recreativas incluídas en zonas de alto risco, nas que se poidan preparar alimentos, sempre que conten cos requisitos, instalacións e equipamentos específicos que se sinalen regulamentariamente”.

Vinte e cinco. Modifícanse os parágrafos 1, 4 e 5 do artigo 37, que quedan redactados do seguinte xeito:

“1. En todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal, durante a época de perigo alto, as fogueiras ou artefactos que leven aparellado o uso do lume, así como a utilización de fogos de artificio, o lanzamento de globos e  doutros artefactos pirotécnicos, que en todos os casos estean relacionados coa celebración de festas locais ou de arraigada tradición cultural, está suxeita á autorización previa do respectivo concello, que incluirá as medidas específicas de seguridade e prevención axeitadas. Con anterioridade á concesión da autorización, o concello deberá solicitar cunha antelación mínima de catro días á xefatura territorial da consellería competente en materia forestal o IRDI previsto para as datas de celebración.

No caso de que o IRDI sexa moi alto ou extremo o concello non poderá autorizar a utilización de fogos de artificio, globos e artefactos pirotécnicos. Nos casos de que o IRDI sexa moi alto ou extremo o día da celebración, entenderanse revogadas as autorizacións emitidas.

A autorización outorgada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas a que houber lugar no caso de que concorra neglixencia ou imprudencia. O concello responderá subsidiariamente dos danos e perdas ocasionadas”.

“4. Fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o IRDI de niveis moi alto e extremo mantéñense as restricións referidas no número 1 deste artigo”.

“5. Fóra da época de perigo alto e desde que se verifique o IRDI de niveis alto, moi alto e extremo, mantéñense as restricións referidas nos números, 2 e 3 deste artigo”.

Vinte e seis. Modifícase a denominación do Capítulo I do Título VI, que queda redactado do seguinte xeito:

“Capítulo I

Actividades en terreos queimados”

Vinte e sete. Modifícase o artigo 40, que queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 40. Autorización de aradura

Dende a data no que se producira un incendio forestal ata o 31 de decembro do segundo ano consecutivo, a autorización de aradura para imprantación de cultivos agrícolas ou pasteriros en calquera terreo forestal concederase de forma excepcional atendendo as circunstancias especiais que se determinen regulamentariamente, nos termos previstos no artigo 50.1 da Lei 43/2003, de montes”.

Vinte e oito. Modifícase o artigo 42, que queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 42. Aproveitamento de madeira queimada

Os aproveitamentos de madeira queimada, con independencia da especie forestal, requirirán a autorización previa do órgano inferior competente por razón do territorio da consellería competente en materia forestal. Desenvolveranse regulamentariamente as condicións para a autorización do aproveitamento da madeira queimada por incendios forestais”.

Vinte e nove. Modifícase o artigo 43, que queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 43. Limitacións ao pastoreo.

1. Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todos os terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais, nun prazo mínimo a contar desde a data en que se producira o incendio ata o 31 de decembro do segundo ano consecutivo e ata que as axeitadas condicións de restauración da masa arborada, se é o caso, o permitan. Neste caso, precisarase de autorización administrativa nos termos que se establezan para o efecto.

2. Regulamentariamente poderán preverse excepcións á prohibición establecida na alínea anterior, baseadas na acreditación de perdas de difícil reparación pola prohibición ao pastoreo ou na inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas por incendios forestais dentro da mesma demarcación forestal, excepto que se trate de superficies arboradas queimadas., ou superficies de parroquias incluidas en zonas declaradas como de alto risco onde, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa grande virulencia, precisen medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos polos mesmos”.

Trinta. Modifícase o artigo 44, que queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 44. Limitacións á actividade cinexética.

1. Os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados quedan prohibidos durante un período a contar dende a data en que se producira o incendio ata o 31 de decembro do segundo ano consecutivo, agás autorización expresa da dirección xeral competente en materia cinexética, logo de informe favorable da consellaría competente en materia forestal.

2. A falta desta autorización, ou a realización da actividade en condicións distintas ás autorizadas, sancionarase consonte o disposto na lexislación galega en materia cinexética”.

Trinta e un. Modifícanse os parágrafos 5 e 6 do artigo 46, que quedan redactados do seguinte xeito:

“5. A instalación de calquera equipamento de comunicación radioeléctrica que poida interferir na calidade das comunicacións da rede radio dos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais requirirá de informe previo favorable da consellaría competente en materia forestal”.

“6. Calquera plantación que se realice no espazo de 50 metros ao redor dun posto de vixía requirirá igualmente de informe previo favorable da consellaría competente en materia forestal”.

Trinta e dous. Modifícanse os parágrafos 1, 2, 3, a letra d) do parágrafo 4 e o parágrafo 6 do artigo 48:

“1.Toda persoa que observe a existencia ou o comezo dun incendio está obrigada a comunicárllelo aos servizos de prevención e defensa contra os incendios forestais, a través do 085 ou do teléfono de emerxencias 112, ou ás forzas e corpos de seguridade do Estado do xeito máis rápido posible e, se é o caso, a colaborar, dentro das súas posibilidades, á extinción do incendio”.

“2. A Dirección Técnica de Extinción realizase por persoal técnico dependente da consellería competente en materia forestal. As operacións de extinción dos incendios forestais son realizadas polo persoal pertencente ao servizo de defensa contra incendios forestais, polo persoal dependente dos servizos de protección civil e por profesionais habilitados para o efecto pola consellaría competente en materia forestal”.

“3. O sistema de extinción de incendios forestais basearase nunha estrutura de base territorial, profesionalizada e integrada, baixo o mando único da administración competente en materia forestal, a través dos órganos que se especifiquen no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA)”.

“4. Poden participar nas operacións de extinción e de remate de incendios forestais, baixo o mando único operativo dependente da consellaría competente en materia forestal:

d) O persoal dependente dos servizos de Protección Civil, dos  grupos locais de pronto auxilio e outros vencellados a protección civil”.

“6. En situacións de emerxencia, cando para a extinción dun incendio forestal fose preciso, a persoa directora ou responsable técnica das tarefas de extinción poderá mobilizar os medios públicos e privados para actuar na extinción de acordo cun plan de operacións. Así mesmo, poderá dispoñer, cando sexa necesario e aínda que non se poida contar coa autorización das persoas titulares respectivas, a entrada de equipos e medios en predios forestais, agrícolas ou gandeiros, a circulación por camiños privados, a apertura de brechas en muros ou cercas, a utilización de augas, a apertura de devasas de urxencia, a queima anticipada mediante contralume nas zonas que se considere, dentro dunha normal previsión, que poden ser consumidas polo incendio”.

Trinta e tres. Modifícanse os puntos 1), 3), 4), 7), 10) do parágrafo 2. do artigo 50 e engádese un novo punto 12), que quedan redactados do seguinte xeito:

“1) O incumprimento da obriga de xestionar a biomasa consonte o previsto nalgún dos artigos 20 bis, 21, e 21 bis, 21 ter, 22 e 23, ou na disposición transitoria terceira desta lei”.

“3) O incumprimento das medidas de prevención para as novas edificacións en zonas forestais e de influencia forestal nos termos do artigo 23.2”.

“4) A execución de medidas de silvicultura preventiva vulnerando o disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento”.

“7) Depositar produtos forestais en condicións distintas das previstas no artigo 24 bis desta lei”.

“10) A práctica do pastoreo nos terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais vulnerando o disposto no artigo 43 desta lei ou incumprindo a autorización prevista nel.

“12) Repoboacións realizadas a menos de 50 metros ao redor dun posto de vixía sen informe favorable da consellería competente em materia forestal”.

Trinta e catro. Modifícase a letra b) do parágrafo 1 do artigo 51, que queda redactada do seguinte xeito:

“b) A conduta tipificada na alínea 2.8 do artigo 50 desta lei cando o IRDI sexa extremo”.

Trinta e cinco. Modifícanse as letras b), d) e e) do parágrafo 2 do artigo 51 e introdúcese unha nova letra h) no parágrafo 2 do artigo 51, que quedan redactadas como segue:

“b) As condutas tipificadas na alínea 2.8 do artigo 50 desta lei cando o IRDI sexa moi alto.”

“d) A conduta tipificada no alínea 2.7 do artigo 50”.

“e) A conduta descrita na alínea 2.4 do artigo 50 cando as medidas de silvicultura se realicen en terreos incluídos nas redes secuntarias de faixas de xestión de biomasa”

“h) A conduta tipificada na letra k) do artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, do montes, cando o IRDI sexa moi alto ou extremo”.   .

Trinta e seis. Modifícase o parágrafo 1 do artigo 52, que queda redactado do seguinte xeito:

“1. Para a determinación concreta da sanción que se impoña, entre as asignadas a cada tipo de infracción, tomaranse en consideración, ademais dos criterios establecidos na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, os seguintes, que deberán ser debidamente motivados na instrución do expediente sancionador:

a) A superficie afectada e o valor atribuído a cada tipo de cobertura vexetal.

b) A adopción inmediata e eficaz de medidas tendentes a diminuír o dano ou prexuízo ocasionado.

c) A falta de acompañamento técnico adecuado na realización de queimas controladas, consonte o previsto no artigo 35.3 desta lei.

d) A diferente consideración da época de perigo, zonas de risco e IRDI, na data da comisión da infracción, segundo o disposto nos artigos 9, 10, 11 e 12 desta lei.

e) A reiteración, entendida como a concorrencia de varias irregularidades ou infraccións que se sancionen no mesmo procedemento.

f) A intencionalidade

g) A situación de risco xerado para as persoas ou os bens

h) O ánimo de lucro

i) Os prexuízos causados e a irreversibilidade dos mesmos

j) A trascendencia social, medioambiental ou paisaxística

k) A agrupación ou organización para cometer a infracción

l) Que a infracción sexa cometida en zona queimada ou declarada como de especial risco de lumes”.

Trinta e sete. Engádese un novo artigo 53 bis, que se redacta como segue:

“Artigo 53 bis. Multas coercitivas e execución subsidiaria:

1. Se os infractores non procederan á reparación ou indemnización, de acordo co establecido nesta lei, e logo de transcorrido prazo sinalado no requirimento correspondente, a Administración instrutora poderá acordar a imposición de multas coercitivas ou a execución subsidiaria.

2. A multas coercitivas serán reiteradas por lapsos de tempo que sexan suficientes para cumprir o ordenado, e a contía de cada unha das ditas multas non superará o 50 % da multa fixada pola infracción cometida.

3. A execución subsidiaria da reparación ordenada será a costa do infractor”.

Trinta e oito. Modifícase o artigo 55, que queda redactado do seguinte xeito:

“Artigo 55. Prazo de resolución

1. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución expresa que poña fin ao procedemento será de nove meses, contados desde a data de inicio do procedemento administrativo sancionador, que corresponde coa data do acordo de incoación. Despois de transcorrer este prazo sen que se notificase a resolución, producirase a caducidade deste co arquivo das actuacións, sen prexuízo da obriga de ditar a correspondente resolución.

2. No caso de que o procedemento se suspenda ou paralice por causas imputables ao interesado, interromperase o cómputo do prazo para resolver.

3. De conformidade co disposto pola lexislación básica do procedemento administrativo, o órgano competente para resolver, de oficio ou a instancia da persoa instrutora, pode acordar mediante resolución motivada unha ampliación do prazo de aplicación que non exceda da metade do prazo inicialmente establecido. A dita resolución debe ser notificada á persoa interesada antes do vencemento do prazo de caducidade contemplado nesta lei.

4. A caducidade do procedemento non produce por si mesma a prescrición da infracción. Non obstante o anterior os procedementos caducados non interromperán o prazo de prescrición”.

Trinta e nove. Modifícase o parágrafo 2 do artigo 58, que queda redactado do seguinte xeito:

“2. Terán preferencia, na asignación de beneficios, aqueles titulares de montes que dispoñan de instrumentos de ordenación ou xestión forestal, debidamente aprobados de acordo co disposto nesta lei, e os propietarios que teñan un seguro de incendios.

Corenta . Modifícase o parágrafo 2 do artigo 59, que queda redactado do seguinte xeito:

“2. A Xunta de Galicia incluirá nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dotacións económicas para o asinamento de convenios de colaboración cos concellos para a realización de traballos preventivos regulados nesta lei, especialmente os relativos aos artigos 16.2 e 21bis.b), nas vías de titularidade municipal, e co fin de que poidan ter recursos para exerceren as competencias previstas nela consonte o artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia”.

Corenta e un. Modifícase a Disposición transitoria terceira, que queda redactada do seguinte xeito:

“Terceira.

1. En tanto non se definan as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, serán de directa aplicación as obrigas derivadas do disposto nos artigos 21 e 23 desta lei, agás a aplicación das obrigas contempladas no artigo 23 nas zonas forestais e de influencia forestal que non estean situadas en zonas de alto risco de incendio, para cuxo cumprimento as persoas responsables disporán do prazo dun ano para adaptarse ao disposto neste artigo.

2. En tanto non se definan as redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa, consonte co disposto nesta lei, no plan de defensa contra os incendios forestais de distrito, serán de directa aplicación as obrigas derivadas do disposto nos artigos 20 bis e 21 bis, agás a obriga contemplada na letra d) do artigo 20 bis, para cuxo cumprimento as persoas responsables disporán do prazo dun ano para adaptarse ao disposto nela”.

Corenta e dous. Modifícase a Disposición transitoria cuarta, que queda redactada como segue:

“Cuarta:

1. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito deberá adaptarse ao disposto nesta lei no prazo dun ano desde a súa entrada en vigor

2. Os Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais deberán adaptarse ao disposto nesta lei nun prazo de cinco anos desde a súa entrada en vigor. En tanto non se aproben estes plans rexerá en canto as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa o disposto no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito”.

Corenta e tres. Créase unha nova Disposición Adicional Cuarta

“Disposición Adicional Cuarta. As referencias á consellería do medio ambiente contidas nos artigos 3.2, parágrafo 2; 15.4.parágrafo 2; 15.8; 31.5; 34.2 e Disposición adicional Primeira desta lei, entenderanse feitas á consellería competente en materia de conservación da natureza”.

Disposición derradeira segunda. Da modificación dos Anexos

Facúltase á consellería competente en materia de montes para a modificación dos Anexos da presente Lei.

Disposición derradeira terceira. Habilitación normativa

Facúltase ao Consello da Xunta de Galicia para actualizar anualmente a contía dos importes monetarios que aparecen nesta Lei conforme á variación experimentada polo Índice de Prezos ao Consumo, ou o índice que o substitúa, para modificar o límite á segregación de montes establecidos nesta Lei e para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta Lei.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta Lei entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


ANEXO I

Coníferas
Piñeiro silvestre: Pinus sylvestris L.
Teixo: Taxus baccata L.

Frondosas
Ameneiro: Alnus glutinosa (L.) Gaertn.
Pradairo: Acer pseudoplatanus.
Bidueiro: Bétula sp.

Freixo: Fraxinus excelsior L.
Fraxinus angustifolia Vahl.

Castiñeiro: Castanea sativa Mill.
Castiñeiro híbrido: Castanea X híbrida (resistente tinta).
Cerdeira: Prunus aviun L.
Carballo: Quercus robur L.
Abeleira: Corylus avellana L.
Faia: Fagus silvática L.
Cerquiño: Quercus pyrenaica Will.
Sobreira: Quercus suber L.
Olmo: Ulmus glabra Huds.
Ulmus minor Miller.
Loureiro: Laurus nobilis L.
Sorbeira do monte: Sorbus aria.
Capudre: Sorbus aucuparia.
Carballo albar: Quercus petraea (Matts) Liebl.
Aciñeira: Quercus ilex L.
Quercus rotundifolia.
Castiñeiro para froito: Castanea sativa Mill.
Nogueira: Juglans regia L.
Érbedo: Arbutus unedo L.


ANEXO II
Distancias mínimas a respectar polas novas repoboacións forestais

 

a)      Con parcelas forestais

2 metros

b)      Con terreos situados en solo rústico de especial protección agropecuaria

10 metros

c)      Con zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados ou pastos, non clasificados de especial protección agropecuaria.

4 metros cando se empreguen as especies frondosas do Anexo I, e 10 metros no resto de especies.

d)      Coa aresta exterior da explanación das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais) ou ferrocarril

4 metros cando se empreguen as especies frondosas do Anexo I, e 10 metros no resto de especies.

e)      Con pistas forestais principais

 

2 metros cando se empreguen as especies frondosas do Anexo I, e 6 metros no resto de especies

f)        Desde a proxección dos condutores eléctricos da infraestrutura dos tendidos eléctricos

5 metros para todas as especies

g)      Canles fluviais de mais de 2 metros de largo

 

5 metros cando se empreguen as especies de frondosas do Anexo I, e 10 metros no resto de especies, a contar desde o dominio público.

h)      Vivendas e construcións legalizadas

i)        Solo urbano, solo de núcleo rural e solo urbanizable delimitado

10 metros cando se empreguen as especies de frondosas do Anexo I, e 30 metros no resto de especies

j)        Con gasolineiras e con industrias ou instalacións preexistentes nas que se desenvolvan actividades perigosas consonte o establecido na Lei 1/1992, do 2 de xaneiro, de protección medioambiental de Galicia, ou na súa normativa de desenvolvemento.  

25 metros para especies de frondosas do Anexo I, e 50 metros para o resto de especies