A Defensa do Monte Comunal obxectivo prioritario da Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Darbo de cara á vindeira Asemblea Extraordinaria

 

Este próximo sábado día 19 de decembro a partires das 17:30 h no CEIP San Roque de Darbo terá lugar a Asemblea Extraordinaria na que todos os comuneiros de Darbo están chamados a expresar a súa opinión acerca da sinatura da proposta de convenio de cesión do Campo de Fútbol de Montecarrasco presentado polo Concello de Cangas.

 

Este convenio, que implicaría ceder ao concello o Campo de Fútbol de Montecarrasco (propiedade desta comunidade de montes) por 50 anos, é un documento imprescindible para que a entidade municipal poda acometer unha actuación de mellora que suporían unha inversión de 400.000 € de fondos do Plan E. Este novo campo de herba artificial está previsto que sexa empregado polo Alondras C.F., outro dos promotores da iniciativa, e o seu uso poderá ser compartido con outros equipos e afeccionados da parroquia e do concello.

 

A Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Darbo, puxo desde o primeiro momento sobre a mesa o interese en poder vincular este convenio de cesión con outro convenio de mantemento de áreas de lecer (Balcón do Rei, Pedra Cabalgada, Arboreto da Raposa, Outeiro de Balea e San Roque) que se asinou coa anterior corporación municipal no ano 2005 que conleva un pago anual de 9.000 € e do que a entidade municipal debe varios pagos . Deste xeito o que se pretende é garantir o cobro desta cuantía para que o estado das principais áreas de esparcemento da parroquia, e que son frecuentemente visitadas por todos os veciños de Cangas, estean axeitadamente acondicionadas para o seu uso e desfrute. Esta posibilidade, plantexada pola Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Darbo foi desbotada polo concello, argumentando incompatibilidades administrativas a través da redacción dun informe xurídico, e sen vontade por atopar posibles alternativas para garantir a continuidade deste cobro. Desde a Comunidade de Montes de Darbo non se propón a solicitude dunha nova contraprestación económica pola cesión do campo, senón que o que se pretendeu é garantir no tempo, recibir a mesma que temos dende o ano 2005, o que faría que as principais áreas de lecer da parroquia de Darbo estén axeitadamente acondicionadas durante todo o tempo que dure a cesión.

 

O Campo de Fútbol de Montecarrasco atópase enclavado nunha zona clasificada nas Normas Subsidiarias de Planeamento en vigor, como equipamento dotacional, co correspondente valor urbanístico que isto ten e as posibilidades de destinalo a outros usos sociais. Os comuneiros de Darbo xa cederon no seu momento unha importante superficie de monte para o asentamento de dous centros de ensino (IES Montecarrasco e IES María Soliño) que dan servizo a todo Cangas, convertíndose así na comunidade de montes que máis terreo cedeu ata o momento ao Concello de Cangas.

 

Este longo proceso de recollida e intercambio de información entre o Concello e a Comunidade de Montes tivo continuidade coa celebración o pasado sábado día 12 dunha charla informativa na que se propiciou que os propios comuneiros formulasen as súas dúbidas e inquedanzas aos representantes municipais. A Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Darbo, co firme obxectivo de recabar información de todas as partes vinculadas neste asunto, recolleu odas as propostas que xurdiron e enviou unha serie de matizacións á proposta de convenio de cesión plantexado de cara a ser votado na próxima Asemblea Extraordinaria.

No momento de mandar este correo, non se recibiu resposta por parte dos representantes municipais de si consideran aceptar para a súa inclusión no convenio, as propostas feitas polos comuneiros na charla celebrada o día 12.12.09.

 

Desde xuño do ano 2005, cando a actual Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Darbo comezou a realizar as súas funcións como máximo órgano xestor deste organismo estableceuse unha nova prioridade no colectivo que non é outra que a defensa do monte comunal por riba de todo, unha figura tan identitaria de Galicia, como o seu idioma e polo tanto, un legado que desde esta Xunta Reitora loitaremos por conservar. Este será o motor que seguirá a guiar os pasos da nosa comunidade de montes mentres os membros desta Xunta Reitora conten co respaldo e apoio da Asemblea de Comuneiros. Para isto, é fundamental que todos os comuneiros participen na xestión e expresen a súa opinión ao respecto das propostas e proxectos que xordan en torno ao seu monte e, sobre todo, que se garanta que teñan a máxima información posible para que podan emitir o seu voto con total coñecemento e, polo tanto con plena liberdade de opinión.